Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Persecución actual dos cristiáns (IV)

miércoles, 18 de noviembre de 2015
Compás Social:
Persecución actual dos cristiáns (IV)
Exipto

“O libro negro da condición dos cristiáns no mundo” danos un resumo conciso da situación dos cristiáns en Exipto: poboación: 83 millóns de habitantes, musulmáns nun 90% a 94% e cristiáns nun 6% a 10%. Exipto ten hoxe a minoría máis importante de cristiáns do Próximo Oriente. Remontándose ó primeiro século da era cristiá, a Igrexa Copta sobreviviu sucesivamente á implantación do Islam, ó nacionalismo exipcio e a emerxencia do radicalismo musulmán nos últimos decenios do século XX. Para asegurar a súa supervivencia, os cristiáns Coptos están obrigados cada vez máis a repregarse sobre a súa comunidade. E co perigo de marxinarse e ... saír da historia.

Informadores sobre a situación
A información que nos da o libro que comentamos sobre a situación dos cristiáns en Exipto, está repartida en catro achegas: o reportaxe dun xornalista, unha análise dun investigador exipcio, outro comentario dunha doutora en ciencias políticas e finalmente o testemuño dun profesor e diplomático en varios países árabes, entre eles Exipto. O xornalista Christophe, redactor xefe das páxinas internacionais do xornal francés Le Monde, titula o seu reportaxe: “O comezo era o deserto...”. Comeza describindo o convento copto do Ánxel, Deir al-Malak, metido no deserto como unha enorme fortaleza. Aínda que o cristianismo entrou en Exipto por Alexandría coa predicación de San Marcos, pronto se instalou no deserto onde naceu a Igrexa Copta, a primeira e a máis antiga da igrexas cristiás exipcias. O reporteiro vai sinalando os edificios desta complexa fortaleza, a vida no seu interior e os escasos contactos cos veciños exteriores. A impresión final do xornalista visitante foi que os dirixentes relixiosos coptos manteñen a ilusión dunha sociedade illada e puramente copta, construíndo unha vida diaria nunha burbulla. O xornalista percibiu unha sociedade copta modernizada, pero beata nas crenzas e prácticas relixiosas rituais. E nesta actitude de retirada, están aparecendo tensións cos veciños musulmáns e ameazas dos islamitas radicais.

A análise do investigador exipcio, Tewfic Aclimandos, baixo o titular “Coptos e Musulmáns: os xermes da discordia”, percorre a historia dos presidentes de Exipto desde os anos de 1970 e os seus comportamentos fronte os cristiáns. Despois da derrota de Exipto na guerra dos seis días en 1967, deuse un retorno a relixión tanto nos musulmáns como nos coptos; e o mesmo tempo unha parte importante da xuventude árabe radicalizou a súa crítica esquerdista fronte ós réximes gobernantes. O Presidente Sadat que sucedeu a Nasser en 1970, elixe apoiarse nos Irmáns Musulmáns. Favorece os grupos islamitas e os Irmáns Musulmáns entran na universidade e toman o control das federacións dos estudantes. Os fundamentalistas radicais son anticristiáns violentos e non dubidan “Cazar o Copto”; e as feridas daqueles anos nunca se cerraron.

Actitude dos presidentes exipcios fronte ós cristiáns
Sadat nunha se entendeu co Papa ortodoxo Chenouda, suprema autoridade da Igrexa Copta; e o Presidente comezou un proceso de islamización agresiva do espazo público impoñendo normas da Sharia do Coran e mediante discursos de odio anticristián. En 1970 chega Moubarak a presidencia do país e a súas relacións coas igrexas cristiás son bastante mellores, pero menos boas cos Irmáns Musulmáns e totalmente hostís cos yijadistas. O novo Presidente enterrou os proxectos de islamización e a Igrexa Copta sostivo ó Presidente Moubarak sen fisuras. O Estado foi máis neutral, pero cumpría mal as súas funcións estatais e moitos dos servizos sociais quedaron en mans das redes de caridade dos islamitas ou dos coptos. Esta situación de competencia na acción social levou a un enfrontamento de discursos delirantes entre as dúas relixións.

A partir dos anos 1990 do século pasado pouco a pouco foron xurdindo dous fenómenos desacougantes: a vista do calvario sufrido polos musulmáns de Bosnia, os musulmáns de Exipto empezaron a percibirse como membros dunha “minoría” ameazada a escala internacional; e o final da década deses anos 90 comezan as agresións contra os cristiáns coptos, dentro dun mesmo barrio de veciñanza. As causas visibles dos incidentes son o contencioso sobre a construción de lugares de culto non musulmán, case prohibida, e os casos de matrimonios mixtos entre persoas de diferente relixión, tal como o caso de rapazas coptas que abandonaban o domicilio familiar para casarse cun mozo musulmán sen dicir nada a seus pais, situación grave sobre todo cando a rapaza era menor de idade legal para contraer matrimonio. Paulatinamente xurdiu entre a maioría musulmá a idea de que os coptos non debían de gozar dunha legalidade cidadán completa.

Revolución, exercito e transición
Os cristiáns coptos sempre desconfiaron da reivindicación democrática, pois crían que esta daría o poder ós islamitas. O Papa Chenouda pediu ós sacerdotes e fieis coptos que non se xuntaran cos manifestantes contra o réxime, mais unha minoría importante de mozos coptos xogaron un papel importante nas manifestacións. Despois da caída de Moubarak a comunidade copta descubriu que os militares que estaban a fronte da transición, estaban en connivencia cos Irmáns Musulmáns para repartirse o poder; e os Irmáns empezaron a molestar os coptos incendiando igrexas. O caso máis grave para a comunidade dos cristiáns coptos foi a masacre de outubro de 2011, de Maspero, cando os militares cargaron contra os manifestantes coptos e mataron a decenas deles.

Os Irmáns Musulmáns foron sempre anticristiáns, con altos e baixos nas relacións mutuas. Os comezos do Presidente Morsi, islamita, foron prometedores para os coptos; mais a situación torceuse pronto. Algunhas grandes manifestacións do ano 2012 contra a ditadura de Morsi foron de forma teimada atribuídas ós coptos. Os Irmáns musulmáns reaccionaron incendiando unha 80 igrexas, moitos centros da policía e algunhas aldeas coptas. En 2013 as relacións entre confesións relixiosas melloraron co nomeamento do papa copto Teodoro II e tamén debido o desprestixio dos discursos dos Irmáns Musulmáns. Mais non hai que fiarse. Os incidentes entre confesións relixiosas non desapareceron; as comunidades intentan controlar as violencias dos Irmáns e dos yijadistas, mais estas non desapareceron. As causas dos enfrontamentos seguen aí: dereito a construír igrexas cristiáns, matrimonios interconfesionais e liberdade de cambiar de relixión. Exipto está nunha encrucillada de varios posibles camiños, que aínda non se clarexaron.

Un tema sociolóxico subxacente a esta resumida historia é a relación entre minorías que loitan por controlar o poder estatal e súa repercusión nas relacións de veciñanza nas aldeas e nas comunidades civís da base social. Esta cuestión converteuse nun grave problema dentro dos conflitos actuais, de políticas sectarias ou confrontacións armadas, que obrigan a grandes masas de poboación coller o camiño da diáspora. O paradoxo permanente está en que este sectarismo se fai “todo polo pobo, pero contra o pobo”.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES