Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Au nom de la dignité humaine...

lunes, 11 de febrero de 2002
Que non se trabuque o lector, non é que me pasara agora do galego ao francés, aínda que sexa esta unha lingua pola que teño un gran agarimo desde hai moitos anos. Trátase de algo moito máis grave. Hai poucos días chegou unha noticia angustiosa a miña caixa de correos electrónica. Aínda que o remitente era un cura madrileño amigo meu, a mensaxe viña precedida dunha longa lista de destinatarios. Non era para menos. Este era este texto: "Parece que o próximo sábado van lapidar á muller de Nixeria que tivo un neno sendo divorciada. Organizouse unha campaña mundial de peticións de amparo dirixidas á Embaixada de Nixeria en París (...). Asinádeo e poñede a vosa profesión... ¡Enviade xa o correo, só a presión salvará esta vida!".

O texto que propuñan para enviar en francés era ben sinxelo: "Señor Embaixador. Pido respeituosamente (...), no nome da dignidade humana, a gracia para Safya Husseini Tungal Fudu, condenada á lapidación por ter un fillo sen estar casada".

Espero que asinaramos moitos esta mensaxe. E, sobre todo, espero que tal bárbara decisión xudicial non se levara a cabo, pois escribo estas letras na véspera de tal funesta execución, que ten sabor a Vello Testamento. ¡Dous mil anos de cristianismo, democracia, etc. non foron quen de acabar con estes bárbaros costumes! Claro que tampouco puideron acabar coa bárbara e inhumana pena de morte no país que se di "campión mundial da liberdade": USA, a quen a meirande parte dos países do mundo seguen a render pleitesía.

Non sei se asinarían a petición ao Embaixador moitos curas, bispos e mesmo o meu papa de Roma; nin sequera sei se coñecerían a movida. Pero deberían telo feito. Isto era moito máis grave que o que armou tanto rebumbio días pasados: a recomendación que parece fixo o Papa para que os xuíces non aprobaran os divorcios.

Fun dar esta semana unha conferencia a Lisboa sobre o futuro da Igrexa, e o tema número un de tódolos xornalistas que me entrevistaron era a miña opinión sobre esas declaracións papais que, aínda que non as coñezo máis que pola información fornecida polos medios de comunicación, parecéronme extemporáneas, ademais de bastante inútiles...

O papa, os bispos, os curas e calquera católico/a, e cristián/a consecuentes, podemos ofrecer á xente o ideal do matrimonio cristián. Xaora. Pero tamén debemos saber que unha cousa é o ideal -a parella que se casa por amor e consegue que o seu amor sexa fecundo e o seu compromiso dure toda a vida- e outra é a realidade cotiá: que moitos matrimonios rómpense inevitablemente, ou continúan esmorecentes ata a morte da relación; mesmo, ás veces, unha morte traumática e violenta, na que a que máis perde é, case sempre, a muller. O papa, os bispos, os curas e os xuíces deberían sabelo: o ideal non é que que o matrimonio crebe, pero creba... e os que padecen tal cousa teñen dereito a unha solución. Ademais, pretender universalizar o ideal cristián é só iso, unha pretensión; compre ser máis modestos. Por iso, dixo Xesús de Nazaré que non era para todos.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES