Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festas na Ponte (Ourense)

sábado, 25 de julio de 2015
Amigos e amigas, e grazas por permitirme compartir con todos vós o inicio destas magníficas festas do Santiago, patrón do barrio da Ponte e patrón tamén de Galicia enteira!

É para min unha inmensa honra dedicarvos hoxe unhas humildes palabras, as miñas primeiras verbas como alcalde nas festas con maior sona de toda a cidade. Aquí, a escasos metros de dous dos nosos emblemas patrimoniais máis queridos e representativos, o monumento que lle dá nome a este barrio: a Ponte Romana, e a estación de tren que converte á Ponte e a Ourense neste eixo vertebrador de comunicación e tamén de relacións permanentes entre quen chega, quen vai e quen sodes de aquí.

Falar do Barrio da Ponte é falar dunha pequena cidade dentro do noso Ourense. Un barrio con alma, cunha marcada identidade e con personalidade propia. Como ben dicides os pontinos: "Canedo existe".

E aínda que a fusión de ámbolos os dous concellos en 1943 converteu a Ourense no que arestora é, unindo o que separaba o río Miño, ese sentimento identitario perdura hoxe en día. Seguides "baixando a Ourense" a facer recados e seguides levando con orgullo a condición de pontinos e pontinas, como non podía ser doutro xeito.

Ese carácter, esa identidade é algo singular, que paga a pena preservar e defender porque o voso nunca foi un sentimento excluínte senón que é un sentimento integrador. Un pontino nunca deixa de sentirse ourensán tamén.

Aquel concello rural que era Canedo ata o século XIX, converteuse nun elemento dinamizador para a súa contorna grazas á chegada do ferrocarril. En 1881 inaugurouse o treito Ourense-Vigo e en 1885 o de Ourense-Monforte (onde enlazaba coa liña Palencia-A Coruña). A partir deste momento a pugna comercial establecida entre os dous concellos decantouse claramente a favor do da marxe dereita. Ó redor da estación fóronse establecendo comerciantes, almacéns, hospedaxes e casas de xantar, axencias de transportes, talleres, pequenas industrias, mestres de obras e artesáns, servizos de todo tipo.
O barrio acolleu xente nova e emprendedora que, en pouco tempo, o convertiu nun gran centro de actividade económica e social. Moita desa veciñanza eran importantes arrieiros orixinarios de Castela que ata entón se dedicaran a intercambiar produtos galegos e casteláns, pero que, unha vez que o pesado labor de transporte puido ser asumido polo ferrocarril, abriron depósito nos arredores da estación e lle dedicaron o seu tempo a unha venda e distribución máis coidada.
E tamén é de xustiza lembrar que o termalismo terapéutico, con permiso das Burgas, tamén xorde do barrio da Ponte. Co balneario das Caldas, que foi un referente no século XIX, tal e como o testemuña a coñecida e histórica revista "La Ilustración Española y Americana" no seu número correspondente ó 8 de Maio de 1878, onde publica un artigo titulado "Establecimiento balneario de Caldas de Orense".
Describe o número e a situación dos mananciais, así como os seus caudais e as temperaturas e propiedades das augas. Dá noticia da construción dun edificio que tamén describe.
E sen esquecernos do Tinteiro, esa fonte sagrada na que tantas e tantas doenzas atoparon alivio e curación. A Chavasqueira, que foi o primeiro intento dun novo uso das nosas “augasquentes”, o Muíño da Veiga, Outariz.... Se o termalismo é o mar subterráneo das oportunidades de Ourense, A Ponte é sen dúbida o seu peirao.
Espero, e todos esperamos, que o tren volva ser unha oportunidade de futuro para todos. Que coa Alta Velocidade o barrio, e a cidade enteira, senten as bases dun novo rexurdimento económico e social, que nos sitúe como o que sempre fomos: a porta de entrada a Galicia, o nó de conexións máis importante da nosa terra. Que impulse o noso sector comercial e lle dea un pulo ó Termalismo e ás inversións que nos ofrezan o oco que merecemos.
Esta beira do Miño é, posiblemente, o lugar con maiores potencialidades de desenvolvemento socioeconómico a medio prazo dentro do noso municipio. E este goberno vai estar aí, comprometido e á alerta, como estou seguro de que estará o resto da corporación municipal, porque A Ponte e Ourense é cousa de todos e de todas.
Con estas pinceladas, quixen debuxar un bosquexo do que significa o barrio da Ponte para Ourense. E despois de falar do pasado e do que queremos para o futuro, centrareime no presente. No que nos toca agora: As Festas do Santiago -como lle chamades vós ó voso patrón, con esa familiariade tan entrañable-, as festas máis populosas de cantas se viven nesta cidade!
Música, diversión, comercio, hostelería e xente, moita xente polas rúas. As rúas da Ponte son as protagonistas, as orgullosas anfitrioas de pontinos e de invitados polos pontinos e pontinas a compartiren tardes, noites e madrugadas de lecer. En Ourense sabemos moito de moitas cousas, e cando se trata de desfrutar dunhas boas festas, a aposta segura son as do Santiago. Así foi sempre e así seguirá sendo.
O barrio da Ponte acolle a máis de 30.000 persoas, representa un terzo da poboación do concello de Ourense. Ten, pois, un peso social estratéxico para o noso concello e temos a obriga e a responsabilidade de ser correntes e de contestar con feitos e proxectos ese peso social.
A Ponte fainos máis grandes, a Ponte fainos a todos e a todas máis importantes, permite que Ourense sexa unha gran cidade e que esta cidade sexa corresponsable co fututo deste barrio. Estaremos aquí, a pé de rúa, como estamos hoxe, traballando para un futuro mellor, un futuro que hoxe é festa, ledicia e convivencia.

E aquí estamos hoxe: apoiando as Festas do Santiago Apóstolo, como non podía ser doutro xeito.
Estamos coa Ponte. Viva A Ponte!!!!!

Graciñas a todos e a todas e MOI FELICES FESTAS!!!

(Jesús Vázquez, pregoeiro das festas de A Ponte-Ourense 2015, é Alcalde de Ourense)
Vázquez, Jesús
Vázquez, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES