Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día internacional contra a explotación sexual

jueves, 24 de septiembre de 2015
Día internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e nenas

En Dhaka, Bangladesh, no 1999, instaurouse o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o tráfico de mulleres, adolescentes e nenas.

A explotación sexual é un gran negocio para as mafias que captan, secuestran, violan e obrigan a prostituírse a milleiros de mulleres e adolescentes cada día no mundo. É un negocio próspero, non só para as mafias e proxenetas, senón tamén para os estados.

A nivel mundial, as mulleres son as principais vítimas da trata de persoas co fin de explotación sexual. É este o maior negocio, despois do tráfico de armas. Coma sempre, é o resultado da inxustiza, da explotación dos seres humanos por outros máis poderosos. E as mulleres e nenas son os seres máis vulnerables a ser captadas, pola situación de pobreza e miseria extrema na que viven moitos millóns delas no mundo. Tamén polos desprazamentos provocados polas guerras e conflitos armados, que os poderosos provocan, en defensa dos seus intereses. Por outra banda, as políticas represoras da Unión Europea, en materia de inmigración e asilo, como se está vendo nestes días, provocan o aumento das mafias.

A educación sexista e a cultura do consumo do sexo pagado (recordemos o típico comentario: “é o oficio máis vello do mundo”), aumenta, cada día, baixo a permisividade dos gobernos, e a complicidade da sociedade. Calquera de nós saímos a rúa para manifestarnos en contra de calquera inxustiza que vivamos. En porén, pasamos, tranquilamente, por diante dun prostíbulo, sen inmutarnos, sabendo que, neses lugares, estase atentando contra a dignidade das mulleres.

É difícil mirar para outro lado sabendo que, só no estado español, hai miles de prazas en hoteis, pisos, locais, rúas, prazas, polígonos industriais, etc., dedicados á prostitución. Esta é a realidade de miles de mulleres explotadas, escravas sexuais, sen ningún dereito, ás que se lles arrebatou unha vida que xamais recuperarán.

A maioría das vítimas son estranxeiras(aínda que, coa crise, aumentou moito o número de españolas), en situación irregular, que, aparte do terror que senten aos proxenetas e empresarios, elles moi difícil denunciar, porque, automaticamente, son expulsadas do país por ilegais. Por outra banda, o goberno retirou a cobertura sanitaria ás persoas sen permiso de residencia, e estas mulleres padecen graves problemas sanitarios, que requiren tratamentos, que a sanidade pública non lles proporciona.

Pero, toda esta inxusta e penosa situación que viven estas mulleres non evita que eses homes, os clientes, os verdadeiros responsables de que exista a prostitución(coa conivencia de empresarios do sexo e gobernos de turno), asuman que están contribuíndo a que existan escravas do século XXI.

É vergonzoso que, aquí, en Galicia, non hai moito tempo, algún prostíbulo subvencionaba a un equipo de fútbol. E algún outro saía anunciado no programa dunha comisión de festas.

Desgraciadamente, as únicas políticas que se están levando a cabo contra a explotación sexual é sancionar ás mulleres, co fin de “limpar as rúas”.

É moi importante unha educación afectivo-sexual baseada no respecto e na igualdade, non na represión. E a Igrexa ten moito que ver neste tema. Só se preocupa de ditar normas de conduta represoras, que non conducen a un desenvolvemento san e integral da persoa. E maniféstase contra calquera lei que favoreza a liberdade das mulleres. En porén, non denuncia a existencia de prostíbulos nin de prácticas que atentan contra a dignidade delas.

Finalmente, desde a Uned Senior de Xestoso, manifestámonos en contra de calquera forma de explotación de mulleres e menores. E esiximos ao goberno a protección e reinserción das vítimas, así como a persecución de proxenetas, empresarios e clientes. Que non miren para outro lado. Que elaboren leis xustas e que as fagan cumprir.

Mª Lourdes Pérez Freire, alumna da Uned Senior de Xestoso, aula de Paderne.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES