Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Encrucillada e os seus corenta anos

jueves, 12 de noviembre de 2015
Sempre é ben comezar invocando aos poetas.
Se son da casa e tan benqueridos como o noso Bernardo García Cendán iso xa é o máximo.
El díxonos:“Traede para quen escoite palabras de luz. Unha semente de fe /en nós prendeu algún día/ e medrará mentres teña / forza para ser compartida”.

Hai case corenta anos, no 1976,nacía en FerrolENCRUCILLADA. “Revista Galega de Pensamento Cristián”.
Era unha verdadeira semente de fe. E foi prendendo en todas e todos para medrar e ser compartida.

Aquel nacemento estivo animado por xentes diversas cun forte compromiso na sociedade e na cultura galegas.
Eran maioritariamente persoas de Igrexa con fondísimas raizames e militancia a prol de todo o da Galiza.

Alí estiveron o mundo obreiro, labrego, rural e mariñeiro. Os escolantes. Os universitarios e a intelectualidade. Os emigrantes. Tamén os grandes estratos das pobrezas e dos excluídos.

Non faltaba ninguén dos que realmente sentían a Galiza na alma e no corazón. Mulleres e homes. A nenez, a xuventude e os idosos. Como di Pondal: todos os bos e xenerosos.

Daquela eran moitos os cregos. Hoxe case non hai. As relixiosas alentaron de verdade a persistencia no tempo desta preciosa iniciativa.

Do mundo laical ou segrar estivo o mellor e más comprometido en todas as realidades laborais, socioculturais, docentes, relixiosas, etc. Moitísimas parroquias e novas comunidades. E alí estaba o noso bispo, don Miguel Anxo Araújo. Todos con verdadeiras palabras de luz.

Encrucillada vai cumprir corenta anos.Con este acto,como diría Hesíodo, queremos recoñecer “os traballos e os días” que desde daquela se foron realizando e percorrendo. Temos unha historia ben fachendosa e un inmenso labor realizado. Cómprenos celebralo e facémolo con gozo.

Algunhas daquelas historias vitais estiveron dolorosamente marcadas nas persoas e familias. Houbo perseguidos e incluso encarcerados. Moitos xa nos foron deixando. Para todos eles e elas lembranzas agarimosas, as mellores honras e a meirande gratitude.

Non somos a única iniciativa. Pero sen Encrucillada, Galiza sería máis pobre e menos Galiza. E a Igrexa e os crentes galegos, sen Encrucillada, estariamos sen unha das referencias máis nidias e importantes. Porque foi e segue a ser unha aposta polo futuro da Igrexa Galega,como di o seu lema.

Con Encrucillada a Igrexa faise máis comunitaria, é dicir, máis Igrexa e máis galega.

Esta presentación inscríbese nese proxecto firme e decidido por seguir facendo posíbel o diálogo fe-cultura no aquí e agora.

Nestes intres, nós apostamos novamente e de verdade por “estas sementes de fe con forza para seren compartidas”.

Sen elas, insisto,algo moi significativo lle faltaría a esta igrexa e tamén a esta nosa benquerida Galiza.

Encrucillada está hoxe en mans de crentes laicos galegos. Isto é algo moi interesante e positivo. Precisa de todos. E aquí queremos estar e seguir.

O día 14-11-2015, ás 18:00 horas, na GALERÍA SARGADELOS DE FERROL celebraremos esa efeméride á que convidamos con grande gozo segundo o seguinte programa:

Na Mesa teremos a:
• Marisa Vidal. Nai de familia e profesora no Ensino Medio.
• Xosé Leira. Pai de familia. Sociólogo e profesor universitario.
• Carme Solloso Blanco. Médica de Urxencias hospitalarias.
• Lucía Santiago Díaz. Muller nova. Licenciada en empresariais. Título Superior de Música. E reborda vitalidade.

Despois do diálogo pechará o acto un breve recital musical dirixido por Lucía Santiago Díaz, musicóloga, co seu grupo.

Coordinará o acto Nieves Espiñeira Medín. Nai de familia e responsábel de relacións e recursos humanos de empresa.

E para quen escoite teremos novas palabras de luz.
Espiñeira Medín, Nieves
Espiñeira Medín, Nieves


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES