Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (69)

miércoles, 15 de julio de 2015
Dezaoito de xullo do 2005

Hoxe, é un día especial para nós: tal día coma hoxe, hai cincuenta anos, casabámonos na parroquia de Adragonte, ás seis da mañá, acompañados dos padriños e irmáns.
Logo, de volta á casa, almorzamos chocolate con rosquiñas. Despois, coas que quedaban (sempre se compraban moitas), repartíase o sangaño entre os veciños, parentes e amigos. Logo, fomos cara a nosa residencia, en Ferrol, en tren, con algo de comida e algunhas pertenzas. Naqueles tempos, non eran moitas.

Luís xa tiña unha cama, unha mesiña de noite, na casa do tío Paco, pois era o seu padriño. Ao lado da casa do padriño, tiñamos un galiñeiro, debaixo dun hórreo grande, onde fixemos a nosa vivenda. Trouxemos os materiais, e un tío de Luís fixo un hornillo con un tubo de cheminea.
Arranxou as ventás, fixo un vertedeiro e un retrete. Así, alí xa cabía a cama cunha cortina. Logo, cociña comedor. Unha mesa pequena con catro banquetas e un banco. E un alzadeiro para poñer os pratos. Esa era toda a nosa vida.

Así foi pasando o tempo. Luís navegaba moito. Case sempre estaba soa. Cando viña á casa, aquilo parecíame unha festa.

Recordo a primeira vez que fun ao Ourovello, chegando á casa de García, estaba mallando a máquina. Alí, estaban José e María collidos da man. A nena tiña zocas chinelas. A min enchéronseme os ollos de bágoas. Eran os meus sobriños pequenos. Queríaos moito, pois vivira de solteira con eles.

Ao ano seguinte, naceu o primeiro fillo. Xa me fun acostumando mellor. Estaba máis entretida. Na casa onde vivíamos chovía algo. Un día que veu o pai de Luís e máis o meu. Dixeron: “Hai que axudarlles e que fagan unha casa”.
Nós tiñamos vinte mil pesetas. A casa custou cincuenta mil facela. A diferencia prestáronnola as dúas familias.

Recordo facer os cementos. Un pouco traballaba un e o outro coidaba o neno e máis descansaba. Que contentos estabamos vendo as baldosas que levaba a casa. Para nós era como se fora un pazo. Que pouco facía falta para ser feliz!

Polo San Xoán, viña papá cos netos. Sempre traían cereixas; eran moi boas. Os pequenos sentábanse ao lado do cesto; era unha festa para eles.

Por San Xosé, sempre ía á casa de meus pais, pois era o santo de papá. Luís sempre estaba navegando. Eu soa cos nenos. Pesaban moito. Había que ir coller o tren á estación. En Betanzos, cambiar para o coche de liña, ata Areas. Gracias que era nova e tiña máis forza.

Recordo todas esas vivencias bonitas, que che fan ser feliz. Un día, o pai de Luís mandounos un feixe de leña por unha prima que traía as cousas para Ferrol; pois, naqueles anos, nin leña había. Iamos sacar casca dos pinos ao serradoiro. Cobraban setenta e cinco céntimos por un saco. Hoxe, hai leña por todos os sitios. A auga tiñamos que sacala do pozo cun caldeiro. Para lavar, tiñamos un pión ao lado do pozo.

De luz, pagabamos sobre quince pesetas ao mes. Logo, lavar á man. Non había deterxente e xabón, pouco. Cando nos casamos, no 1.955, Luís cobraba mil duascentas pesetas ao mes. Tiñamos unha pouca terra e traballabámola. Alí, collíamos patacas, fabas, verduras, algo de todo. Foinos de moita axuda.

Pasaron os anos. Xa pagaranos os que nos prestaran nosos pais. Vendíase unha casa alí ao lado. Estábana facendo. Xa tiñamos tres nenos. Comprámola. Meus pais venderon os pinos e repartiron os cartos. Con algo máis que xuntamos, fómola amañando, e cambiámonos para ela. Viñeron os pais de Luís para a casa pequena. Logo, compraron un piso e marcharon. Tamén estiveron outros matrimonios. Así foi pasando o tempo.

Hoxe, estamos na mesma casa onde empezamos. Despois de cincuenta anos, hai moito que contar, cousas alegres e tamén moi tristes. Estas deixaron cicatrices que irán con nós para a viaxe, pois non se esquecen. Cos anos, vai marchando a xente, familiares, amigos, veciños, persoas que querías moito. Do noso tempo, pouca xente queda.

Gústame falar coa xente maior, pois sempre aprendes algo. Saben moitas cousas: cando plantar as colleitas, facer o pan, o viño, e o máis importante, convivir. Os xoves saben moito doutras cousas, computadoras, etc... A nós, agora, de maiores, parécennos cousas imposibles. Chegamos tarde para aprender. Tamén diría que, onde hai xente nova, hai alegría.

Así foi pasando o tempo. Cincuenta anos son moitos. Criamos os fillos. Agora, xa estes son maiores, e os netos son todo un vivir...

Hoxe, marzo do 2006, pouco queda para os setenta e seis anos. Son moitos. Gustaríame vivir para recordar cousas que hoxe me fan feliz. As tristes temos que mirar de pensar menos nelas, pois foron duras. Gustaríame ver un mundo mellor. Doulle moita importancia á xente sinxela. Para vivir, non fan falta aneis nin cadeas de ouro, nin traxes de luxo. Comer tamén está a ser un problema.

Cando nena, con caldo e leite criáronse todos os da nosa quinta, e non saímos tan mal. Uns andamos dobrados, outros coxean. Todo ten un fin. Non nos debemos queixar. O noso país é un paraíso.

Hoxe, está a morrer xente nas pateras. Buscan un mundo mellor. Claro, ven España na televisión, todo festas. Pero, a realidade é outra. Antes, eramos máis iguais. Hai xente que o está pasando moi mal. Non ter traballo é unha desgracia. Ben repartido, ninguén pasaría fame. Ogallá chegue a ser verdade.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES