Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As mulleres teñen cen mans

viernes, 30 de octubre de 2015
Dicía Albert Camus que a muller é todo o que podemos coñecer do paraíso. Pero aquí, na terra, millóns de mulleres aprenderon a sobrevivir nos arrabaldes do inferno.

Hai políticas canallas, hai economías canallas, hai relixións canallas especializadas en petar unha e outra vez no lombo dos desfavorecidos. Das máis desfavorecidas. Doutra maneira non se pode entender tanto asañamento coas mulleres. A súa falta de dereitos en boa parte do mapa. O silencio pavoroso ao que son condenadas. A submisión absoluta ao macho é ao machismo máis brutal. A invisibilidade imposta que lles oculta o rostro, que lles borra os ollos. A propiedade masculina do corpo que reduce as formas femininas a mero obxecto de desexo. A ablación. As violacións masivas. A violencia. A sida. A invisibilidade.

Estamos a falar da metade da humanidade: máis de tres mil millóns de seres humanos onde só a inmensa minoría que vive nos países ricos conquistou o dereito a camiñar pola vida da man da dignidade humana. Toda esa dignidade está recollida na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, o momento cumio do s. XX. Cómpre recordalo cando se renega da ONU, inmensa e necesaria institución que comezaba dicindo: “Nós, os pobos todos da terra...” E que idiotas ben pagados queren erosionar e substituír por “nós, os países máis poderosos do mundo, o G-8, o G-20”.

Pouco lles importa a estes o escándalo da pobreza, os asasinatos da fame. Ou que a metade feminina do mapa sexa ocultada polos burkas, ignorada polos poderes económicos, políticos e relixiosos, machacada polas agresións sexuais, a violencia das guerras dos ricos nos países pobres, as enfermidades.

Unha pena e un malgasto, porque a muller, a que vive nos recunchos duros do planeta, ten cen mans e todas son necesarias. Como necesarias son as que faltan, as masculinas.
Teñen unha man para xuntarse e crear comunidade e resolver problemas xuntas, que iso é a política.
Teñen unha man para manter o corazón quente da casa onde son posibles as rutinas necesarias da vida. Ou goberna o país, a casa de todos.
Teñen unha man para o traballo duro que arrinca a fariña e o leite da terra. Ou dirixe empresas, riqueza de todos.
Teñen unha man para termar da ecoloxía do planeta.
Teñen unha man para aliviar as mil enfermidades que medran alí onde non chegan os médicos.
Teñen unha man para termar dos medos dos nenos que a penas teñen un fío de futuro.
Teñen unha man para ensinar o que hai tempo esqueceron os que saben: as cousiñas pequenas, as máis necesarias.
Teñen unha man para sumar e restar na facenda da casa con máis éxito que calquera máster en economía.
Teñen unha man para termar da vida que lles medra dentro.
Teñen unha man para acompañar cunha inmensa tenrura aos vellos ata os bordos da morte.
Teñen unha man para construír a rede de veciñanza onde non existe o paraugas do Estado.
Teñen unha man, pero precísanse dúas ás para voar, a masculina e a feminina.
Son mulleres. Son a metade da humanidade. Son o motor do presente e inventarán o futuro se aínda estamos a tempo. Son mulleres e teñen cen mans.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES