Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Despois de ler Roxe de Sebes (de Ignacio Castro)

domingo, 15 de julio de 2001
1.- Andamos, sós, tan sós, que para que máis soidade, sería a pregunta obvia, e non obstante.

2.- E non obstante aquí “abaixo” non damos escoitado o silencio. O son do silencio. E haberá que subir, subir para atopalo.

3.- Naturalmente, o ruido pode ser criativo, sen dúbida apoteósico, moitas veces dionisíaco; outro concepto da beleza.

4.- A beleza; a alquitara que nos destila, o móvil que non move. Tamén, lástima fora, a Ignacio Castro. Un emboscado que aquí se fai chamar César, como nos tempos da clandestinidade -¿estes xa non?- cando todos éramos emboscados de nós mesmos.

5.- INTERLUDIO
Estrelas do Courel
emborcadas na chuvia,
as árbores agachan o bosque
e os xabaríns son a beira salvaxe
onde nos verquer
e camuflar no fondo do espello
que somos nós,
que somos nós.

6.- Ora, Ignacio Castro, unha vez que volveu ao estrondo (¿como se vence o cold turkey, o “mono”, do silencio?), debenos o relatorio da clandestinidade, ese alibi, esa coartada.

7.- Roxe de Sebes é un libro total, porque nel hai memoria, relato, poesía, epistolario, aforística, na forma. No concepto un monólogo tenso, e básicamente místico.

8.- Mística, entre Daniel Defoe e Simeón o Estilita. E ao lonxe, ao lonxe, Juan Yepes Álvarez, non sei.

9.- Tamén as tentacións do eremita. Páxina 74, Carta: “¿podíades gardarme dalgún periódico o discurso completo de Roca e a contestación de González?”

10.- Roca, se cadra tal vez González, precisará nunha edición futura de Roxe de Sebes dunha nota explicativa a pé de páxina.

11.- Roxe de Sebes non precisará –nin precisa- de explicación.
12.- A lectura deste libro, xa un clásico, fainos non sei se mellores, sen dúbida, diferentes.

13.- Eis o cerne da cuestión: a diferencia.

14.- E a beleza.

15.- A diferencia da beleza.

16.- A SEGUIR

Todo é curso fluvial,
tamén os montes
onde se recolle
a gloria suntuosa
da soidade
e a paz
e os ríos da desfeita,
branca de nós e de neve.
Araguas, Vicente
Araguas, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES