Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Memoria dun neno de Gres

martes, 01 de diciembre de 2015
Novembro é mes traidor, leva consigo o que máis queremos e deixa en pagamento un frío caroal que xea a entraña. Marchou á ribeira en sombra Xosé Neira Vilas, o pai de Balbino, cronista do imo da terra nosa, fabulador dun mundo de palabras no que tantos aprendemos a ler como se fose unha cartilla para soletrear a identidade.Memoria dun neno de Gres
Nunca poderemos agradecer abondo o que Neira Vilas fixo por nós. Xeracións e xeracións creron que o mundo podía explicarse en galego e coas nosas historias mercé ao Lelo, ao Tomás, ao Moncho, á todas as mulleres de ferro, aos homes todos de pau. Lendo as súas obras sabiamos, positivamente, que Gres era un mundo, que Galicia toda estaba xunguida por fondas fías de memoria, herdo e esperanza, que o ser profundo do que somos alenta no relato intemporal desas súas historias de autenticidade diamantina.

Foise pero non quixo vernos orfos. Deitou á porta os galanos derradeiros: Romaría de historias, un seu volume de narrativa que estes días comezou a distribuírse, e tamén o epistolario que mantivo con Ramón Piñeiro e que el mesmo prologou, obras ambas as dúas que nos vindeiros días serán presentadas.

Os amigos malamente poderemos recuperarnos da coitelada da súa ida. Quédanos o consolo que nos irmanda aos seus milleiros de lectores: as verbas que puxo por escrito, as avelaíñas do recordo en páxinas maxistrais.

Porque Xosé Neira Vilas antes de se ir deixou recado para todos nós, os seus Lelos, no remate das Memorias dun neno labrego. Tal semella que agora nos estea a falar na alba de gloria. Lembrade: “Pareceume que o sol arraiaba para min só. E que unha música de paxariños me rebulía no peito. ¡Cantas cousas contaba Lelo! Tamén eu lle dixen moitas na resposta… Atopei á fin onde baldeirar os meus desacougos, as angurias que me aflixen. Agora non falo comigo mesmo. Cóntolle a Lelo, o meu amigo, o que antes poñía no caderno. E a vida, mentres haxa correo, ten para min outro cariz”. Balbino de Gres, aquí estamos, somos os teus Lelos destinatarios, os que te han ler por sempre e que se saben amigos, coma quen di, rapaces da aldea do corazón, nesta que quere ser sentida homenaxe á túa memoria de bo e xeneroso.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES