Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eleccións e Leccións

miércoles, 27 de mayo de 2015
Non sei se o resultado dunhas eleccións é unha mostra da sociedade que votou, que sinala con eses resultados o coñecemento da verdadeira realidade na que vive e que quere cambiar ou que acepta o rumbo que leva; ou unha análise da percepción da actualidade por parte dos partidos que concorren.

Despois de calquera resultado electoral extráense múltiples consecuencias, demasiadas veces interesadas, e extrapólanse eses resultados levándoos alén da lóxica na que se debería ver e ponderar que non é outra que aceptar o resultado como un baremo real, máis ou menos axustado, da actualidade dun Estado.

No que concirne a min, gustaríame engadir unha interpretación ás moitas feitas e ditas estes días, que me parece, polo menos, tan reveladora como poden ser as demais. Xa que isto non deixa de ser un xogo, unha cábala.

Desde logo xa se dixo outras veces o do cambio xeracional (Ao respecto, só é preciso ver a indumentaria, seria e formal de case toda a dereita e a forma ecléctica dos partidos emerxidos, sobre todo Podemos. Coido que a forma de vestir casual dos integrantes de Podemos, non é casualidade.

Podemos está feito de cachorros emigrados de Esquerda Unida. Rivera, o candidato de Ciudadanos tivo que recoñecer o seu intento, non acadado, de prosperar no P. P. É seica estraño, pensar que estas dúas formacións, Podemos e Ciudadanos, agora en vertical ascendente, son a consecuencia dos impedimentos que os partidos tradicionais, anquilosados por uns organigramas ríxidos, sen cintura, e que obrigaron abrir aos rexeitados, posibles fillos pródigos, as súas propias franquías para ser donos da súa xestión?

A rixidez invita a rotura. A flexibilidade propicia a adaptación. Nada novo, pero que precisa lembrarse decontino e redescubrilo en cada vez.

Desde logo, os resultados danlles a razón aos benxamíns, dálles a razón aos príncipes contra os reis, moi metidos estes nunha especie de monarquía fechada, hermética. Non lles dá soamente a razón nos resultados electorais, tamén lles dá a razón no xeito novo que teñen de xestionar os resultados. Mesmo o PSOE, comeza a comprender isto de dobregarse á realidade e á necesidade dun novo goberno con pactos, para seguir nas institucións, modificando a forma de gobernar que tivo ata agora.

Non obstante temos o caso contrario no P.P. O Partido Popular segue encerrado nese baúl hermético de posuír a verdade e os demais están equivocados e el, Mariano e o seu partido, teñen a razón absoluta. Teimosos, ambos os dous, polo momento, en que os resultados da súa política económica é a que, co tempo, daralles os beneficios electorais.

Non poden entender que a perda de votos é proporcional á súa obstinación. Teimosía na inmobilidade ante problemas tan incitantes como a corrupción en todas as súas vertentes: abuso de poder, portas xiratorias, concesións a amigos a cambio de xenerosas prebendas, formas de facer negocios empresariais con clientelismo etc. etc. Teimosía en non ver que, aínda cando a súa política económica poida dar resultados macroeconómicos favorables, deixa fóra deses resultados á maioría da poboación que padece os resultados desa economía baseada en recortes que aféctalles preferentemente a esta maioría.

Sen dúbida, a reacción está contida na acción, e a consecuencia devén en tal proporción da causa que a xera. Pero isto non o entenden así certos políticos que cren que catro anos son eternos e a cadeira de brazos de deputado, concelleiro, senador ou ministro, un trono inexpugnable. Non poden entender que Ciudadanos é fillo desa obstinación de Rajoy e do P.P. e Podemos é o Adán expulsado dun presunto paraíso labrado na utopía de Esquerda Unida que, metido de cheo nas propostas programáticas sobre o papel, non foi capaz de coller coas mans as sinerxías do 15 M e converter en práctica moitas das súas idealizacións.

Como dicía un filósofo, a idea de algo é ese algo idealizado e voa, escápase. A idea da realidade é unha realidade idealizada. Nesta realidade viven aínda moitos gobernantes deste Estado. Voan tan alto que non recoñecen as súas pisadas e que as súas pisadas deixan pegada e descoñecen o que causan esas pegadas.

Agora algúns estráñanse, mesmo ignorando a estrañeza. Agora outros celébrano. O camiño que temos diante, é un vieiro algo máis novo, recentemente asfaltado. Que este asfalto sexa un arranxo de buracos ou un flamante formigón duradeiro, irémolo vendo segundo imos andando.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES