Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Follas das árbores caídas...

lunes, 09 de noviembre de 2015
É ben sabido que ao estar no outono, é lóxico que caian as follas, que van deixando espidas as árbores caducifolias… pero parece como se o outono fose propicio para outras caídas coas que non se contaba. Mellor dito, na política lucense, galega e xeral, cóntase que o vinte de decembro, eleccións, sexa cal fose o resultado, vaise producir un pequeno terremoto, e que van caer follas para renovar o panorama político… xa digo, gañe quen gañe, se é que –como sempre parece que ocorre- non acaban gañando todos.

Pois a menos de dous meses do terremoto de decembro, nas institucións lucenses empezaron a caer as follas… Dúas delas, no concello de Lugo, os concelleiros González Santín e Díaz Grandío, que aínda que poida pensarse que o fan por motivos persoais, as persoas poden ter razóns que o corazón entende, aínda que a razón pública ou publicada non teña nada que ver co corazón… O caso é que caen dúas follas da árbore municipal, e esto non contribúe precisamente a que alma municipal se serene diante da travesía ben difícil que ten emprendida o goberno da cidade.

Outra folla que parece levada polo vento, na Deputación Provincial, é o deputado e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, que quedou composto e sen o goberno das vías e as obras provinciais, co que contaba porque non só llo prometeron senón que llo asinaron con todas as da Lei. Se no concello as follas deixan algo espida á árbore municipal, na Deputación, a caída de Martínez é moito máis ca a perda dunha folla, que alomenos é póla que esgaza e deixa a árbore tremando pola ferida que non dará cauterizado antes de que veña o inverno.

Na natureza, as follas caídas, aínda que o poeta dixo que “xoguetes do vento son”, acaban por apousar no chan, podrecer, e incorporarse á terra como alimento nutricio para a próxima primavera. As follas caídas en Lugo, nunca chegarán a ser abono por non atopar terra que abonar. E se deixan espàzos libres para as accións da política, seguirán sendo sombra –sobre todo Martínez- alargada sombra que se vai proxectar, sobrevoando, todo o panorama provincial. Antes e despois do terremoto de decembro.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES