Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Preséntovos a Manuel Rodríguez López

martes, 20 de octubre de 2015
Quizais algún de vostedes xa o coñecezan, pero como soe ser bastante frecuente ter ao profeta ao teu carón e non decatarse, é por iso que convén poñer en valor a vida e a obra da xente que por diversas razóns colaborou a proxectar a Galicia dende a parcela do traballo que lle correspondeu, como é o caso do autor que hoxe nos ocupa: Manuel Rodríguez López, un home que dende Cataluña sempre tivo a Galicia como referencia sendo un cronista de todo o que acontecía aos galegos que foran, coma el, a aqueles lares na procura dun mundo mellor.

Escribiu en prosa e tamén fixo poesía sempre con Galicia e as súas xentes presentes. Como prosista ten un libro moi suxerinte que se titula Viaxes con Anxel Fole que ven de ser un relato das viaxes que fixo co insigne escritor galego a través da nosa xeografía, e como poeta ten varias publicacións case sempre escritas dende abaixo, cunha clara conciencia social.

Neste campo habería que subliñar o seu poemario titulado Soldada Mínima. Malia escribir prosa e poesía tamén abordou a temática da reportaxe e da tradución ao facer un traballo excelente coa obra L´Atlántida do gran poeta catalán Jacinto Verdaguer que segundo Xesús Alonso Montero representa unha páxina admirábel neste xénero.

Pois malia todo iso, Manuel Rodríguez López non é suficientemente coñecido na súa terra como sucede con tantos outros, cousa que haberá que considerar como unha débeda pendente con toda esta xente que é merecente de estar na memoria colectiva do pobo ao que dedicaron gran parte do seu traballo.

No caso de Rodríguez López, nado en Paradela (Lugo) no 1934 e falecido no hospital da capital da provincia en febreiro do 1990, un grupo de amigos decidiu abordar o compromiso de dalo a coñecer cunha exposición itinerante sobre a súa vida e a súa obra que estes días temos en Ferrol, no antigo Hospicio e que serve para situar no espazo e no tempo a un home bo e xeneroso que fixo interesantes achegas ás letras galegas dende Barcelona onde traballou como administrativo naquela famosa empresa que facía motocicletas chamadas Ossa.

Era pois, como soe acontecer, un asalariado nunha empresa capitalista e escribiu sobre a problemática obreira con coñecemento de causa, tanto que Méndez Ferrín o cualificou como o poeta obreiro. Un obreiro cualificado, si, e con formación humanística acadada no seminario de Barcelona, un poeta obreiro no que atopei certas similitudes con outros que tamén dedicaron a maior parte dos seus traballos á cuestión social, coma por exemplo Celso Emilio Ferreiro que nunha estrofa do seu poema “Fuco Pérez” di: Tes o día tes a noite/ tes os paxaros da ialba/tes as estrelas do ceo/ tes as rúas e as estradas/ Fuco Pérez Sinsegundo, que che falta?/. E miren o que expón Rodríguez López no seu poema “Os días da semana”: Domingo, prega os xionllos/ergue unha oración de gracias/que tes saúde e tes traballo/ respiras, ollas, soñas... non che basta?
Rodríguez López é tamén un poeta de lembranzas, de estar moi preto da súa aldea, das vivencia infantís, do que sente un galego cando está lonxe da terra. A súa morte prematura, cando apenas contaba 56 anos, truncou quizais unha traxectoria poética que acadaría se cadra un pulo maior. Por todo iso: pola amizade, polo compromiso intelectual, polo que traballou a prol da cultura galega fora de Galicia e por moitas cousas máis é polo que os amigos de Paradela e de Lugo trouxeron a Ferrol esta exposición que, en forma de oito paneis amosa toda unha vida de creación literaria. Se tedes oportunidade ide polo Hospicio (1º andar). Paga a pena, abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania