Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha década en defensa do patrimonio cultural

jueves, 19 de noviembre de 2015
Ö non poder estar persoalmente, como eu ben quixera, na celebración do décimo aniversario da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, pois o mesmo día tiven que estar nunha Mesa redonda precisamente sobre Patrimonio Cultural dentro das VII Xornadas Mouras que organiza a Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes de García Rodríguez, cómpreme facer unha breve reflexión sobre o que pode significar unha efeméride como aquela.

Cando se tivo a oportunidade de ver e afrontar os problemas do Patrimonio Cultural, maiormente o galego e o lucense, desde varios puntos de vista (o técnico-profesional, o político-administrativo e o social ou asociativo), puidemos comprobar de cotío a enorme importancia e o recoñecido valor que teñen precisamente as asociacións e entidades socias de base nos temas de defensa e difusión daquel Patrimonio. Unhas veces son as denuncias e os traballos ímprobos e gratuítos que realizan os socios destes colectivos os que permiten descubrir elementos ou conxuntos -patrimoniais ou naturais- case descoñecidos; noutras moitas ocasións chaman a atención das administracións (maiormente da “competente” neste tema, a da Comunidade Autónoma, así coma dos Concellos) sobre desfeitas e incurias varias; e aínda outros esforzos diríxense a facer os imprescindibles labores de difusión e divulgación.
En fin, colaboran decisivamente e nunca se recoñecerá abondo de que maneira, na conservación, no coñecemento e na transmisión do noso extenso e variado acervo cultural.

Creo que está perfectamente comprobado que a Asociación de Castroverde é unha das máis activas que existen no país e, de por parte, que o seu papel é fundamental no concello ó que se dedica principalmente. Os resumos que han ver a luz ou que se lembrarán co gallo desta celebración da súa primeira década afórrannos maiores explicacións para certificar tal recoñecemento.

Pero si é interesante e moi importante salientar o inxente mérito que teñen os que levan o seu leme e tiran por unha asociación como a de Castroverde, tantas veces a costa e por medio de sacrificios persoais de toda tipo. Ata tal punto é así, é dicir, tanto hai que agradecerlles o seu meritorio traballo, ás veces en circunstancias difíciles, que hai que resaltalo sempre pois en moitas ocasións tal esforzo puidera parecer algo “normal” e corrente, e mesmo para algúns é un labor minoritario e pouco valorado, cando o certo é dunha gran esixencia persoal e tamén técnica. Os membros destas asociacións, que poden ser mesmo numerosos, déixanse levar ás veces por eses “motores de explosión” que tiran do carro, por esas persoas – directivos ou non – que cargan con case todos os traballos, pero isto non debera desanimar nunca a estes últimos pois tal actitude é abondo habitual en todas as asociacións e en colectivos de toda caste sen que iso significa ou debera significar necesariamente unha minusvaloración ou falta de aprecio por aqueles traballos. Ö cabo, moitos entenden que cumpren o seu papel apoiando simplemente co pagamento da cota anual, outros non poden colaborar na medida en que quixeran por razóns persoais, familiares ou profesionais e, en cambio, aínda hai quen, sen seren socios, botan unha man cando se lles solicita ou por propia vontade. Nestes temas patrimoniais todo pode e debe sumar porque, no tempo que vivimos e pese á existencia dunha maior conciencia social neste sentido –que nunca será abonda – sabemos que os problemas se multiplican.

Celebremos como se merece, xa que logo, a primeira década da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, conscientes de que debe seguir enfrontando traballos arduos e complicados, como difícil e complexa é a mesma xestión e o propio tratamento dese Patrimonio Cultural, aínda máis nestes tempos mercantilistas e economicistas que nos obrigan a loitar, como lembra o filósofo italiano Nuccio Ordine, por defender a “utilidade do inútil”, isto é, para que a Humanidade sexa, mesmamente, máis humana e -perdón pola aliteración- para que se promova máis o estudo e a práctica das Humanidades.
Arias Vilas, Felipe
Arias Vilas, Felipe


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES