Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Cerna de Carballo', pola famillia

viernes, 07 de agosto de 2015
Tócame a min falar doutro punto de vista da elaboración do libro Cerna de Carballo. O punto de vista da familia. No libro participa unha ampla representación dende sobriños a primos directos ou políticos… Cada un deles da a súa visión e evoca os recordos dos momentos vividos. Emérita Carballo co seu escrito titulado: cura e Quixote; Dulce María Leiras titula: A palabra pode ser en Xosé Manuel bálsamo ou espada; Rubén López Carballo co seu artigo: O máis normal parece o anormal; José Benito López Ferreiro en representación dos primos irmáns e dos seus cónxuxes co título: Primos irmáns ou irmáns primos? Sonia López escribe: As súas verbas, a mellor terapia, Mario Outeiro titula: Paixón pola cultura e a lingua do país e eu que escribín: O meu padriño, “padri”.

Trátase pois dunha nutrida representación familiar, mostra da unión existente á que se fai referencia expresa nos artigos dos primos. Quizais a gran ausencia sexa a da persoa máis importante na súa vida, súa irmá e miña nai que se non se apuntou a aventura de escribir non foi porque non teña que dicir ou non saiba como facelo, senón todo o contrario, porque non habería libro que lle chegase para contar todas as súas vivencias (máis ledas e máis dolorosas e ata tráxicas) co protagonista hoxe. Ela preferiu quedar nun segundo plano, coma sempre, porque nunca foi muller de estar na fachada senón máis ben de facer firme e caladiño.

Cúmprese por tanto en meu padriño, cura por encima de todo, un dito máis ben pensado para parellas: “Detrás deste gran home hai tamén unha grandísima muller” Claro que meu padriño xa hai anos que lle ten dado a volta a ese dito afirmando que para facer dun homiño un gran home abonda cunha muller medianiña. Por suposto, non o di por rebaixar á irmá, senón por recoñecer a grandeza de toda muller. Tampouco aparece escribindo noso pai Esteban, pero tamén están moi presente na vida un do outro, É un trato fraternal de colaboración, axuda, preocupación mutua especialmente en momentos de enfermidade e de respecto. Non só se entenden. Temos abondas probas de que se queren ben.

Dende o ámbito familiar máis próximo vivimos a xestación e evolución dun libro, primeiro rexeitado e posteriormente mimado. Primeiro rexeitado porque á proposta inicial de facer un libro sobre el negouse con contundencia, porque lle parecía desmesurada, que ía meter á xente en compromiso… Posteriormente, sen embargo, cando víu que non había marcha atrás, foi mimado porque participou de xeito activo dende o minuto un da elaboración do libro, preocupándose de que non faltase ninguén que quixese escribir, (labor realmente imposible de acadar dados os múltiples amigos e coñecidos que foi xuntando ao longo da vida), participando na corrección dos textos, na elección das imaxes e o seu emprazamento dentro do libro así como incluíndo todos e cada un dos comentarios a cada fotografía, facendo o seguimento da maquetación e impresión… Incluso escribiu o limiar: “Con permiso, un momentiño nada máis”. Alguén me preguntou un día se o libro se lle fixera a escondidas e se lle entregara finalizado coma un agasallo. Nada máis lonxe da realidade e máis coñecendo a meu padriño que non é capaz de participar en calquera proxecto sen implicarse a fondo ata o máis mínimo detalle.

Por iso, Cerna de Carballo, lonxe de ser unha biografía porque non detalla a súa vida completa de forma cronoloxicamente ordenada, pois segue a orde alfabética dos apelidos dos intervintes, abarca puntos de vista moi amplos e diversos dende a faceta familiar á profesional nas súas múltiples vertentes pasando pola política,social e cultural-

Agradecemos á Xulio Xiz e á Irmandade Manuel María, Asociación Xermolos con Alfonso Blanco á fronte este proxecto. Grazas a eles puidemos plasmar por escrito recordos, vivencias, sentimentos… que doutro xeito, en moitos casos, quedarían so para cada un de nós (e nunca chegarían ao seu destinatario) Moitas veces custa saír da rutina diaria, semanal, anual e pararse a reflexionar e ser capaz de simplificar, nun espazo reducido o que unha persoa determinada aportou ás nosas vidas. Porén, é un exercicio que deberíamos facer máis a miúdo e con máis xente porque son moitas as persoas que nos moldean ao longo do tempo influíndo na nosa forma de ser e de vivir. Por desgraza na maior parte dos casos nunca llelo dicimos e o peor é que non chegamos a ser verdadeiramente conscientes do importantes que son ou da impronta que deixaron en nós ata que faltan do noso entorno.

Precisamente por iso, contar cun libro coma este non so é un privilexio para quen o protagoniza, senón tamén para todos os que tivemos a sorte de participar nel. Tamén grazas a el os nosos fillos e netos poderán saber un pouco máis de quen foi aquel Xosé Manuel Carballo do que, seguro, se seguirá a falar dentro de moitos anos, porque as persoas déixannos pero as súas obras quedan e moitas delas están reseñadas neste libro.

O que está claro e que as homenaxes, a ser posible, teñen que ser en vida dos protagonistas para que as desfruten e se sintan recoñecidos, algo ao que, a día de hoxe, seguimos pouco acostumados. Este volume é a homenaxe que publicamente lle facemos a familia e amigos compartindo os nosos recordos, fotos e agradecementos con todos os que se acheguen ao libro.

Precisamente a foto que máis lle gusta a meu padriño é unha que sae na páxina 312 onde aparece sentado cos tres netos: dous fillos meus (Martiño e Navia) e outro de meu irmán (Ero) e non é para menos porque son moitas as metas que logrou cruzar na súa vida, moitos os retos que se fixou e conseguiu pero ter tres netos quen sempre respectou o celibato imposto polas altas instancias eclesiásticas, non é un logro dos pequenos. A foto non foi feita para o libro, senón que xa estaba feita de antes e reborda tenrura. Empezou por eles a dedicar libros pois son tres grandes razóns para vivir. Pero ademais desta foto, ao longo do libro hai múltiples e variadas fotos de familia: da súa infancia, primeira misa, vodas, viaxes…

Quero destacar das miñas experiencias, cousas que so podería ter feito con el, como descubrir, dende ben pequena, a importancia da literatura, especialmente en galego, e ter a oportunidade de asistir a certames literarios e acompañalo a recoller merecidos premios.

Recordo tamén con intensidade a subida aos escenarios miña e de meu irmán. Estabamos aínda no colexio e levounos con el a bastantes actuacións de maxia. Eu facía dous xogos consistentes en adiviñar cartas grazas á telepatía con el e meu irmán un so pero moito máis espectacular, pois hipnotizábao e partíalle unha gran pedra no peito cunha marra de ferro.

Sempre dicía que era moi bo subir a un escenario para superar o pánico escénico e que nos ía valer ao longo da vida (Seguramente sería certo, non o dubido, pero eu debín ter pouca dose da actuacións posto que aínda tremo cada vez que teño que abrir a boca en público) Lembro especialmente dúas actuacións, a das festas do Cádavo, en pleno verán co campo ateigado de xente no descanso da noite e a última en San Ciprián, polo calambrazo que levou meu irmán cando subiu ao escenario que o deixou inconsciente, o que fixo que meu padriño saltase para ceibalo da escaleira metálica que o electrocutaba e o recollese no colo e eu me abrazase ao señor que había detrás de min que non coñecía de nada. O que non se esquece na vida é a sensación final que producen os aplausos, mesturados coa satisfacción de ter superado o medo e rematada a actuación con éxito. Eses aplausos fan esquecer todo o nerviosismo previo e experimentar unha sensación de ledicia indescritible, especialmente sendo unha nena.

Outra das miñas grandes paixóns herdada del, son as viaxes. Como meus pais non tiñan dispoñibilidade horaria para marchar da casa máis dun día, xa que o gando non o permitía, meu irmán e mais eu tivemos a oportunidade de coñecer, da súa man, moitos recunchos de Galicia e de fóra dela. (Todo grazas a que, como el sempre di, os curas so traballan un día á semana). Tivemos que facer o carné de identidade e o pasaporte antes de tempo para cruzar a fronteira con Portugal. Atravesar aquela ponte enreixada sobre o Miño, e ter que parar na aduana do outro lado para min era coma cambiar de mundo e iniciar unha aventura por un país cunha lingua, que daquela me parecía totalmente diferente, e cunha forma de conducir que eu tampouco nunca vira, iso sen contar os milleiros de trebellos que descubriría naquelas feiras nas que non se podía adiviñar onde remataban.

En pleno mes de agosto fomos a Expo92, ao ano seguinte cumprín os 16 no cumio do Teide e xa no 1994 viaxamos a París e Bruxelas en coche, con múltiples paradas intermedias. Todas e cada unha delas, xunto co resto das saídas máis curtas, foron especiais. Lembro que eu facía un esforzo enorme por tratar de rételo todo pero, por desgraza, a miña memoria ten un límite e son moitos os detalles que o tempo borrou. Lembro si que a ultima noite na Expo eu choraba, non pola dor das vexigas dos pés, senón por non poder ver máis.

Polo medio están outras viaxes como as de case todos os luns a Lugo mentres facía o bacharelato e de moitos luns a Santiago cando estiven na universidade. Cantas veces mentres conducía ía consolándome, dándome ánimos ou tratando de quitarme medos!

Pero se especiais foron todas esas viaxes da miña infancia e adolescencia, anos nos que todo deixa especial pegada, a viaxe con letras maiúsculas foi para min a máis recente: a que fixemos a Bos Aires no ano 2005. Antes de marchar, cando me preguntaban, eu sempre respostaba que non tiña familia cercana en Bos Aires, a diferenza de moita outra xente desta terra que segue a conservar achegados por aquela pero, once días despois, xa podía e sigo podendo asegurar que teño unha familia, oriúnda de Bazar e Coruña (Ana e Luís e toda a súa familia), Elsa de Mendoza e un tío (Darío) que ademais cruzou outra vez o Atlántico que nos separa aos seus 95 anos, coa ilusión especial de vir a esta presentación do libro. Meu padriño tivo moitísimos actos en público e encontros coa xente vinculada a Galicia dun ou doutro xeito, algúns deles moi emotivos, pero o máis importante desa viaxe, a diferenza de calquera outra, non foron os lugares que coñecemos (marabillosos por certo) senón a familia que alí deixamos. Eu saín da cidade co corazón partido, cousa que endexamais me pasou en ningún outro lugar do mundo.

Para rematar dicir, que houbo outro destino que eu tiña especial interese en coñecer con el, pero que finalmente as circunstancias impediron que puidese ser, polo seu ánimo protector. Eu estaba decidida a marchar con el para Israel pero naquela época avivouse un pouco o permanente conflito cos masacrados palestinos e a franxa de Gaza volvía a ser o inferno no que a converteron os seus conquistadores. O Ministerio de Asuntos Exteriores aconsellaba non viaxar e meu padriño preferiu que eu non correse ese risco. El, por suposto, e por se alguén o dubidaba, non o pensou un minuto e aló marchou. Non sei se é que non coñece o medo ou se o sabe disimular moi ben.

Como as viaxes implican coñecemento, apertura de mente, novas experiencias e sensacións o que eu teño moi, moi claro é que a mellor viaxe de todas é a do día a día con alguén coma ti, PADRIÑO.

(Este texto foi leido por Ánxeles López Carballo, sobriña e afillada de Xosé Manuel Carballo, na presentación do libro "Cerna de Carballo", en Castro de Rei).
López Carballo, Ánxeles
López Carballo, Ánxeles


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES