Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha medalla de bronce

lunes, 28 de septiembre de 2015
A Nosa Señora da Mercé, “Mater captivorum” é xa de moi antigo a Padroeira dos presos. Con gallo desa memoria, no 24 de setembro celébrase festa nos cárceres, se é que nos cárceres pode haber festa. Ese é o día para entregar as condecoracións aos funcionarios polos servizos recoñecidos. Tamén os diversos voluntariados reciben as honoríficas medallas civís ao Mérito Social Penitenciario “pola realización de servizos de relevancia, creación de entidades colaboradoras na reinserción e resocialización dos reclusos ou polo extraordinario apoio prestado á Administración penitenciaria, así como pola súa contribución á mellora da actividade penitenciaria en calquera das súas manifestacións”.

Este ano 2015, a min “caeume” unha medalla de bronce. Sen mérito. O mesmiño que cae a lotería. Un día D. Manuel García Souto, o capelán titular, invitoume a botar unha man, xa que aínda que na diocese de Mondoñedo-Ferrol non temos cárceres si temos moitos presos e moitas familias cheas de angustias, sufrimentos e problemas. E díxenlle si. Ese día regaloume un décimo con premio. ED. Dionisio, o educador do módulo 7, agasalloume coa súa vida, que resultou ser outro decimo da Primitiva con premio extraordinario. E non teño máis mérito.Cómpre ser sinceros e honestos con iso do “Mérito Social Penitenciario”.

Non sei de quen foi a idea, pero o meu mérito évos ben pequeno. Porén quero ser agradecido.
Cáritas e outras entidades da solidariedade usan moito nas campañas o slogan: Ponte no seu lugar. Ese é o mérito. Vexamos como o ven os meus mentores espirituais:
1. Xesús de Nazaret.Estiven no cárcere e viñestes verme. Non me torcestes a cara.
2. S. Paulo. (Hb 13, 1-3). “Perseverade no amor fraterno. Non esquezades a hospitalidade, pois grazas a ela algúns teñen hospedado a anxos. Tratade e preocupádevos dos presos coma se vós mesmos estiverdes encadeados con eles; preocupádevos dos que sofren, porque vós tamén tendes un corpo".
3. O Papa Francisco: Proclamou o ano da misericordia e úrxenos ao pobo cristián e a toda persoa de ben a ter un corazón de pobre ( Misericordiae cor).
4. Lembrades aCanción de Poquito, pallaso de Chiripitifláuticos?“Tengo cinco estrellas, un gato y un libro, tengo pocas cosas, y muchos muchos amigos”.Eu tamén teño moitos amigos. E ese é mérito voso

Grazas a moitísimos amigos do mundo penitenciario. Quero empezar por os e as que sofren reclusión e que están na meirande das pobrezas: Coa conciencia propia rota e sen autoestima. Sen fama, sen amigos, sen saúde, sen nome na sociedade. Ninguén os quere.

De vós e para vós, amigos presos, é esta medalla polo moito amor e dor que pasades cada día en “La fábrica del llanto y en el telar de las lágrimas”.

Moitos chegastes aquí predeterminados por orixe.“Porque el mundo os ha hecho así” Se eu nacese nesas circunstancias estaría aquí.

Sempre fun cura de barriadas pobres. Aqueles nenos que bauticei, moitos deles están hoxe aquí, principalmente desde a crise, e doe. A moitos tocoume enterralos con moita tristura, con perdóns sanantes e con moitas bágoas. Recordo un libro: La agenda de los amigos muertos. Aquela rapaciña, deu un día mal paso e xa non foi capaz de erguerse dun fracaso total. Ía anotando, conscientemente, os amigos que ían caendo cada día, ata que lle tocou a ela. Ese día a axenda ficou en ser. Xa non foi máis.

Esta medalla tamén é para ti, educador ou funcionario. Só vós, queridos funcionarios, só vós seguides a cotío vendo a persoa, na súa dignidade orixinaria. Son testemuña, somos testemuñas do amor e dedicación. Se alguén non concorda é porque vive moi lonxe de vós. Vinvos chorar e volver para a casa con mágoas cando non podes facer outra cousa ou ves que aquela persoa que parecía erguerse se afunde de novo. E vinvos sorrir ben ledos cando te cruzas con alguén e o ves trunfando honradamente.

Xa sei que hai fallos en todos os colectivos, ás veces ben serios, e eses non os xustifico con isto que estou a dicir. Nin vós tampouco. Calquera abuso fainos dano a todos.

Esta medalla é detodos os voluntarios, non miña. Da toda a Pastoral Penitenciaria e dos compañeiros de Teixeiro, de todas as vosas familiase das dos presos. E pertence ás comunidades que desexamos un mundo máis xusto. Por iso vola agradezo e vola ofrezo a todos. E cando a queiras pór no teu corazón para recoñecerte no teu labor de home ou muller de ben ou mesmo para “afotarte” con ela, non te prives. É túa porque ti merécela máis ca min. Como a recibiu María Fe Rodríguez López de Cáritas Santiago ou os amigos de ASFEDRO de Ferrol. Todos camiñamos cara un proxecto común. Esta medalla miña é dos que me recibides tan cariñosamente á entrada, pasando polo Sr. Director, como figura representativa na que inclúo a todos . Pero permitídeme que a comparta principalmente do “Molinillo”para dentro onde de verdade está a nosa razón de ser e actuar. Aí verase se esta medalla se converte en “verdadeiro mérito social penitenciario”.

Esta medalla é túa, querido lector.. Pero non te quedes con ela. Mira para as contornas. Temos de írllela pasando atodos eses e esas, nun intre de repouso, para agradecerlles a mesma dedicación e entrega caladiña e silandeira por un mundo máis xusto e humano onde se poida ver o rostro de Deus. Por iso o mérito tense se se ten e se traballa a cotío con rectitude de intención. Olla!: Mira cantos teñen xa medalla! Por iso hai esperanza.

Tiven de facer unha tesiña para un máster universitario sobre Pastoral Penitenciaria. O título ofreceumo unha venerábel anciá moito maior ca min. Preguntoume pola familia e díxome: E o teu outro irmán onde está? (Respondinlle ben axiña) ...Téñoo no cárcere”. Expliqueille a que me dedicaba agora xa de vello. Ela xa non lembraba que eu só teño irmás, sómulleres. Tamén me tocou estudar a fondo a soidade no cárcere.

Grazas a vós, querida familia penitenciaria. Celebro moito tervos coñecido. Pero quero celebralo axiña na rúa con proxectos de auténtica esperanza. A miña vida, a miña vellez, ten así máis sentido. Necesitamos na sociedade coñecernos máis de pertiño. Daquela todo é distinto. Grazas a todos de todo corazón no nome de Pastoral Penitenciaria da que formo parte.Para vós si que tamén é esta medalla por terdes no voso ADN: “Tratade e preocupádevos dos presos coma se vós mesmos estiverdes encadeados con eles; preocupádevos dos que sofren, porque vós tamén tendes un corpo". (Hb 13, 1-3). Grazas.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES