Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chamar por un alustro

sábado, 28 de noviembre de 2015
Teño escrito xa nalgunha ocasión que a poética de Oriana Méndez surrealiza os períodos, oniriza un discurso fragmentario, de pulsión Chamar por un alustroiterativa e sintagmática non adoita, creando unha airexa cósmica, unha fulguración telúrica de cifra críptica e densificación simbólica extrema que blindan os poemas ata facelos comunicantes nunha emisión de onda dificilmente perceptible para oídos lectores non acostumados. Reitérome nestas palabras tras a lectura de O que precede a caída é branco, libro co que se fixo acredora do XVII Premio de Poesía Concello de Carral e que agora publica Espiral Maior.

Os versos de Méndez nesta nova entrega esculcan nas fisura do continuum social, escaravellan nas físgoas do sistema procurando osíxeno. Toda unha teoría da revolución palpita nesta verba larvada, que denuncia e se volve acusatoria contra os adoradores de Milton Friedman e o feroz capitalismo especulativo.

A loita continúa, como escribiría Rodríguez Fer, e Méndez eríxese cronista desa devastación proletaria dos arrabaldes, aquí non do norte, do sur, (peri)olívicos, tanto ten que o campo de batalla se chame Samil como Arealonga ou Campo de Granada, en todos latexa “a pantasma que percorre/ aquí sendo unha persistencia/ de granito/ no estómago/ na calor enferma/ rotas as aves”.

As sombras amigas chámanse Termidor, xacobinos, o delirio de Louis Antoine de Saint-Just e o Adrian Johnston que reivindica Zizek. Porque tamén O que precede a caída é branco é, á súa maneira, unha ontoloxía, unha dialéctica da teoría materialista aplicada tanto aos suxeitos coma ao colectivo, unha sorte de fenomenoloxía filosófica existencial na que, con Anna Akhmatova, se sabe ben que “Nin un salmo se oe/ no enterro dunha época”, por iso hai que “agardar o termo/ da guerra, un campo final de xirasois/ queimados” e, mentres tanto, percutir pertinaces como o mar en Traba e volvelo todo sabas de séculos, tempo cósmico: “a escuma na zaranda, esa rede/ salobre segando as linguas/ a onda recibida/ Traba avanza ata a memoria/ dos barcos/ O salto cara a atrás/ os sopros as moléculas do tempo”.

Nesta revolución en curso, nesta subversión pendente e irredenta, a palabra é redoma na que a fábrica reclama a memoria, a visión lúcida do horror que debe refugarse, “ao acordo/ en San Simón, incenso en follas/ abouxándonos a medula/ de cinsas”. Cómpre incendiar a memoria, facela brasa ardente que e deixar que agrome a voz do cambio soerguéndose Chamar por un alustrodende os eidos da devastación: “A nosa voz, a vosa, florece/ nos cascallos, en que lugar/ se non podería medrar este,/ o idioma dos prados que/ perderon as costuras que/ se deslindaron/ as pradeiras rotas esvaecidas/ entre os fíos”. A actitude é transparente, non cabe vacilación: “ser contra o firme/ o casco da egua/ cando chama/ por un alustro de nervio”.

E hai, claro, desamparo de ourizos, e baleiros para a meditación entre as ventás e tardes pardacentas de xofre en goma, pero todo conduce a unha mesma mandorla poética: “Entrar no tempo, avanzar cara/ ao comezo das imaxes/ inverter/ o sentido do camiño/ non escribir sobre o pasado, tan só/ unha escritura que tenda/ ao núcleo”, unha cartografía que sexa quen do comezo e a fin das cousas, unha escrita de “mulleres coa fenda rosaliana/ entre os límites”, unha espiral que sabe das aves de marzo de Cáccamo, a cegueira de Ramos, a cicatriz de Veiga, o Vigo de De Carlos, os arrabaldes paternos, os cabalos de Lorenzo, as placas tectónicas da Historia de Pato, a disolución de Cordal, a iconoclastia de Lema e así vorazmente.

O que precede a caída é branco é un manual de esperanza silandeira, de rumor de río rebelde que ha inzar en grande urro cando a epifanía social se materialice. Para esa revolución a empatía está servida.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES