Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mito e a política

martes, 15 de diciembre de 2015
Na nosa vida encontrámonos, a miúdo, con procederes e eventos que encerran estraños paradoxos. Expresámolo dicindo algo así como “isto é incrible, non se entende”. Sempre se trata de algo que se nos escapa das nosas limitadas capacidades de comprensión de certas realidades. Pero abunda nos contextos nos que o MITO anda polo medio sen que nos decatemos, coma o mesmo diaño.

Pero...que entendemos polo MITO?. Fuxindo das profundidades en perspectiva hermenéutica, acatemos o de narración marabillosa, situada fora do tempo histórico, na que se relatan feitos de personaxes divinos ou heroicos; pero tamén na actualidade hai mitificacións, principalmente referidas a algunhas persoas, das que se di que son un mito, para expresar a nosa admiración polas calidades que posúen ou que se lles atribúen sen telas. Ao lector non lle será difícil saber en que sentido empregamos o termo.

Referíndose os mitos fora do tempo histórico, podemos afirmar, apoiándonos en destacados estudosos, que todo mito oculta unha razón implícita, e toda razón conserva un mito aló no seu fondo, indiscutiblemente. Un exemplo talvez nos aclare un pouco máis o que pretendo dicir.

A mitoloxía vasca é moi rica en imaxes, e hai unha que, ademais de divertida, arroxa un importante significado. Trátase do PEINTEADO DA DEUSA MARI. Segundo nos relatan os que estudan esta temática, fai referencia a deusa Mari peiteando a súa fermosa cabeleira cun peite de ouro, sentada a porta da súa cova, ao sol. Di un antropólogo que é unha escena arquetípica ou orixinaria de signo ESTÁTICO–EXTÁTICO, é dicir, que sempre permanece nun mesmo estado con certa exaltación emocional. Claro, agora veñen as diversas interpretacións; pero nós vamos quedarnos coa que nos parece máis axeitada ao noso propósito.

Esa escena de Mari, peiteando os seus cabelos, co espello nunha man, soe interpretarse como unha regulación e ordenación da realidade, incluso a súa propia (co cardado do seu cabelo), que contempla a través do espello, como un lugar de reflexión, precisamente á luz do sol, despois de saír da escuridade da cova, semellando a caverna de Platón (República, VII), que nos leva a considerar o abandono das aparencias da escuridade da cova, para situarse nun espazo iluminado pola luz solar, dende o que se contempla a verdadeira realidade do mundo, e tamén “a propia” de maneira especular.

Pero Mari ordena a realidade para poder contemplala, e curiosamente así o fai tamén o científico para poder estudala, é dicir, segue imbuído por ese afán de desvelar, des–ocultar, sacar da escuridade, o que a realidade ten de regular, de ordenada, para poder entendela. E este entusiasmado quefacer científico permítenos pensar que deberíamos tomar moi en serio esa razón implícita que hai no mito, porque a mesma razón científica, que tanto respecto nos merece, “conserva aló no fondo”, así mesmo, o que o mito lle imbuíu.

Dito isto, penso que cabe afirmar que a política, entendida como actividade de quen “rexe ou aspira a rexer os asuntos públicos”, ten un pautado mitolóxico, non só porque a súa peculiar realidade conta, explícita ou implicitamente, cun substrato mitolóxico prehistórico, senón tamén porque está referida ás estruturas e institucións sociais, cuxos elementos constitutivos son as persoas humanas, que, como di N. Frye, teórico e crítico literario canadense, non existen directamente na natureza, coma os animais, senón nun contexto dun universo mitolóxico, cun conxunto de tradicións e crenzas nacidas das súas vivencias a través dunha herdanza psicolóxica común.

Pero ademais, é terreo abonado para traer a ela ( á política) a acepción máis lixeira do termo “mito”, porque os que aspiran a gañar a confianza dos cidadáns, como líderes políticos, adoitan ser suxeitos e, a vez obxectos, dun proceso de “mitoloxización”, propia ou allea, en canto se esforzan por aparentar posuír un grao de calidades que non teñen, ou en canto aceptan con disimulada compracencia as que lles atribúen impropiamente os cidadáns.

Por conseguinte, non é nada estraño que estean concitados a crear confusión, polo paradoxo de que, tanto nun suposto como no outro, non é fácil saber se están fora da cova ou pelexan por meternos a nosoutros (aos cidadáns) na escuridade da mesma.

E o paradoxo está en que dende fora da cova, á luz solar, que sería o lugar onde se toma contacto coa realidade, ofrecen como verdades o que, na gran maioría, son aparencias, cambiando a claridade expositiva pola escuridade das reservas, que non quedan sen intuír: Prometer o que o pobo desexa sen dar suficiente razón das circunstancias concomitantes ineludibles no proceso para acadar o prometido, chámase fabular, e isto é unha actividade cavernosa neste contexto.

Por iso resultan desconcertantes. Pois cando se espera que co peite da linguaxe carden as solucións e evidencien a orde dos problemas reais, ás raiolas dos diversos medios de que dispoñen, os cidadáns quedamos coa impresión de seguir na escuridade cavernosa, o mesmo tempo que eles se fan merecedores dun cualificativo, moi coñecido nos mitos, do de anti–héroes, sobre todo aqueles que sucumben ao prurito de falar de si mesmos, caendo no egotismo: “Prometo que, eu na presidencia do goberno, farei isto (prodixios...!) e derrogarei aquilo” (só por xustificar unha imperceptible identificación ideolóxica).

Por outra parte, se como escrebe J.D. García Bacca, o simbolismo (mitolóxico, agrego eu) idealiza a realidade, e aplicamos isto a nosa realidade socio–política, podo ofrecerlles aquí unha mitoloxía actual subxacente a aquela. Para isto, permítanme facer miñas as palabras dun ilustre hermeneuta, que, con lixeiros retoques, veñen a dicirnos que esa nosa realidade socio–política, presuntuosamente democrática, ofrece unha mitoloxía baseada na divinización do diñeiro como verdade abstracta (capitalismo), atravesado polo sentido de liberdade do noso liberalismo, cuxo ritual máis característico estaría representado hoxe en día polo fútbol, como sínteses do libre xogo individual e o poder trans–individual do diñeiro. (Aborda isto, tamén Georg Simmel, filósofo e sociólogo alemán).

Polo que respecta as crenzas, o mesmo Ortega Gasset nos di que “as crenzas constitúen a base da nosa vida, o terreo sobre o que acontece”, (...): “Nelas vivimos, nos movemos e somos”, pág. 387 (V), e afirma que “chamar a algo mito non supón que se lle negue un fondo de realidade, todo o contrario. Nada é mito se non leva dentro o miolo dunha experiencia humana real. Cando isto falta non se chama “mito”, chámase “parvada”. É unha pena e unha vergonza que sexa mester facer estas observacións e por estas reservas....” (O mesmo Ortega, en “unha interpretación da historia universal”, en XI).

Son palabras autorizadas que me escusan de insistir na importancia de tomar en serio as interpretacións mitolóxicas e crenzas, e permiten razoar que se recorremos ao orto de todas as ideoloxías, talvez nos encontremos coas explicacións mitolóxicas de certas particularidades nos programas dos nosos partidos políticos:

Pensen que se evitan compromisos firmes en relación ao cambio climático e os problemas internacionais (incluso cos acordos de París polo medio), un despego da Madre Terra (postura anti–Mari); a mitomanía de derrogar leis dos gobernos saíntes sen ton nin son, acudindo a negación do alleo para valorar o propio; a falta dunha firme promesa de controlar a venda de armas aos países en conflito, excepto PSOE e EU, dos que non estrañaría que fora herdanza mitolóxica dunha postura orixinaria dun certo anti–belicismo ideolóxico; que o PP non inclúa taxas para transaccións financeiras, acusando un precedente mitolóxico traducido a unha “teoloxía crematística”, de sacralización do diñeiro; etc.

Si..., poden ser cualificadas de “parvadas”, aínda que leven dentro a esixencia de D. Xosé Ortega, “un miolo de experiencia real”, e non estean libres dun fundamento mitolóxico, cuxa explicación non parece que sexa oportuna aquí e agora.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES