Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hoxe convido eu a café

lunes, 31 de agosto de 2015
É a hora do café. Esa hora tan xeitosa, xa despois de comer, para estarmos todos xuntos, sen présas, e falar da familia e rir e facérmonos confidencias.

O café é coma un rito especial que nos convoca e reúne incluso de pasada ou transitoriamente:
“Imos tomar un café e xa falamos”, dicimos a cotío.

Ou facémonos invitar: “Convidas a un café?” Ao mellor, despois, en troques do café, pedimos auga sen gas e do tempo e, por suposto, pagamos nós. Pero iso non é o esencial.

Pois hoxe, son eu, Nieves Espiñeira Medín, quen abre o café dunha nova etapa na súa vida e vos convida “ao seu café”.

Sesenta anos! Non sei se, daquela, puideron tomar café pola miña chegada ao mundo. Quero supor que si.

Voume pór nostálxica. As miñas primeiras lembranzas van cara atrás, para agradecerlle aos meus pais e á miña familia de orixe o agasallo máis grande: A vida, o amor e a loita por darme todo canto souberon e puideron. Para eles grazas e unha oración. Tamén para os devanceiros aínda máis anteriores.

Hoxe, con sesenta anos andados, coa miña nova familia directa, herdeira tamén daquela e de outras máis, quero convidarvos a café con todo o que iso significa:
Foron sesenta anos de vida. Recibindo e dando vida. Acollendo a vida que foi chamando ás portas da miña existencia. Que se foi multiplicando, que medra con forza e me enche de emoción.

Na vida hai que saber parar e deterse con calma para pillarlle o sabor á vida. Saber celebrala, sacando canto sentimos por dentro e que moitas veces, por falso pudor, non nos atrevemos a dicir. Logo pasamos a vida apesarados por non térmonos dito canto nos queremos.

Por iso, hoxe, son eu quen convida a café. Quen quere romper o silencio, tomar a palabra e dicirvos canto vos quero a todos. Eu só desexo unha cousa, que nos sigamos querendo sempre.

Por iso escollín para esta data algo moi simbólico:
Unha cafeteira, grande, chea de figuras e ollos, de miradas profundas que saen da vida mais fonda e se proxectan cara a un futuro con esperanza, que temos de construír entre todos. Hoxe convido eu a café

Esa cafeteira son eu. Nieves. Porque, do mesmo xeito que desde ela vos vou servindo hoxe este café conmemorativo, así me fun dando a cotío a cada un dos que viñestes despois. Xa fose por vía do sangue ou do matrimonio. Sempre por amor.

En cada unha desas taciñas e pratos, con miradas diferentes, pero sempre moi semellantes, en número de seis, aí está a miña riqueza que hoxe celebro.

Non sabedes ben con canta alegría, e con bágoas de profunda emoción, vos convido a este café de familia.

Ollades aí tres parellas de cacharriños, arrincados do barro da nosa Terra Nai, Galiza. Foron adornados coa inspiración dun artista viveirense, da mesma terra onde nós a familia Espiñeira Medín, sendo nenos, vivimos por un tempo.

Pois neste elemento sensíbel e tan familiar quero eu hoxe simbolizar toda a fondura de significados que para min tendes todos e cada un de vós.

Sondes a miña familia, feitos con moito amor, do meu propio barro, da miña carne e do meu ser de muller. Tamén dos meus sufrires. Fíxenvos como souben e Deus me deu a entender ata chegarmos ao día de hoxe. En vós condénsase a miña historia vital.

Fun gravando en cada un de vós o mellor de min mesma. Seguro que algunha vez non todo foi perfecto nin saíron as cousas como todos ben quixeramos.

Pero este é o meu café, ao que vos fun convidando durante tantos anos e que hoxe quero desvelar en toda a súa riqueza simbólica, porque non só de pan vivimos as persoas. Na vida hai moitas cousas que se non se din non se saben.

Non. Non esquezo aos máis noviños. Eles participan do café, coa celebración. Pero aínda non deben tomar café, que ten consigo amarguexos. Para eles, leitiño morno e ben axeitado, con azucre doce e sabedoriño, para animalos a medrar e que saiban canto lles queremos. Eles están significados nesa xerriña leiteira e nesa azucreira, nas que se reproducen tamén eses mesmos ollos grandes, observadores, onde agroma o misterio dunhas vidas que van espertando a cotío.

Algún día celebraredes vós, con eles, os vosos sesenta anos. E, daquela, saberedes o que significa esta hora do café. Entenderedes mellor este meu café dos meus sesenta anos.

Este é hoxe o “café de Nieves”. Estou sumamente gozosa. Quérovos moito e quero dicírvolo así. Ao meu modo. Axudádeme para seguírmonos querendo todos.

Felicitádeme. Dádeme bicos e apertas. Seinas recibir e agradecer. Que nunca falten nas vosas vidas nin nas vosas casas.

Sabede que a miña casa estará sempre aberta para todos e a todas horas. Vinde. Sentades. Falamos. E tomamos un café. O “Café de Nieves” nunca pecha.

E que doravante celebremos moitos cafés xuntos, cheos de bo aroma e recendos. Sempre con moito amor e con moita conversa. Que nunca nos falte a palabra.
Espiñeira Medín, Nieves
Espiñeira Medín, Nieves


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES