Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As vítimas de Montecubeiro

lunes, 08 de mayo de 2006
O ano 2006 estase a converter no Ano da Memoria, nun intento de coñecer a verdade como unha obriga de carácter étnico e un mandato democrático. Neste sentido, permítome hoxe uns apuntamentos referidos ao libro de Xosé Manuel Sarille, Polos fillos dos fillos, novela onde o autor ofrece aos lectores un testemuño que garda baixo chave os acontecementos que tiveron lugar nunca aldea de Lugo, no concello de Castroverde con posterioridade á Guerra Civil Española.

Montecubeiro convírtese en protagonista, coma todos os fusilados durante a represión franquista. Facendo referencia ás listas de Montecubeiro non achadas o protagonista di: “Busquei moito tempo eses documentos para que deitasen luz sobre os crimes de Montecubeiro, tamén como unha pista para saber quen matara na provincia, que individuos se foran escorregando como as cobras até pasar desapercibidos. ¿Cantos haberá deses? ¿De cantos non se saberá nunca? E a estas alturas, ¿teñen algunha importancia os seus nomes? (p.103). “Quíxeno saber todo, primeiro escoitei, despois pesquisei, escarbei en todas partes. Fáltanme listas que nunca acharei porque as queimaron, talvez haxa cousas perdidas no medio de montañas de papeis que nunca serán lidas, sei seguro que hai escritos no "Archivo Histórico de la Guardia Civil", onde busquei a lista das sesenta persoas ás que nos ían fusilar na aldea”. Di tamén que “Ese documento segue a ser a obsesión da miña vida, insistín con carné de investigador, con contactos, con amigos, e non puiden velo nen sei se está en algures”.

A historia, que salta da primeira á terceira persoa, é contada a través da voz dun narrador-protagonista que é o pai do propio autor, quen viviu de preto a dor manifestada nestas páxinas. A construción narrativa é a de contarlle ao seu fillo (autor do libro) o que viviu de neno, cando as mortes na aldea os acompañaban no día a día, cando mataron á súa irmá empezando así para aquel neno de 13 anos unha andaina na procura da verdade, da xustiza e da recuperación da memoria. O seu coautor asegura que “cando pasaron moitos anos resigneime imperceptiblemente a que o asesinato en masa ficase sen xustiza, no en tanto nunca admitín ante a miña conciencia que desaparecese a lembranza, a outra forma de redimir as vítimas”. E así remata precisamente a novela, cunha frase que di ‘Todo isto é verdade, Xosé Manuel’.

A obra titulada "Polos fillos dos fillos" continúe en si mesma un documental no que se relatan a vida da familia Sarille e de gran parte dos veciños de Montecubeiro. Carme Sarille, fusilada en agosto de 1937, e Bonifacio son os personaxes principias da novela, sendo ademais irmáns do narrador. Carme é asasinada sen motivo, só por ser a irmá de Bonifacio, forzado ao exilio a Arxentina. A busca de Bonifacio Sarille por parte dos falanxistas e autoridades civís e militares desencadea unha serie de sucesos, que deixan entrever a violencia e o desfrute coa dor dos oprimidos experimentado por parte dos que ían contra os chamados roxos. Todo nunca novela que require un importante esforzo por parte do lector para a correcta identificación dos personaxes.

Entendida tamén como unha crónica novelada da represión, resulta un informe da morte e do sufrimento padecido en carne propia polas familias de Montecubeiro, respondendo a historia á necesidade de saldar quizais unha débeda coa memoria colectiva da súa aldea e co seu pai, o propio protagonista da novela, quen foi testemuña con tan só trece anos dunha barbarie sen igual. “Levarlle a comida a meu irmán fíxome a vida invivíbel (…) Con trece anos asumira unha responsabilidade que en moitos homes feitos e directos non afrontarían nunca por falta de valor. Hoxe podo facer esa apreciación, daquela convertérame nun desgrazado, un neno infeliz perfectamente avisado de que podía morrer” (p. 111).

O protagonista refire na novela que a morte da súa irmá, o exilio obrigado do seu irmán Bonifacio, as tarefas de levarlle a comida ao monte ou cavar fosas, ademais de sufrir con feridas alleas e os paus no propio lombo, obrigárono a facerse adulto con idade de neno. Para retratar a saga familiar dos Sarille, marcada en 1936 pola represión política na aldea de Montecubeiro, o pai do autor de Polos fillos dos fillos, recolleu todo tipo de material, dándollo para que o convertese en narración novelada, baseándose en datos reais. Así, ao remate do libro inclúense unhas fotos co fin de ilustrar e facilitar ao lector a identificación dos personaxes, a maioría de membros da familia Sarille e veciños que dun xeito ou outro protagonizan a historia e líderes políticos como Manuel Azaña, Castro Tellado, Indalecio Prieto, Manuel Portela Valladares ou Pablo Iglesias.

Xosé Manuel Sarille tardou máis de cinco anos en darlle forma, sumando testemuños da memoria persoal do pai (quen asegura que “desde a matanza decidín que había de sabelo todo, con nomes e apelidos, os responsabéis das ordes, as causas, as conversas das reunións, absolutamente todo”), xunto ao resto de documentos conseguidos durante preto de setenta anos, a través da reconstrución dos feitos que marcaron a súa existencia.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES