Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vivir no rural, que bonito é

viernes, 31 de julio de 2015
Din os que saben disto, os sociólogos, que nos últimos cincuenta anos o rural galego sofre un proceso de cambio na dirección equivocada. A Administración e as autoridades non atopan polo de agora solucións.
As consecuencias negativas son ben visibles. Entre elas, o abandono do rural: a inmensa maioría dos concellos perde poboación. Outra, o avellentamento da poboación e o que iso implica en atención médica, factura farmacéutica e creación de servizos para os anciáns. Outra máis, a caída de emprego. E aínda outra, a perda acelerada de patrimonio cultural tradicional e do patrimonio inmaterial. Con cada vello que se nos vai, arríncannos anacos da nosa cultura.

Ademais hai un claro desequilibrio territorial. Preocupadas andan as autoridades e lograron preocuparnos a todos, por unir Galicia co centro peninsular con bandadas de AVE.s, autovías e outras pirámides, pero a materia sempre pendente é a desvertebración do territorio.

O proceso de urbanización provoca que a poboación se concentre nas áreas urbanas costeiras. O chamado Eixe Atlántico, estreita franxa de Ferrol a Vigo-Tui concentra nun terzo do territorio galego á maioría da poboación, mentres que as zonas do Interior e Interior Deprimido, co 54% do territorio, apenas ten o 23% dunha poboación menguante. Pouco falta para que declaremos aos nenos e nenas que viven nese rural “especie protexida en vías de extinción”.

Máis madeira. Mentres en 1950 sete de cada dez galegos traballaban no agro e ocupaban o espazo rural, hoxe só o fai un de cada dez. Iso significa menos xente, menos vida, menos empregos, menos servizos. E perda acelerada de identidade, porque se algo nos define é unha maneira de ser, un xeito de falar e un modo de ocupar o territorio. Por iso a chamada angustiosa e urxente de autoridades e veciños do rural que asisten impotentes ao peche de escolas e colexios. Ben saben que detrás de cada escola pechada acabou pechando a aldea.

Os habitantes destes concellos escoitan abraiados cantos de sereas políticas que prometen medidas-para-fixar-a-poboación-no-rural mentres en nome de non sei que racionalidade, optimización, redistribución, reasignación… de recursos, arríncanlles bocado a bocado os escasos servizos que lles quedan.

E pregúntanse pampos como é que a súa terra rende cada vez menos mentres outros multiplican as súas ganancias co que eles producen. E por que o seu traballo, a cultura da terra que creou Galicia, vale cada vez menos. E por que a enerxía da súa auga, ese ouro líquido, e do seu aire, ese ouro transparente, e do seu leite, ese ouro branco, deixa só migallas neses concellos mentres engordan os petos insaciables dos buratos negros, lonxe da terra, onde habita a cobiza.

Alguén preguntaba abraiado a un velliño que tornaba as vacas:
- Pero vostede, con tantos anos no lombo e aínda termando da facenda?
Mirou meu vello ó lonxe. E de alí a un cacho contestou:
- E que facer? Nin sei para que traballo. Aquí xa non quedan nenos. Non queda nada.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES