Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando naceu Europa?

miércoles, 15 de julio de 2015
Hai aproximadamente quince días, os presidentes dos gobernos de Portugal e España celebraron un cumio en Baiona co fin de conmemorar o trinta aniversario da entrada dos dous países en Europa.

Corría daquela o ano 1985 e se un quería visitar o país veciño, aínda que fose por unhas horas, tiña que facer dúas cousas ineludibles. Mellor dito, tres.

A primeira era mirar qué punto fronteirizo estaba aberto e ata qué hora, para non ter que dar un innecesario rodeo de ducias de quilómetros. A segunda, achegarse a un banco uns días antes ou procurar algún coñecido que os tivera, calcular aproximadamente cantos escudos ía precisar para a estadía -e algúns máis para os imprevistos- e trocar os seus billetes en pesetas ó cambio naquel intre establecido. E a terceira -cousa que arestora semella case de novela-, ter o pasaporte en regra, porque se non corría un o risco de verse mergullado nun desagradable problema.

E isto era así tanto coma se un fose pasar unhas vacacións ó Algarve -daquela un espazo descoñecido para o 95% dos galegos- coma para achegarse á feira de Santos en Chaves, a mercar unhas toallas en Tourem ou unha radio en San Gregorio, a pouco máis de cincocentos metros da fronteira de Padrenda.

Como é evidente, as cousas mudaron moito -se cadra sería máis correcto dicir, evolucionaron moito- dende aquela e os que vivimos nese espazo que Kapuscinski denomina "o silencio da fronteira", os que somos "borders" segundo o concepto anglosaxón ou arraianos segundo o noso propio concepto, estas circunstancias semellan contos de lareira que vivían os nosos avós cando camiñaban sobre o gume da navalla para burlar o racionamento e poderen levar catro cadelas á casa coas que alimentar á familia.

É dicir, segundo custodian as hemerotecas, hai tres décadas España e Portugal borraron administrativamente as súas fronteiras e comezaron a formar parte doutro espazo máis amplo que durante moito tempo recibiu o nome de Comunidade Económica Europea.

Sen embargo, malia que si é certo que foron abertas as nosas fronteiras e todos comezamos a comerciar coa mesma moeda, eu son dos que penso que non entramos en Europa, senón nun macro colectivo de intereses económicos que nos beneficiaron nunhas cousas e foron prexudiciais noutras, por máis que o balance final sexa positivo, na miña humilde idea.

Cando naceu Europa, cabería preguntarse entón? Pois, sinceramente, eu creo que comeza a nacer agora. E non porque Tsypras teña sido pasado pola pedra e con el -ou pola súa culpa- toda a comunidade grega. Senón porque agora os europeos comezamos a sentirmos propios os problemas cotiáns dos do outro lado da "fronteira". E só así será que se dilúa a Comunidade Económica e emerxa por fin a Unión Europea.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES