Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A chorar a Cangas!

lunes, 06 de julio de 2015
Aínda que hai tempo que o penso e mesmo o remoio, a verdade é que nunca o expresei publicamente, pero era visto que algún día tiña que desafogar. O caso é que estou farto de escoitarlle a xente ben intencionada, quizais coa esperanza de ganar algún novo falante para o noso idioma, unha frase tan repugnante coma esta: “Que falen galego aínda que sexa mal”.

Malia que nunca me gustou, pode que a frase tivese noutro tempo algún sentido, en épocas onde o ensino do idioma galego non estaba regularizado, pero eu coido que hoxe, cando as posibilidades de aprender dignamente a nosa lingua están ao alcance de calquera, é un menosprezo para ela e a min non se me pasaría pola cabeza convidar a ninguén a destragar algo polo que algúns sentimos cariño e respecto.

E sendo esa invitación esmoleira a que máis me cabrea, aínda hai outra acción que me pon case tan enfermo cada vez que me toca vivila a carón, e é a da persoa, sen dúbida tan ben intencionada como a anterior, que lle dá por chufar a aquela outra que sendo de aquí e non tendo falado galego na súa vida, un día, nun arranque de valor e ousadía, lle dá por soltar un par de frases tropezadas no idioma do país: “Pero se o falas moi ben!, se dá gusto oír o ben que o falas!”.

Oxalá fose verdade, pero normalmente dá tanta grima o parlamento do “aventureiro” como a louvanza fóra de lugar da persoa animadora. O vocabulario que adoita usar ese inusuario habitual do galego, son as catro cousas que pode saber calquera cunha capacidade intelectual que non exceda o máis mínimo do normal nun ambiente no que pulula con certa asiduidade un idioma.

Hai xente que cre que así lle está facendo un favor á nosa lingua e eu estou convencido de que non, de que o resultado é totalmente contrario. A quen se lle ocorre seducir ou conquistar utilizando a choremia como recurso? A ninguén, que eu saiba. Con ese procedemento só se pode conseguir unha esmola: migallas, faragullas; caridade. Para namorar, hai que provocar atracción e para iso cómpre orgullo, altiveza e se me apuran, ata un pouco de desdén. Ao idioma galego o que lle corresponde é dignidade, non mendicidade.

Eu teño un amigo foráneo que traballa nunha institución galega e que por obrigas do seu traballo, ten que estar constantemente en contacto co medio rural. Pois ben, este home confesoume un día que nas súas primeiras visitas a nosas aldeas estaba estrañado de que a xente que retornaba da emigración fixese unha casa nova de ladrillo na vez de restaurar a antiga, sempre nobre, de pedra e na maioría dos casos dunha dimensión semellante á de nova fábrica. Meu amigo xa leva aquí moitos anos e díxome que co paso deles atopara a resposta que consideraba correcta: “Fan unha nova, porque a outra signifícalles fame, miseria, mal pasar”. Esta foi a súa conclusión.

E a mesma conclusión saco eu canto á animadversión de moitos nativos de aquí cara ao idioma que nos é propio. Signifícalles pobreza, porque foi na boca da nosa pobre xente do rural onde se conservou ata hai pouco. E mentres ese prexuízo, ese complexo, ese estigma, siga presente no consciente ou no subconsciente dun importante número de habitantes desta terra, seguiremos perdendo falantes, porque é máis forte ese sentimento negativo que o positivo que poida orixinar pertencer a unha nación histórica con identidade propia. Forte ata o punto de preferir que a súa comunidade sexa considerada unha máis, un territorio de marca branca como outros que hai na península.

A solución, seguramente, estea no tempo. Houbo quen dixo que serían os nosos netos os que rescatarían o idioma, porque eles xa non terían presente ese prexuízo de clase que hoxe produce o seu rexeitamento. Quero pensar que sexa así, que sexan as novas xeracións as que devolvan o idioma ao sitio que lle corresponde, algo que ten sucedido con linguas que chegaron a estar ao bordo da extinción, como por exemplo o gaélico, que está recuperando falantes asombrosamente grazas ao impulso popular.

Pero aínda que non houbese ningunha esperanza, síntoo, non podo evitalo, son un poeta e como tal a miña vocación está máis preto dos heroes que dos esmoleiros, así que se tendo oportunidade de saber, non saben falalo, que non o falen.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES