Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Diluídos na insipidez

domingo, 17 de mayo de 2015
Chamarlle nostalxia non sería correspondente, xa que o meu sentimento, neste asunto concreto, non nace da idealización, senón da evidencia de que calquera tempo pasado foi mellor. Un sentimento que adoita rexurdir cada vez que teño oportunidade de achegarme ao noso agro e podo pararme a observar a natureza. Ás veces trátase das que acadan a plenitude nas estacións frías e outras nas que a calor obra no seu desenvolvemento, pero sempre aparece diante de min algunha árbore cargadiña de froita que ninguén apañou e que podrece nas pólas onde naceu. Pero sendo xa triste a sensación que produce vela desprezada e desperdiciada, aínda o é máis cando sabes que os seus donos pagan no supermercado por un produto aparentemente similar que vén, de lonxe ou moi lonxe, en cámaras frigoríficas, polo que chega a eles totalmente desaborido aínda que, iso si, impecabelmente presentado.

E por esa razón moita xente nosa xa non sabe como sabe unha mazá agustina, ou belarda, ou cunqueira ou de fada ou de pedra ou repinaldo e polo contrario controla cal é unha braeburn, unha fuji, unha granny smith, unha pink lady, unha red chief ou unha winesap. Descoñece como sabe unha pera barburiña ou unha de manteiga de ouro, non oíu falar nunca nin das tardeiras nin das pardas e nunca puido gozar da delicia dunha de urraca ou da caste verdelonga, pero si sabe da barlet e da bosc, da caruja e da ercolini, da passa crassana e mais da williams.
Diluímonos na insipidez e non só perdemos os nosos sabores; con eles tamén os nomes.

Perdemos lingua por falla de uso e aplicación, pero tamén por excesiva condescendencia, senón non admitiriamos que o pulpo suplantase o noso retranqueiro polbo nin tampouco consentiriamos o aberrante nome de rajo para o que sempre se chamou raxo. Porque neste país somos tan pouco amigos de levar a contraria, que acabamos sempre tomando café con leche malia pedilo todas as veces con leite. Mesmo, para non ter que facer tradución a incómodos “repunantes”, optamos por chamarlle caradura ao que foi sempre un cara lavada e incluso dicimos de alguén que xa se lle pasou o arroz cando teriamos que dicir que a ese alguén xa lle pasou o sol pola porta.

Destas translacións literais de frases feitas, neste caso do galego ao castelán, a máis célebre que coñezo é a que se lle atribúe a un sindicalista galego que houbo de ir negociar a Madrid un determinado convenio. Seica saíron desgustados os representantes laborais cos resultados acadados na reunión coa patronal, así que atendendo a que había xente de diferentes autonomías, ao noso home non se lle ocorreu mellor cousa para deixar constancia da súa frustración que exclamar: Pues te está buena la navaja!.

Pero anécdotas graciosas á parte, o obxectivo das miñas palabras é que miremos por querernos máis e mellor, porque non se pode pedir respecto alleo se non se ten un digno celeiro de amor propio.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES