Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lingua estranxeira

lunes, 18 de mayo de 2015
Hai ben tempo que me prometín deixar de escribir sobre o asunto do noso idioma, de quen é a responsabilidade de falalo ou non falado, quen debe promover ou non o seu uso, etc...

Como iso acabou resultando un imposible porque xa fendín a promesa en varias ocasións, prometinme logo espaciar as miñas columnas relacionadas con este tema, pero o achegamento, un ano máis, do Día das Letras Galegas e a apertura de novas polémicas respecto del volven provocar que tenda novamente a miña roupa -é dicir, a miña humilde opinión- no bastidor desta xanela, malia ser consciente de que o asunto, benquerido lector probablemente galego-falante, o teña completamente saturado ata máis arriba do cocote, que xa é dicir.

E fágoo tomando, desta volta, como referencia o comunicado que hai uns días fixeron público os departamentos de filoloxía das tres universidades galegas, e, dun xeito moi especial, a afirmación que fan nel sobre o seu "alarmante retroceso" no ámbito das xeracións máis novas, o que, segundo afirman de xeito literal, "implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria".

Foi, esta última referencia, a que me levou a lembrar unha intervención dun dos reponsables dun colectivo de promoción e difusión dos xogos populares de Galicia -do que lamento non lembrar agora mesmo o seu nome- nunha xornadas de debate no Consello da Cultura Galega, na que fixo unha reflexión -probablemente unha das reflexións máis lucidas que teño oído en moito tempo sobre este asunto- non lle tiña escoitado a ninguén e que probablemente debería ser punto de referencia para docentes, institucións académicas, administracións e mesmo para a propia Real Academia Galega.

Dixo, o devandito dirixente asociaciativo, que probablemente o erro máis grande que se ten cometido dende que o idioma entrou oficialmente nas escolas, alá polos inicios da Transición, foi que o galego lévase ensinado en tódalas fases educativas, precisamente "coma se fose unha lingua estranxeira" e non coma o noso idioma matriarcal e, polo tanto, transversal.

É de salientar (aínda que o sentido co que o dixo este mestre naquela "palestra" o co que o din agora os departamentos filolóxicos universitarios sexa radicalmente diferente), que cheguen a esa mesma conclusión, porque, se cadra, por aí é por onde habería que comezar a pensar na solución antes de que, non só pase a ser unha lingua estranxeira, senón unha lingua morta, que sería peor.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES