Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O reclamo turístico das lendas

martes, 30 de mayo de 2006
Xunto aos monumentos arquitectónicos e á riqueza medioambiental o certo é que existen terras que gardan outro grande atractivo, coma son os segredos doutro tempo histórico: as lendas e os mitos de orixe galaica. Así, pode dicirse que dentro da provincia de Lugo, na Terra Cha e máis concretamente en Begonte, cóntase que ao Rei Don Ramiro lle regalaran antes da batalla de Clavijo un cestiño cheo de peixes, o que motivou que este convidara aos seus cabaleiros a meter a man no cesto en termos de chanza, dicíndolles que mataría a tantos mouros como peixes foran capaces de sacar de alí. Dise que un cabaleiro de Baamonde foi capaz de sacar sete e que unha vez que rematou a loita presentouse diante do rei coas sete cabezas dos inimigos aos que fixera fronte. Foi entón cando o monarca lle entregou os sete peixes que lle correspondían, xunto a outras tantas armas. Por outra parte, de Begonte tamén son coñecidas moitas lendas populares ligadas aos favores concedidos pola asistencia á Romaría dos Milagres de Saavedra, que se celebra cada 24 de maio.

En Cospeito cóntase que ao pé dunha ladeira nun monte existe unha lagoa que chaman Valverde, nun lugar no que os máis maiores aseguran que antigamente existiu unha aldea con ese nome á que un día chegou pedindo esmola un home. Ninguén se apiadou del, pero este decidiu probar sorte nunha vivenda de aparencia humilde que había en Feira do Monte, onde o acolleron, sacrificando o único animal que tiñan para darlle algo de comer. Depois de cear o pobre dixo que botaran os ósos grandes nunha cuadra e os pequenos noutra. E cóntase que a mañá seguinte díxolle ao home da casa: «Tan certo é que tes becerros e vacas como que a vila de Valverde foi asolagada polas augas», desparecendo nese intre. Hai quen di que durante o verán, en épocas de sequía, aínda se poden ver vestixios de casas e a torre da igrexa, escoitándose as badaladas das campás. Tamén coñece lendas Meira, lugar de enorme importancia xeolóxica por ser onde ten o seu nacemento o Miño, como a da Pena dos Corvos, que fala dunha pota de ouro agochada polos monxes do Mosteiro de Meira expulsados despois da desamortización de Mendizábal. Por outra parte, o río Miño atópase tamén presente en diferentes lendas do pasado como é a do Xacio, que remite á existencia do home peixe en diferentes tramos do seu percorrido.

Outro dos lugares míticos da provincia de Lugo lévanos ao concello de Friol, a través da lenda da Cova da Serpe, pois aínda que existen diferentes lugares na xeografía galega que responden a esta denominación, por ter sido a morada de enormes serpes, a cova máis coñecida é a de Friol, na parroquia de Miraz. Outras sitúanse en Vilalba e na Pastoriza. Cóntase que neses lugares habitaba unha serpe xigante e sobre as covas argalláronse diversas lendas. Unha delas ten como argumento unha historia de amor que conta que o señor da Torre de San Paio de Narla, don Lopo das Seixas, tiña unha filla chamada Berta que nunha ocasión salvou un mozo da plebe de morrer a causa dun cabalo. Nese momento heroico naceu o amor entre os rapaces, que se namoraron perdidamente. A relación non podía seguir adiante pola orixe fidalga dos señores da Torre, pero Berta non o pensou máis e, contradicindo o seu pai, fuxiu co mozo para acubillarse na chamanda Cova da Serpe. A cobra saíu do escondrixo e o rapaz loitou co seu puñal, rematando por morrer o mozo e o réptil.

A lenda di que o namorado se enterrou no adro da igrexa de Friol e que Berta se volveu tola e rematou por fundar un convento na Freiría. Desa historia de amor propia dun conto fantástico queda un lugar co nome de Bertamil, próximo a San Paio de Narla, que lembra o sitio no que os amantes se coñeceron. Na actualidade nesa cova lévanse a cabo, en ocasións, algunhas representacións teatrais. Convén tamén apuntar que en Friol existen variantes arredor do mito da Cova da Serpe. Deste xeito, cóntase tamén que con certa frecuencia unha enorme serpe baixaba do monte para beber nunha fonte ubicada preto da torre e que os habitantes do lugar, cheos de medo, un día dedidiron matala dándolle de comer un burro untado en alcatrán, desaparecendo así para sempre o temido animal. Tamén este Castroverde, coma moitos outros dos poboados por castelos, castros e enterramentos, conta con lendas de tradición oral que teñen como motivo distintos sucesos estraños que se din acontecidos no pasado. Unha desas historias lévanos ás terras de Cabos Anchos, na parroquia de Neda, onde se fala do enterramento de catro santos evanxelizadores que se atopaban pola zona de paso, todo nun contorno no que aínda hoxe se conserva a tradición dunha romería destacada, a do Carme en Vilabade, que ten lugar cada primeiro domingo de agosto.

O concello de Sober exporta imaxes míticas a través do Santuario de Cadeiras, unha ermida barroca dende a que se pode obter unha ampla panorámica dos Canóns do Sil, e a igrexa de San Xoán de Lobios, na que a capela fai gala dunha lenda dos tempos dos moros de grande fermosura. Nese contexto sitúase unha historia que conta que unha rapaza loira natural de Lobios lle roubara unha cadea de ouro macizo a unha moura. Esta ao instante transformouse nunha serpe e perseguiu á moza de Lobios. Ao pasar por diante da capela dise que berrou «Que a Raíña dos Anxos me valga» e ao momento a serpe volveu a ser muller e contestou «A Bo Santo pediche intersección e encomenda». Nese instante, a moura desapareceu e a moza de Lobios, arrepentida dos seus feitos, entregou a cadea ao culto da Virxe.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES