Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O dominio punto Gal e a marca Galicia

martes, 20 de junio de 2006
O pasado sábado tiña lugar en Compostela a Asemblea Constituínte da Asociación PuntoGal, que xurde co obxectivo de conseguir o dominio .gal como espazo propio na internet para a cultura e a lingua do país. Está iniciativa sen ánimo de lucro está promovida por máis de vinte entidades representativas de diversos ámbitos da sociedade galega, que avalarán a candidatura diante da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN), organismo internacional que se encarga de autorizar e de recoñecer os dominios.

Na devandita reunión os promotores da idea fixeron un repaso dos traballos realizados ata agora, incluíndo a creación dunha páxina web, os contactos cos representantes do dominio .cat, o borrador dos Estatutos ou a imaxe corporativa da Asociación, entre outros. Unha vez comentados estes aspectos, a Asemblea aprobou os estatutos e a formación da primeira Xunta Directiva, que está presidida por Manuel González, secretario da Real Academia Galega (RAG). Dentro das liñas fundamentais de traballo inclúese a creación de varias comisións de expertos para elaborar as campañas de divulgación desta iniciativa que conta, entre os seus obxectivos, o de contribuir ao proceso de normalización lingüística.

Hai que dicir que a idea de promover .gal xa recibiu numerosos apoios oficiais, entre eles o do Consello da Cultura Galega e o da propia Real Academia Galega. Pero eu quixera hoxe destacar a súa importancia se a vencellamos a outro proxecto: o de Marca Galicia. Despóis da moda galega nos anos oitenta -que xogou un papel determinante na proxección da nosa Comunidade- e tamén da creación da garantía Galicia Calidade na década dos noventa -que se converteu nun referente no Estado español para a implantación de distintivos oficiais deste tipo que avalan os produtos de determinadas zonas- nos albores do século XXI plantéxase a necesidade de promocionar Galicia como marca-país.

Para elo é necesario coordinar as distintas actuacións públicas e privadas, ademais de transmitir ás empresas e ás institucións a importancia de ofrecer unha boa imaxe como país competitivo e dinámico, baseada no progreso e na modernidade. De todos xeitos, para comezar a traballar neste proxecto con seriedade temos que analizar, en primeiro lugar, cal é imaxe actual que se transmite dende Galicia hacia fora, unha cuestión que debe espertar o interese de toda a clase política e, en especial, do Goberno da Xunta. Estamos a vivir un momento histórico de cambio a moitos niveis, e por iso a Marca Galicia será todo un detonante que sirva para promover unha imaxe renovada e compacta no exterior, favorecendo o proceso de internacionalización das empresas galegas e a súa penetración en novos mercados, que está a ser precisamente unha das misións actuais do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Para acadar o dominio .gal é fundamental, xa que logo, a suma de todas as vontades da sociedade civil, empresarial, así como das autoridades galegas, asociacións culturais, fundacións, empresas, entidades deportivas e profesionais de distintos eidos; pero esta reivindicación debe contemplar tamén outros aspectos, como o de Marca Galicia, para conseguir un proxecto único e coherente. Por exemplo, no caso catalán, a unión e a forza da proposta fixeron que o .cat fose o primeiro recoñecido mundialmente, feito que ademais abriu a porta para o .gal e outros. É preciso lembrar, finalmente, que o propio Estado español, que foi consultado pola ICANN antes de outorgar o dominio, deu o seu visto e prace.
xornalista@monchopaz.com
Paz, Moncho
Paz, Moncho


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES