Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contra a violencia de xénero

martes, 01 de diciembre de 2015
A violencia de xénero é unha das máis graves lacras que afecta á sociedade dos nosos días, descargando todo o seu poder mortífero sobre as mulleres. Millóns de mulleres no mundo sofren violencia de tipo físico, psicolóxico, sexual, etc. Non só mulleres adultas, senón mesmo nenas son mutiladas e moitas veces casadas pola forza con homes maiores, menosprezando a súa dignidade como persoas. Isto é un claro atentado contra os dereitos humanos.

Máis do trinta por cen das mulleres do mundo sufriu, nalgún momento da súa vida, violencia de xénero; e, nalgúns países, chega ao setenta por cen. Todo isto ocorre pola situación de desigualdade e inxustiza que sofren as mulleres. Desempeñando o mesmo posto de traballo que un home, obtén menor salario. Nalgúns países, nin sequera teñen dereito á educación. Á hora de contratar persoal, moitos empresarios non as aceptan, porque logo, teñen que pedir permisos de maternidade, etc. Ante un posto de traballo de responsabilidade, unha muller sempre ten que estar demostrando o válida que é. Cando a un home se lle dá por suposto.

As frías estatísticas están aí, e dinnos que, no que vai de ano, xa van seis mulleres mortas en Galicia e unhas trinta e tres en España. Por que ocorre isto? Pois, despois de considerala un ser inferior, moitos homes cren que a muller é un obxecto da súa propiedade, e, entón, a súa baixa catadura moral permítelle destruílo a vontade. Por que o fan? Por falta de escrúpulos. No fondo, son uns asasinos. Pero, desgraciadamente, son os monstros que creou esta sociedade. Unha sociedade que, moitas veces, non trata as mulleres coa dignidade propia dun ser humano, que as considera inferiores, só meros obxectos decorativos. Vexamos os anuncios publicitarios. Sempre aparece unha rapaza ao lado do coche potente, etc., etc.

E, a parte do sufrimento das mulleres, cantos nenos e nenas orfos por causa da violencia de xénero. E os que non quedan sen nai, viven o calvario dos malos tratos presenciados ou sufridos na propia pel. Estes nenos que medran desta maneira, con sentimentos encontrados de amor-odio, acaban eles mesmos sendo futuros maltratadores ou, cando menos, persoas desequilibradas e con grandes trastornos de personalidade.

E nós, que podemos facer? Tratar, no noso día a día, de non utilizar linguaxe sexista. Relacionarnos homes e mulleres de igual a igual. Somos diferentes, pero cos mesmos dereitos e dignidade. Educar aos nosos nenos e nenas no respecto á dignidade da persoa, sexa home ou muller, sen procurarlles experiencias vitais diferentes por razón de sexo. Por exemplo, xogos ou xoguetes, etc.

E ás institucións esixirlles que elaboren e promulguen leis encamiñadas a erradicar esta lacra que é a violencia de xénero. Leis que protexan a maternidade, como nalgúns países nórdicos, que mesmo as nais dispoñen dun ano para coidar as súas criaturas. Reformas laborais que castiguen severamente aos empresarios que discriminen a unha traballadora por ser muller. Supresión de subvencións aos colexios concertados que separen aos alumnos por sexos. Prohibición da utilización sexista da muller na publicidade. Etc., etc.

Educación e máis educación. Educación en valores de respecto e igualdade. Isto supón por non empezar con “eu rosa e ti azul”. A cor rosa e fermosísima para nenos e nenas, igual que a azul. Xoguetes para todos e todas, sen distinción de sexos. Aos nenos encántalles xogar coas bonecas e as nenas tamén cos coches. Procurarlles experiencias vitais semellantes, tanto aos nenos como ás nenas. Se así o facemos, pouquiño a pouco, as cousas cambiarán. Temos que empezar por cambiar a nosa mentalidade. Se non, nós seguiremos todos os anos dicindo as mesmas cousas, pero nada cambiará. E as mulleres seguirán sendo vítimas. Non o permitamos!!!

(Mª Lourdes Pérez Freire é alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne).
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES