Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tangueiro

lunes, 24 de agosto de 2015
Recente a celebración da XXIV edición do Mercado Medieval de Mondoñedo entretéñome lendo “La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España” da autoría do lugués Miguel-Anxo Murado onde se defende a tese de que o pasado non é a explicación do presente senón a súa xustificación. O coñecemento que temos do pasado ten moito de imaxinario, e moi pouco, ás veces case nada, de real.

O Mercado Medieval de Mondoñedo foi pioneiro nisto de reparar no pretérito como unha oportunidade lúdica. Un Medievo que en Mondoñedo non comeza antes do s. XII cando se fixa a Sede Episcopal e se lle concede o título de cidade, e que remata cun feito cargado de simbolismo, puro mito: a decapitación de Pardo de Cela a finais do ano 1483.

Neste período tan longo tamén se debeu practicar o xogo chamado Tangueiro que formou parte dos torneos e xustas medievais como o “combate das espadas”, as “cabezas”, as “sortijas” e a “folla”, entre outros. Cando a nobreza abandonou a práctica, foi o pobo o que os imitou organizando torneos con motivo de celebracións diversas.

Soía practicarse a cabalo, tamén a pé, mesmo sobre cabalos de madeira e incluso en barcos, en ríos ou lagoas como no Londres do s. XII. Evolucionou coa fabricación do moneco de madeira que xiraba sobre un eixe, e que levaba na man esquerda unha adarga ou escudo, e na dereita un sabre de madeira, unhas vexigas inchadas ou un saco de area. O cabaleiro encaraba o estafermo; se atinaba coa lanza no nariz ou no medio dos ollos, este quedaba quieto, non se movía, e era o premio maior. Se, en cambio, daba coa lanza no escudo ou noutra parte do moneco, este xiraba e rara era a vez que non lle zoscase co saco ou co sabre ao cabaleiro. E era a risa dos espectadores. Suponse que todo comezou cun poste e evolucionou coa fabricación dun moneco de madeira como o Tangueiro, ou estafermo, que se custodia no Casino de Mondoñedo. Ten a figura dun soldado de época antiga pero indeterminada, con helmo, e cos brazos abertos en cruz; na dereita un escudo e na esquerda un saco de area.

En Inglaterra chámanlle Quintain, nome con orixe na palabra latina “Quintana” en referencia á quinta rúa dun campamento militar romano, que era onde adestraban os soldados. O emblema que representa á pequena vila de Offham, en Kent, Inglaterra, é a figura dun Quintain. Presumen alí (habería que contrastalo debidamente) de seren o último lugar no que se practicou este xogo e teñen exposto na rúa un artefacto que só se retirou por precaución durante a Segunda Guerra Mundial para que non servise de branco á aviación inimiga.

As referencias documentais que temos da práctica deste pasatempo Mondoñedo son dos ss. XVIII, XIX e XX. Concretamente ata 1944, que é cando, segundo investigación de Andrés García Doural, con motivo das festas dos Remedios, se correu por última vez.

Gustaríame a min que na próxima edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, a XXV, se puidese facer unha réplica do Tangueiro que garda o Casino e que grandes e pequenos, a pé, a cabalo ou en bicicleta, fixesen xirar o Tangueiro. Por diversión, e por facerlles saber aos de Offham que xa non serían os últimos en practicar este xogo.
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES