Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

jueves, 29 de octubre de 2015
Formas de desafogar. A bailadora Sara Baras pregúntase moitas veces cómo se desafoga a xente cando non baila. Ui se eu lle contara! Moitos fano con alcohol. Pero xa se sabe que as penas saben nadar. Eu adoito facelo escribindo. Non obstante, onde máis e mellor me desafoguei foi no monte. Lembro aquelas tardes nas que tiña que estudar e cando non me saía un cadro de Velázquez ou uns versos de calquera poeta, zas, hostia que te criou! Ás xestas, ás silvas, ós codesos, ás carqueixas, ás herbas altas. O desafogo era tal que, algunhas veces, ata a vara non aguantaba. Entre golpe e golpe acababa escachando. Hai tantas formas de desafogar!

Todas as noitiñas ó entrar en Baños de Molgas, procedente dos montes de Pinouzos ou do Medo, facíao “a grito pelao” coas cancións de Camilo Sesto ou Víctor Manuel. Sempre me gustou irme moi tarde coas vacas para a casa, quizais por presumir un chisco, pero... Pero había que vencer ó medo: canción vai e canción vén, berros cara ó ceo e golpes ás silveiras dos valados. Emporiso, o que sempre se adoita usar máis para desafogar son as blasfemias. Algún cuspimos a rabia, a impotencia, o cabreo, a mala uva a través dos xuramentos, antigamente, pecados. Si, bailando tamén é unha boa forma de desafogar, pero zouparlle ás xestas e cagándose en... queda un coma Deus.

O RIDÍCULO DUNHA EXTRAVAGANCIA

Tiro a pedra. Escondo a man.. Non pasa nada. O cantazo non lle deu a ninguén. Unha pena. Cando tiro un cantazo é para que lle dea a alguén. Para que lle rompa o nariz. Ou para que lle inche un ollo. Tiro a pedra. Escondo a man. Nunca presumín de heroe. Para que? Ó final ninguén cho agradece. Así é que mellor é facer de covarde. Se colles esa fama, xa ninguén acode a ti. Vedes que listo son? Unha listura retorcida, pero…

Monto a carabina. Apunto. Disparo. Tampouco pasa nada. O balote non lle deu a ninguén. Nin tan sequera a un dos miles de estorniños que voan por enriba dos plataneiros. Un neno queda pampo ante a escopeta e eu baixo a á do sombreiro cun sorriso nos beizos. Son coma un cowboy do Oeste salvaxe. E os coches son os indios que cabalgan pola estrada sen lei, e sen sinais, e sen vixilancia.

Poño a sela no lombo do cabalo. O pé no estribo. Doulle voltas á reata por enriba da cabeza. Lánzoa. Non pillo nada. Tan só o aire e o ridículo dunha extravagancia que… a conto de qué vén. Nin cantazos, nin balinazos, nin pexas. Son como a Santa Compaña nunha noite sen escuridade. Son un covarde que quere ser un heroe nun papel cuadriculado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES