Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo con sabor novo

lunes, 24 de julio de 2006
“Á procura da Palabra” é a sección dominical que publica nos Medios de Comunicación Social do País irmán e veciño, un bo e benquerido amigo, o P. Vítor Gonçalves, crego da freguesía de Vilafranca de Xira (preto de Lisboa) co que tamén comparto semanalmente “Á beira do Camiño”. Coidamos que é unha riqueza para ámbolos dous e para os nosos lectores/as.

Este domingo regalounos estas suxestións que desexo compartir cos meus irmáns/ás galegos/as. Partindo das verbas de Xesús “vinde comigo para un lugar illado e descansade un pouco” (Mc. 6,31), do Evanxeo do domingo, armou esta fermosa reflexión. “Delicada a atención e invitación a este convite de Xesús, cando os apóstolos regresan da súa primeira misión evanxelizadora. Non se preocupa dos resultados nin analiza novas estratexias. Sente os corazóns cheos de quen moito fixo e ensinou, e sabe o importante que é o descanso. El, que dixera non ter onde repousar a cabeza, sabe que a urxencia da Boa Nova precisa tamén da ledicia do repouso. Acción sen contemplación provoca neurose, fai un curto/circuíto no corazón, transforma apaixonados en funcionarios! E como ser pastores se non se marabillan co que Deus fai e non só co que eles fan!?

No principio era o sábado. Descanso para a loanza e para o encontro consigo mesmo e cos outros. Día festivo semanal da liberdade, escape da rutina, espazo para o gratuíto e para a creatividade, tempo para lembrar que o traballo é para o home e non o home para o traballo. E vexo o domingo, o primeiro día da semana porque en Xesús se recrea o home novo, tempo de festa e de comuñón, de caridade, e monte Tabor para asistir á transfiguración dos pasos semanais no proxecto amoroso de Deus, da Eucaristía, o encontro que nos renova como irmáns/ás e fortalece os osos soños. Pero tamén vexo o traballo en serie (e o desemprego en serie tamén), os días case todos iguais e esta necesidade louca de días de festa/descanso, cantas veces escape estéril da maldición do traballo (que non debería ser!)! En "rabaño" nos diriximos para as praias, ou para os destinos en saldo de viaxes de conto, aprisionados nas rutinas que acaban por cansar aínda mais. Tempo de excesos (con prezos moi altos!) cando abondaría tan pouco e tan preto para ser e facer algo diferente, algo novo, algo sorprendente!

É difícil ser "pastor dos nosos sentimentos". Principalmente daqueles que nos impulsan a vingarnos de todo o que non temos (e alguén nos meteu na cabeza que non seríamos felices namentres non o tivésemos!). Volto a dicir que son as cousas máis simples e máis ao alcance do corazón que nos poden facer felices. Podemos redescubrir o tempo e os lugares, saborear un libro e ouvir unha música (non enlatada!), pasear con quen gustamos e aceitar mudar os horarios, facer en cada día unha cousa nova, descubrir, a pé, rúas e camiños mesmo na nosa cidade. O pastor sabe encontrar bos prados, non moi lonxe, para non cansar o rabaño. E se abrazarmos un pouco mais o silencio, necesario para se contemplar con profundidade, vamos encontrar Xesús ea os seus cunha man chea de ideas luminosas, para facer novo o tempo que nos é dado!”.

(Tradución: Xesús Mato)
Gonçalves, P. Vítor
Gonçalves, P. Vítor


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES