Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A persecución dos cristiáns (I)

jueves, 23 de julio de 2015
Compás Social:
A persecución dos Cristiáns no mundo actual (I)

Nos quince anos transcorridos desde que amenceu este século XXI apareceron nos medios de comunicación numerosas informacións sobre actos de violencia extrema, noticias que hoxe están na conciencia colectiva de toda a humanidade. Mesturadas con esas informacións aparecen de vez en cando noticias relacionadas coa persecución de determinados grupos de cristiáns nalgúns países do ancho mundo especialmente de medio oriente, de África e de Asia. Esas informacións específicas son silenciadas ou recollidas sen apenas detalles nos grandes medios de comunicación de España e doutros países europeos. Como explicar este fenómeno? No mundo anglosaxón non se da esa actitude de silencio coa mesma intensidade, e publícanse artigos e libros que informan desa persecución que sofren moitos grupos cristiáns en todo o mundo, existindo unha bibliografía xa considerable e ben documentada sobre este problema que salpica moitos países.

En outubro de 2014 publicouse un libro de 800 páxinas que pretende darnos unha visión completa desas persecucións sanguentas ou marxinacións de cristiáns en todo o mundo, expoñendo os feitos, as causas e as consecuencias de tan amplo perseguimento mundial. Ese libro titulase en francés "Le libre noir de la conditión des chrétiens dans le monde", XO Éditions, Paris, 2014; (O libro negro da condición dos cristiáns no mundo). Non existe, de que saiba, tradución ó castelán ni a outra lingua cooficial de España. Esta ampla investigación contén a colaboración duns 70 autores, especialistas internacionais e testemuñas directas, que expoñen a situación mundial en moitos países dos cinco continentes das marxinacións e das persecucións abertas que sofren diversos grupos de cristiáns. A "condición dos cristiáns" hai que entendela neste libro como marxinación ou persecución ligada ó fenómeno da "mundialización" en curso.

Nunha pequena aproximación xeopolítica do cristianismo, un dos autores sintetiza a situación actual da expansión dos cristiáns no mundo: os cristiáns están presentes en todos los continentes e forman o primeiro grupo relixioso a escala planetaria; son 2.200 millóns sobre os 6.900 millóns de habitantes no noso planeta, é dicir, son o 32% da poboación mundial. Os cristiáns son maioría en 157 países; 24% deles están en Europa, 24% en América Latina, 23% en África subsahariana, 13% en América do Norte, 13% en Asia e un 3% en Oceanía. E contabilizados por confesións, hai un 12% de ortodoxos, 50% de católicos, 37% de protestantes e un 1% de cultos diversos. Estas cifras, referidas a 2010, sofren constantes cambios e deben ser revisadas cada pouco tempo á vista das persecucións e migracións actuais.

John L. Allen Jr., especialista das relixións no xornal “The Boston Globe”, dinos que hai unha guerra global contra os cristiáns que afecta a máis dun millón de persoas e a centos de comunidades cristiás. E nese mapa mundial de persecucións sanguentas destacan os asasinatos de cristiáns en Irak, en Orissa (estado do nordés da India), en Birmania e en Corea do Norte; mais o libro recolle información sobre a persecución dos cristiáns en todo o mundo. Por que estas persecucións dos cristiáns, pregúntase o autor deste artigo? Atribúense as “guerras culturais”, é dicir, o “choque de civilizacións” co Islam radical e en menor medida, a laicidade excluínte en Occidente; pero hai outras causas máis inmediatas: os cristiáns son maioría no mundo, uns 2,200 mil millóns, case un terzo da poboación mundial, isto quere dicir que estatisticamente son máis visibles; neste intre os cristiáns crecen fora de Occidente e son percibidos como unha ameaza; nalgúns casos son minorías étnicas e culturais que sofren unha tripla unha marxinación. En moitos casos os cristiáns son identificados con Occidente e son as vítimas dos ante-Europeos e ante-Americanos.

Pero aínda hai máis, dinos o autor deste relato: as persecucións dos cristiáns pasan practicamente inadvertidas no mundo actual. Nos medios laicos, como as universidades, os grupos políticos e medios de comunicación, varios factores explican esta relativa indiferenza. Os laicos coñecen mal a relixión, hai certa hostilidade automática á relixión ó recordar as represións que o cristianismo fixo na historia, como as cruzadas, a inquisición ou as guerras de relixión. Ademais, as guerras actuais contra os cristiáns ocorren lonxe, en países remotos case descoñecidos. En fin, ocorre aquilo que dicía o intelectual francés Regis Debrais, antigo comunista que combateu ó lado do Che Guevara: a persecución dos cristiáns encóntrase nun “ángulo morto”: as vítimas son “demasiado cristiáns” para interesar ás esquerdas e “demasiado estranxeiras” para interesar á dereita. Por demais, engade o articulista, as igrexas das diversas confesións cristiáns sufriron unha certa “tribalización” ideolóxica en contacto coa cultura actual e non teñen criterios comúns ante esta nova situación de persecucións violentas.

Como reaccionar, que facer? Posicionarse ante a persecución dos cristiáns é defender os Dereitos Humanos, é captar a amplitude do problema. Sensibilizar a opinión pública, ofrecer asistencia humanitaria, defender as liberdades relixiosas nas relacións internacionais e na diplomacia mundial. Os crentes cristiáns tamén teñen a arma da oración que tanta fortaleza de conviccións acumulou ó longo da historia. Dicía Tertuliano, un dos primeiros Pais da Igrexa, que “o sangue dos mártires e semente de cristiáns”, e iso segue sendo certo hoxe; por iso as igrexas deben conservar o testemuño destes mártires actuais que, desprovistos de todo poder e privilexio, convertéronse nun testemuño para toda a humanidade.

Afortunadamente empeza a xurdir, polo menos nos países occidentais, unha nova conciencia humanista que, por encima de relixións, de ideoloxías, de etnias, de rexións, de países, de réximes políticos e de calquera outra consideración, defende os dereitos das persoas como primeiro principio esencial a salvagardar. Este novo humanismo resulta xa unha convicción ineludible para millóns de seres humanos e que debe ser cultivada con maior intensidade, debe superar calquera tribalismo. Nesta persecución dos cristiáns mestúranse resentimentos e intereses inconfesables quen hai que desenmascarar en cada caso.

Estamos ante un libro-informe completo de sumo interese para coñecer a complexa realidade do mundo actual, tanto no aspecto relixioso como no político e social. En aproximacións sucesivas espero ofrecerlles algúns outros datos e comentarios máis concretos sobre a situación actual da convulsión social en determinados países e a marxinación ou persecución aberta das comunidades cristiáns das diversas confesións.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES