Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contra a trata de persoas

domingo, 18 de octubre de 2015
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL: 18 DE OUTUBRO DÍA EUROPEO CONTRA A TRATA DE PERSOAS

A trata de seres humanos é a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país. A este respecto, a Organización Internacional do Traballo (OIT) estima, no seu informe "Traballo forzoso, tráfico humano e escravitude" do ano 2014, que o número total persoas nesta situación de escravitude moderna, entre as que están incluídas as vítimas da explotación sexual, ascende a preto de 21 millóns de persoas, das que o 80% son mulleres.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (OIT, Oficina contra a Droga e o Delito de NNUU, Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero; A trata de seres humanos afecta ás mulleres de xeito desproporcionado, non só por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación ás que son sometidas adoitan ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual.

Segundo a Estratexia da Unión Europea para a erradicación da trata de seres humanos (2012-2016), a demanda de servizos sexuais identifícase como unha das principais causas da trata con fins de explotación sexual, polo que no marco da prevención debe abordarse necesariamente este aspecto, tendo en conta tanto aos homes que demandan prostitución como ao conxunto da sociedade que, na crenza de que a trata de seres humanos se produce en países afastados, adopta unha postura de tolerancia cara a situacións próximas que non se recoñecen como posibles situacións de escravitude.

O Goberno do Estado ven de presentar o II Plan Integral para a Loita contra a Trata de Mulleres e Nenas con Fins de Explotación 2015-2018 , que constitúe un salto adiante para combater o negocio da vulneración dos dereitos das mulleres. Un Plan dotado con 104 millóns de euros e estruturado en 143 medidas que supón un esforzo conxunto das administracións e das organizacións especializadas en dar apoio ás vítimas.

Un ano máis, agora en 2015, o Goberno da Xunta de Galicia pon en marcha a campaña de sensibilización "ÁS SÚAS VIDAS NON TEÑEN PREZO", co obxectivo de seguir concienciando á sociedade e, especialmente á mocidade pois os datos indican que que un 45% das vítimas teñen menos de 25 anos e unha gran parte dos clientes son tamén homes novos. É por iso que se constata a necesidade de traballar na prevención deste tipo de condutas, e en evitar frivolizar e normalizar o que supón unha vulneración de dereitos.

O obxectivo dos poderes públicos ten que ser o dar un salto adiante para que a loita contra a trata de seres humanos sexa un asunto presente na axenda política, non só hoxe, no Día Europeo contra a trata de persoas, senón de xeito permanente en tanto non logremos a erradicación deste delito.
(Declaración institucional da Xunta de Galicia o 18 de outubro, Día Internacional contra a trata de persoas)
Xunta de Galicia
Xunta de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES