Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Rosendo en Viladonga

jueves, 06 de agosto de 2015
O sábado día 18 de xullo deste 2015 foi un día histórico prá Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, prá Asociación Amigos do Museo de Viladonga, pró Concello de Castro de Rei e pra uns 16 quilómetros de camiño que pasan por el antes de entrar no de Lugo polos lagos de Teixeiro desde tempo inmemorial
Comezando afeito e sen pararse moito. A Asociación de Amigos do Patrimonio ven facendo un encomiable labor por demostrar e poñer en valor o trazado orixinal do camiño que debeu seguir San Rosendo nas súas frecuentes viaxes entre a diocese de Mondoñedo da que foi bispo e é patrón e Ourense de onde era e onde tiña tamén misións que cumprir.

Hai un home que disto de camiños seculares, coma de moitas outras cousas, sábeo todo, por capacidade, por entrega apaixonada e por rigor científico, Ricardo Polín. Algo puiden beber desa fonte. Graciñas.

Nisto dos camiños antigos todo vai encadeado, así a Ruta de San Rosendo coincide con un dos trazados do Camiño Norte polo interior de Santiago e ambos con un máis antigo camiño real, xa que non podía nin debía haber un camiño para cada cousa nin para cada casa. Tampouco hoxe debería ser, pero os votos ata abren e pechan camiños. A cousa ten o seu interese, tamén económico, pero tamén sempre houbo e hai quen trata de levalos todos por xunto da súa casa, quen trata de apartalos o máis posible e quen tanto lle ten por onde pasen, porque prefiren que os levemos e lles paguemos a mantenza a botarse a camiñar por eles mesmos. Compréndense estas actitudes, aínda que non se compartan, porque dentro do que debe ser un traballo con rigor científico e histórico non se trata de ver por onde convén máis que pasen hoxe os vellos camiños, senón por ode pasaron realmente nas súas orixes e nos séculos posteriores.

Á iniciativa da Asociación de Castroverde uniuse a de Viladonga, por afinidade de criterios e porque se iniciaba no Castro a camiñada. E considerando que se trataba dun acontecemento histórico, aínda que non houbese cámaras de televisión nin grandes máquinas de retratar de reporteiros gráficos, quíxose destacar dalgún xeito o evento.

O presidente da Asociación de Amigos de Viladonga falou comigo e eu falei coa Directora do Museo, Elena, e con Felipe Arias, o pai do Museo, e déronme autorización para convidar a San Rosendo e ás nove e cuarto do día 18 estaba no Castro e todo seguiu como se conta a continuación:

(Introdución de Felipe)
Xosé Manuel púxose en contacto con San Rosendo a ver se podía mandar unha bendición para este momento histórico. O Abade sorprendeunos traendo a bendición el mesmo en persoa e sendo o primeiro en chegar. Como está canso e ten a voz un pouco turbada, pediume se lle prestaba a miña para un pequeno discurso e fágoo gustoso. Escoitade, logo con atención.
Discurso:
Amados irmáns e irmás da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde e da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga e outros simpatizantes destas asociacións que hoxe nos honrades coa vosa presenza neste lugar tan senlleiro.
Eu, de nome Rudesindus ou Rosendo, que percorrín repetidas veces a pé ou a cabalo toda Galiza e parte de Portugal, de norte a sur e de este a oeste, ben sei que cando alguén está en disposición de iniciar unha nova camiñada o que menos necesita son atrancos que lle retrasen a posta en marcha.

Pídovos, xa que logo, desculpas por entretervos uns instantes, non con idea de retervos, senón, pola contra, de darvos airosa saída.

En primeiro lugar quero agradecervos esta iniciativa de poñéredesvos a percorrer unha parte do camiño que eu tantas veces percorrín en dirección ás abertas mariñas ou dende estas ao máis pechado interior.

Con tal iniciativa dades plasticidade, e dalgún xeito escenificades, a importancia de non perder as raíces que nos vinculan co pasado e nos dan a vitalidade necesaria para vivirmos con ilusión o presente e proxectarnos con esperanza cara o futuro. Así, de paso que dades forma real a unha reivindicación concreta do noso patrimonio, plasmades tamén realmente a vida mesma no seu conxunto, o que non deixa de ser unha longa camiñada para todos e para cada un.

Aínda que lles dá máis renome Santiago cá min a moitos camiños, eu tamén sinto fachenda de que algúns, coincidentes ou non cos de Compostela, leven o meu nome.

Por iso estou seguindo con moito interese a recuperación da memoria de tantos camiños que co paso do tempo se foron atoando.

Eu, e non o digo por presumir, entreguei a miña vida a amar ao próximo e a demostralo con feitos máis ca con palabras, defendendo aos asoballados e repartindo e compartindo bens herdados e facendas adquiridas.

Como pode, hoxe nin nunca, dicir ninguén que ama ao próximo, ou que traballa polo ben común, se non ama, e mesmo chega a menosprezar, o inmediato, o que está máis preto, o que nos configura como país diferenciado dentro do amplo abano dos países de mundo?

Entre as miñas virtudes está a da xenerosidade altruísta e desinteresada; pero tamén se me recoñeceu unha característica pouco frecuente en homes de Igrexa ou de mando: a alegrías e bo humor.

Facendo uso dese sentido do humor non podo menos de sorrir cando vexo que dende ás máis altas instancias ata as máis baixas sempre hai comenenciudos politiqueiros asesorados por incompetentes conselleiros pseudocientíficos que ousan negar a realidade para, logo, reinventala manipulada conforme ás súas comenencias.

Os camiños fóronos abrindo os nosos antergos dende tempo inmemorial de acordo coas súas necesidades e procurando os trazados máis axeitados para daren o servizo que se lles require. Aos camiños máis vertebradores chamóuselles reais aínda que nunca ningún rei chegase a transitar por eles.

Tería graza, se non fose esperpéntico que agora se queira retorcer a historia ata o estremo de pretender que aqueles camiños pasasen, ou deixasen de pasar por un lugar, en función da transitoria e inestable rendibilidade en votos ou noutros intereses espurios.

Non quero, evocando estas farsas traxicómicas tan de moda, amargarvos a aventura que ides iniciar.

Que vos sexa grata a camiñada. Que non miredes só con presas cara á meta. Mirade tamén para os lados a fin de gozar das compañías e das paisaxes. Non deixedes a ninguén tirado á beira de ningún camiño e tede compaixón de quen non dá andado.

Ulide o arrecendo vivificante da natureza. Escoitade os arrechouchíos dos paxariños e as cantigas das augas. Pescudade no silencio. Aprendede a diferenciar se este é fonte de novos proxectos ou fillo da soidade, da despoboazón e do esquecemento do noso rural. Mimade o silencio produtivo libremente escollido; pero, en cambio, fendede co voso berro reivindicativo de xustiza social o silencio imposto e represivo.

Que cheguedes cansos ao final desta etapa; pero con renovados folgos para seguíredes camiñando ata a meta sen caer na tentación de ficar mirando para atrás con saudade convertidos en estatuas de sal coma a muller de Lot, nin de queimar etapas sen vivilas de cheo, que iso é matar o tempo en vez de aproveitalo.

Ide, pois, coa miña bendición, pero, sobre todo, coa vosa; xa que bendicir e dicir ben e esa facultade non se debe delegar.

Ah!, e unha última advertencia: non teñades medo a asaltantes no camiño nin da empresa estatal Tragsa capaz, se lle pagan, de abrir camiños de pedra moída mecanicamente do século dez polo medio do mar, nin llo teñades tampouco a veciños do Concello de Pol que quixeran desvialo por un trazado diferente, segundo o partido ao que pertenzan ou á oportunidade do momento, porque, sen pretendelo, alióusenos nestes últimos tempos unha xuíza cazadora de mil pezas ao mesmo tempo e a moita distancia que parece que puxo baixo control e por tempo indefinido a este Concello veciño. De controis deste tipo impostos por outra cazadora tamén excesivamente celosa de que non fosen a reparto as súas pezas máis prezadas, sobre todo se tiñan cor política, xa ten ampla experiencia tamén o Concello de Castro de Rei. Síntoo, pero nos tempos de hoxe non debo intervir nestes avatares, por mor dunha irreal separación de poderes que só é realidade nos papeis. É dise que as interferencias de podes son características dos séculos escuros; pois vese que tarda en amencer.
(Rosendo, posto en pé, bendí:)
"Gratias plurimas, Dominus Felipe"."Ite in pacem. Benedicat vos Deus Omnipotentem".
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES