Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (37)

jueves, 11 de junio de 2015
Ano 1932 (II)


Folga nos transportes. Tivo lugar na primeira quincena de xuño. Parece ser que tamén se pretendía que se unisen á mesma os labradores e que estes non concorresen ós mercados. Coñecendo o asunto, o gobernado civil, mandou prender o sacerdote Gregorio Saavedra, o director do xornal «La Voz de la Verdad» Sánchez Arieta, e o oficial maior do Concello de Lugo, Pérez Guerra, por instigadores.

Rapaces que estudan. Acaban de aprobar no instituto de Lugo todas as materias de ingreso e primeiro ano do bacharelato os seguintes nenos e nenas: Vicentito Quintela Prieto; Carlitos Moltó Vázquez; Luisito González Valdesuso; Carmiña Peña Rodríguez; Antoñito e Dominguito Apenela Rodríguez. En Santiago, Manuel Carballeira Goldeiros aprobou o terceiro ano de maxisterio con varios notables e sobresalientes.

Padroado Provisional de 26 de xuño. Reclámaselle ó Concello a cantidade de 5.000 ₧ que ten pendente de pagar a esta entidade.

† Plácido Peña Novo. Médico e fillo de Vilalba, faleceu o 23 de xuño. Había algúns anos que se trasladara á Coruña, cidade na que residía e tiña consulta, pero temendo un fatídico desenlace, regresara a Vilalba, a súa terra, onde desexaba ser enterrado. O seu irmán Luís viñera días antes temendo a brevidade dos seus días.
O enterro tivo lugar no cemiterio municipal desta vila e ó mesmo acudiron moitos dos seus amigos, tanto de Vilalba como da Coruña. Parte do comercio local pechou as súas portas.
Días despois púxose en marcha unha iniciativa popular para recadar fondos con destino a dedicarlle a este médico unha placa e unha rúa.

Padroado Provisional de 14 de xullo. Foron tempos difíciles e decisións dolorosas para os membros da antiga Comisión Executiva, actual Padroado Provisional.
O secretario informa que as congregacións relixiosas non desprazan os seus membros a novas fundación benéficas e só atenden aquelas nas que xa están establecidas. Agardábase que se promulgase a Lei que desenvolvese o artigo 26 da Constitución de 1931. Todo indicaba que as comunidades relixiosas, calquera que fose o seu fin, estaban destinadas a desaparecer. Ademais prohibíaselles actividades docentes, da industria e comercio e poñíanselle dificultades para a administración de bens.
Á vista da situación, o Padroado Provisional adopta o doloroso acordo de deixar en suspenso o inicio en funcionamento do Hospital da amargura que invadía os membros do Padroado ó referirse friamente á lexislación vixente e á que se agardaba. Tamén se acorda suspender as reunións mensuais.

O hospital asilo de Vilalba (37)«Club Deportivo Santaballa». Celebrouse unha reunión nesta parroquia para constituír un club de fútbol. Logo constituíuse unha xunta directiva integrada por José Naseiro Arias como presidente e Manuel Campello, Antonio Ma Pardo Villarino, Manuel Teniente e Francisco Arias como vogais.

Jesús Cuba López. Este vilalbés foi nomeado membro da Comisión Xestora da Deputación Provincial polos distritos de Vilalba e Viveiro.

Antonio Insua Bermúdez en Vilalba. O mozo pintor está pasando uns días de descanso na súa vila. A Deputación Provincial acáballe de outorgar unha prórroga de dous anos máis para ampliar estudos.

Festas de San Ramón. Serán celebradas conforme o costume. Estará presente a banda municipal de Santiago e o panexírico do santo estará a cargo do doutor Santiago Trelles, que vista nestes días a localidade. Haberá fútbol, carreiras de bicicletas, dianas, alboradas e concertos a cargo das dúas bandas locais.
Pasadas as festas o mestre Antonio Quintela Ferreiro escribe unhas notas resaltando a riqueza de Vilalba. Destácase a potencialidade gandeira da comarca en ovellas e vacas, o exemplo dos sindicatos agrícolas de Santaballa e Lanzós e o labor do emigrados na construción de edificios escolares exemplares.

† Jesús Fernández Verdes. A referencia ó seu falecemento aparece no «Faro Villalbés» do 14 de setembro de 1932. Era o presidente da sociedade de instrución «San Lorenzo de Árbol», tiña cincuenta anos e o seu óbito produciuse na quinta «La Benéfica» o hospital do Centro Galego da Habana, días despois de ser atropelado por autobús no momento de apearse dun tranvía. Estaba establecido como comerciante na Habana. A súa nai, Josefa Verdes, e os seus irmáns Avelino, Antonio, Salvador e Andrés rogan unha oración pola súa alma.

De Codesido. Para organizar la fiesta de los Remedios, en la parroquia de Codesido, el día 13 del actual [setembro] se formó una comisión integrada por los vecinos señores Vicente Castro y Francisco Piñeiro, los cuales solicitaron de la Alcaldía de Villalba permiso para sacar la procesión en dicho día, lo cual les fue denegado por dicha autoridad.

De América. Os da «Unión Villalbesa y su Comarca» celebraron nos xardíns da «Tropical» unha festa de irmandade. Asistiron destacadas personalidades do mundo galego da emigración da Habana.
A sociedade elixiu no mes de novembro nova directiva para 1932-1933. Manuel Leal Otero, presidente; Ramón Paredes Paz, vice; Víctor Oseira Pardo, secretario; Manuel Castro Insua, vice; Manuel Crespo Millor, contador; José López Vázquez, vice; Ramón Rey Fraga, tesoureiro; Rosendo González Otero, vice; Jesús Cendán, José García Tenreiro, Juan A. Fraguío, Manuel Otero Carreiras, Antonio Ma Souto Pena, Manuel Naseiro López, Francisco Rey Lozano, Antonio Tenreiro Piñeiro, Elías González Roca, Manuel Ceide López, Antonio Castro, José Castro Lozano, Domingo González Roca, Bernardo Cendán González, José Cancelo Freire e Benigno González Paz, vogais; Carlos Lage Prieto, Francisco Cabarcos Rubiños, José López García, José González López, Arturo Fernández, Agustín Naseiro López, Avelino Fernández Verdes e Manuel González Carballal, vogais suplentes. Comisión de glosa: Antonio Pedreira, Francisco Fraga Paz e Eulogio Coira Rodríguez.
Tamén o «Centro Villalbés» de Bos Aires elixiu nova directiva no mes de outubro. Eugenio Lozano, presidente; Jesús Prado Rábade, secretario; Enrique Blanco, tesoureiro; Francisco Díaz e José Fernández, vogais; Jesús Anido, José Bello Valle, Jovito Díaz e Domingo Domínguez, vogais suplentes; Antonio Rábade, bibliotecario; Gerardo Castiñeiras, revisador de contas.

Horrorosa catástrofe en Cuba. Un intenso ciclón arrasou a zona de Camagüey. A poboación de Santa Cruz del Sur, que contaba cuns 2.500 habitantes, quedou arrasada. Os falecidos foron tantos que os cadáveres deberon ser amoreados e queimados con queroseno. Entre os españois calcúlase que puido haber 300 ou 400 vítimas.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES