Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O insulto en tempos de crise

sábado, 11 de julio de 2015
O insulto, ese recurso tan popular, tan arraigado na nosa sociedade conta con diversas modalidades que resulta interesante analizar. Por unha banda está o insulto directo, o improperio dirixido a outra persoa co obxectivo claro de ofendela. Esta forma de insulto é tan frecuente no noso país como desagradable. Basta con adicar un par de minutos do noso tempo a analizar os diálogos mantidos entre os colaboradores de determinados programas de corazón para decatarse do amplo abanico de insultos ós que as persoas mediocres poden recurrir para atacar ó seu adversario cando carecen de argumentos. Porén, o que máis desperta a miña atención, alomenos nos últimos tempos, é unha clase diferente de insulto que, lonxe de recurrir á inxuria directa ou á descalificación, caracterízase por ofender á persoa ou persoas afectadas dun xeito moito máis sutil. Neste caso, en lugar de recurrir ás palabras malsoantes para consumar a súa ofensa, o individuo leva a cabo unha serie de accións que, observadas dun xeito racional e tendo en conta o contexto social no que se producen, actúan como un verdadeiro insulto á intelixencia das persoas vítimas de ditas actuacións. O debate xurdido nas últimas semanas arredor do soldo autoimposto de determinados alcaldes é un claro exemplo deste tipo de burla. Así, fai poucos días coñeciamos que o alcalde de Dozón manterá o seu soldo de 3.273 euros brutos ó mes durante o presente mandato por media xornada de traballo (25 horas semanais). É dicir, que a súa remuneración alcanzará os (39.276) euros por exercicio. Incrible pero certo. O alcalde dun municipio de apenas 1.200 habitantes cobrará case o mesmo que o novo alcalde da Coruña (40.000 euros brutos) ou o de Ferrol (que tamén baixará o seu soldo ata os 40.000 euros brutos). Ademais disto, esta semana soupemos que Dozón ostenta tamén o triste récord de ser un dos concellos da provincia de Pontevedra que máis diñeiro destina a gastos de persoal (concretamente un 45,9% do seu presuposto segundo o balance da liquidación de presupostos municipais de 2014 publicado polo Ministerio de Facenda).

Sexamos honestos, pretender exercer un cargo público onde se supón que a persoa debe ser sensible ós problemas do seu pobo, propoñendo medidas adicadas á solución das necesidades máis acuciantes e tendo como principal meta a mellora da calidade de vida dos cidadáns non é compatible, ou non debería selo, con percibir unha nómina que quintuplica o salario mínimo interprofesional. Nos tempos que corren, onde centos de familias continúan a sufrir as consecuencias dunha tremenda crise provocada polos que durante anos nos malgobernaron e nos seguen a malgobernar resulta bochornoso comprobar que algúns representantes públicos permanecen alleos a esta realidade distraídos quizais polas cifras das súas suculentas nóminas. O máis preocupante é que este non é un caso aislado. Todo o contrario, nos últimos anos anos foron numerosos os casos de representantes políticos que demostraron que o diñeiro era a principal motivación que tiñan para querer exercer o seu cargo. Unha vez máis Saramago estaba no certo cando afirmaba que “o diñeiro é unha enfermidade que pode chegar a pudrir o sentido moral da existencia”.

Por outra banda resulta cando menos contradictorio que o Partido Popular se afane en predicar dende o goberno as virtudes da austeridade e o control do gasto e ó mesmo tempo decida mirar para outro lado cando un membro do seu partido mantén un ano tras outro un salario privilexiado inaceptable nos tempos que corren. Ante este panorama só podo terminar esta reflexión coa palabra que nestes momentos percorre a miña mente unha e outra vez: vergonza.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES