Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (72)

miércoles, 05 de agosto de 2015
O maínzo na Galicia de mediados do século XX

Naqueles tempos, o maínzo era un alimento indispensable para sobrevivir. Sementábase no mes de maio.
Primeiro, había que arar as terras. Despois, gradalas, para que quedaran ben mulidas. Logo, co arado de pau, facíanse os regos. Sementábase o maínzo e máis as fabas. Despois, gradábase para tapar a semente. Isto facíase todo coas vacas.

Cando o maínzo, xa nado, tiña tres ou catro follas, sachábase. Todo era a forza dos brazos. Máis tarde, viñeron as sachadoras, tiradas por un animal; pero, había que repasar cun sacho os grans que quedaban torcidos ou tapados. Cando medraba así como cuarta e media, despoñíase; era rarealo para que non estivera tan mesto, e amonteábase a terra arredor dos grans. Así, medraba. Botaba as espigas. Cando xa estaban maduras, algunhas dobraban para abaixo, e collíanse para a casa. Case sempre, para a cociña. O chan de terra, apartábase a mesa de comer. Cravábase un pau desde o chan ata o piso. Poñíanse táboas.
Así, ían carretando as espigas en paxes. Facían unha pila grande. Despois duns días, dicían que abrandaban.

Ás noites, aproveitaban para esfollar. Xuntábanse os veciños e parentes; contábanse contos, comíanse castañas. Era algo de festa. Empezábase o viño novo, feito na casa, pura artesanía. Os nenos subiamos ao curuto da pila para botar as espigas para abaixo. Tamén esfollabamos para ver se atopabamos algunha “reina”. Había poucas.
Eran unhas espigas que tiñan os grans color viño. Todos queriamos reinar. Debe ser boa cousa ser raíña. Non tes que traballar. Todo cho dan feito. Boa casa, comida, ben vestida; ata lles coidan os nenos. E estes, cando medran, tamén teñen todo como seus pais. Os rapaces daqueles tempos non pensabamos tan mal.

Para o outro día, metían no hórreo as espigas esfolladas. Recollíase a folla para o gando. Algunhas das follas máis branquiñas eran para os xergóns das camas. No hórreo, secábase, para facer pan para todo o ano, mesturado con centeo.

Ter pan e patacas era xa non pasar fame. Recordo dicir a meu pai: “Foi un ano bo, pois hai pan e patacas para todo o ano”. Había algunhas familias que nin iso tiñan. A vida non era nada doada. Para ter pan e patacas, nosos pais traballaban todo o ano. Os fillos, despois de ir á escola, axudabamos no que podiamos.

Recordo que, cando viñan os nenos da vila, tíñanse por moi listos, pois falaban o castelán. Nós, aínda que nos chamaran “aldeáns”, tiñamos outra sabedoría. Coñeciamos as plantas, os animais, sabiamos como tratalos. Eles pisaban todo; parecíalles que todo era “calle”. Naqueles tempos, tívenlles algo de manía, pois tratábannos con desprezo, porque falabamos a fala dos “incultos”, segundo o seu criterio. Pareciámoslles xente rara. Agora, está ben visto falar galego. Eu faleino sempre. Escríboo moi mal, pois tiven un mestre de Soria e, na escola, falabamos e escribiamos en castelán. Agora, aos setenta e cinco anos, estou aprendendo a escribir algo en galego.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES