Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Setembro Esperanzador?

martes, 05 de septiembre de 2006
Para as persoas con diversidade funcional setembro ten un significado especial porque estamos a espera. A espera da aprobación dunha Lei descoñecida para o 65% da poboación, segundo o barómetro do CIS. Unha lei importante porque afectará a todos aínda que semella que non se pensa en chegar a maiores ou en engrosar a lista de persoas con discapacidade. Non acaba de ser un reclamo social porque se cre que non afecta e vostede mesmo pode necesitala. Estou a referirme a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en situación de Dependencia. Supostamente debe buscar a igualdade de oportunidades e, sen embargo, penaliza ás persoas pola súa situación apostando pola reclusión en residencias fronte aos principios de vida independente; serán os técnicos os que decidan cales son as necesidades.

Se damos unha volta polo informe sobre as persoas con discapacidade publicado hai uns días polo CESE (Comité Económico e Social Europeo) no Diario Oficial da Unión Europea, encontramos aspectos totalmente contrarios ao que figura no noso proxecto de lei. Cito algunhas frases: “Vida independente significa plena participación en todos os aspectos da sociedade. O dereito das persoas con discapacidade a non estar segregadas en institucións. Desenrolo de alternativas baseadas na vida en comunidade”. Aínda máis. Se o actual proxecto de lei non cambia durante o pouco que queda do trámite parlamentario, entrará en conflito co texto aprobado, o día 16 de agosto, polo Comité Ad Hoc da ONU para unha Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade. No seu artigo 19 recolle expresamente a asistencia persoal e o dereito á vida independente, principios marxinais na lei que afectará á sociedade española.

Que máis haberá que dicir? Xa está en marcha o proceso e a diario vemos como as Comunidades Autónomas ofertan cantidades equivalentes ás do Estado, pero para residencias, centros de día e equipos de valoración. Fálase dos millóns que se van inverter na creación de prazas (neste momento arredor de 80.000) sen escoitar outras opcións que incluso poden supoñer un aforro dun 40%. De pouco serve facer referencia a outras experiencias europeas. Fíxense neste matiz: nalgúns países están cambiando a tendencia de residencializar baixo un programa denominado “o diñeiro segue á persoa”. Aquí estase favorecendo todo o contrario, é dicir, que as persoas vaian onde vai o diñeiro. Realmente custa entender que partamos de carencias xa resoltas.

“Setembro Esperanzador” é a campaña que se está a facer desde o Foro de Vida Independente. Unha campaña dirixida aos nosos representantes políticos e á sociedade en xeral baixo o lema “eu poño a esperanza; vostede, a igualdade”. O Foro é un colectivo virtual que tenta facer oír a súa voz buscando a igualdade de oportunidades. Unha voz necesaria cando a maioría do movemento asociativo está calado e fai que tamén nos preguntemos canto custará manter o silencio dos seus dirixentes.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES