Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (87)

miércoles, 18 de noviembre de 2015
Cando fomos a Vigo, no ano 1.961, a Etea

No ano sesenta e un, do século pasado, estando Luís na ETEA, quixo que fóramos vivir con el, os nove meses que tiña que estar alí. Para min, era a primeira saída da casa, cos nenos. Vendín as galiñas, comprei un baúl. Levei fabas, carne, roupa, o que podía; ata levei dous coellos vivos.

Saímos da estación de Ferrol, pola mañá. O tren cheo de xente. Recordo as estacións desde Coruña a Vigo. Colas para subir. Chegamos a Vigo ao anoitecer, o catorce de febreiro, cos dous nenos maiores, que era os que
tiñamos: José Luís, de cinco anos e María, de oito meses. Estábanos esperando Luís na estación. Fomos para a casa que alugara. Era compartida. Unha habitación con dereito a cociña. Tiñamos unha cama, roupeiro, berce, mesa para comer, fresqueira. Todo por cincocentas pesetas ao mes.
Luís cobraba tres mil pesetas. Recordo que a dona da casa sempre me dicía que, cando Luís ascendese, cobraría cinco mil pesetas. A min parecíame moito.

Na casa, non había auga; tiña que sacala do pozo, que estaba no fonda da horta, uns setenta metros, aproximadamente. Traela para o lavadoiro, que estaba ao lado da casa. Así, lavaba a roupa. Naqueles tempos, non había lavadoras.

Na casa, vivía un matrimonio: Benita e Paco. Tiñan dous fillos: Paquiño e Mari. Esta era pequena. Paco traballaba nunha fábrica de conservas. E, de noite, de sereno. Ela cosía na casa. Facía pantalóns para un comercio. Alí, comían moito peixe todos os días. Chamábame a atención, pois, onde era eu, comíase moi pouco.

O neno maior foi á escola dos Xesuítas. Alí, fixo a primeira Comuñón. Só tiña cinco anos, e sabía todo o catecismo. María, a nena, botouse a andar.

Foi unha experiencia agradable, aínda que me tardaba ir para a miña casa. Tamén se aprende a convivir. Eu fregaba a louza das dúas familias. Benita a cociña de carbón; tamén o chan. O baño, un día unha, outro día a outra. Non tiñamos problemas.

En Vigo, estaba vivindo unha tía dunha amiga miña. Esta estaba en Venezuela co marido e un pequeno. A nena vivía coa tía. Tiñan unha casa pequena, cunha horta. Invitáronnos a ir vivir a súa casa. Era na rúa Areosa, no centro de Vigo. Para alí fomos despois das vacacións do verán.

Hoxe, só queda daquela rúa o nome, nunha esquina dunha casa. Fixeron un centro comercial. Todo moi guapo. Recordo, con cariño, todos aqueles recunchos que coñecín.

Aquela xente que formou parte das nosas vidas. A bisavoa que coidaba os bisnetos, pois os pais ían ao mar. As nais vender o peixe polas aldeas. A avoa Generosa, sentada nas escaleiras, coas pernas inchadas, aínda coidaba os nenos.

Na casa onde viviamos non había alcantarillado. Abrían o depósito do váter. Logo, a auga do río de lavar, e, pola rúa abaixo. Isto facíase ás dúas da mañá. Recordo que tiñamos unha horta pequena, cunha figueira. Daba uns figos moi bos.

Despois de corenta e cinco anos, leváronme os fillos por alí, pero xa non había nada: un centro comercial e un azulexo nunha esquina dunha casa, “Rúa Areosa”. É o que queda de todo. Facíamos de comer todos xuntos, en familia.

Un recordo de gratitude para a xente con quen compartimos as nosas vidas.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES