Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Alifano, poeta en prosa

sábado, 09 de mayo de 2015
Un amigo meu lembroume un día unha sentenza de Stevenson na que teño remoído dende hai tempo e que coido expresa perfectamente o sino híbrido dos tempos literarios: a prosa é a forma máis difícil da poesía. Creo que esta máxima ben podería subscribila Roberto Alifano (General Pinto, Argentina, 1943), un dos mellores ensaístas da América hispánica, pois a súa prosa é unha sorte de poesía non versal na que a forza e a harmonía das palabras reborda liricidade pura.

Narrador, poeta, ensaísta e xornalista, Alifano leva nos xenes o don da palabra, non en van é descendente por vía materna do moi célebre Guiseppe Tomasi di Lampedusa, autor da memorable Il Gattopardo.

Candidato ao premio Nobel e ao Cervantes en diversas ocasións, Alifano ten sido distinguido cos máis prestixiosos premios literarios tanto arxentinos coma chilenos ou mexicanos e é un dos máximos especialistas na vida e a obra de Jorge Luis Borges.

Amigo de Pablo Neruda, Nicanor Parra, Jorge Edwards e a práctica totalidade dos escritores arxentinos de relevo das últimas décadas, Alifano é tamén un destacado tradutor ao que debemos versións das Fábulas de Stevenson ou da poesía de Hermann Hesse.

Prestaríame —e moito— poder determe a falar da súa magnífica poesía (aí o está, poño por caso, a recente Con el correr del tiempo. Obra poética, 2011) ou a súa suxestiva novelística (lectura imprescindible: Tirando manteca al techo, 2010, sobre o primeiro gran playboy internacional, Martín Máximo Pablo de Álzaga Unzué, alias “Macoco”), mais hoxe conformareime con recomendar o seu último volume de ensaios breves, Tiempo adentro. Otra silva de varia lección (Amerian Editores, Buenos Aires, 2014), obra maxistral na que se conteñen moitos dos temas e presenzas recorrentes en non pequena parte da escrita do autor.

En Tiempo adentro sabemos das andainas máis humanas do mito Borges, o secreto do fascinio de Hitchcock, as xemas máxicas de Louis Armstrong, a sabedoría apodíctica de Chesterton, a xenialidade de Shakespeare, a paixón mariña de Neruda, a prospección clarividente de Wells, o ser xenuíno de Miller, o humor ácido de Quevedo e moitas outras circunstancias definitorias e personalísimas que nos devolven un outro retrato das máis grandes voces da literatura universal.

Mais Alifano non desatende tampouco a escrita reflexiva, o artigo de pensamento sobre temas perennes como o pasar do tempo, o amor, a dúbida, os paradoxos, o humor, a (des)esperanza, en fin, as utopías e contrautopías todas que cobran na súa ollada novos sentidos, decote iluminadores.

Ler a Alifano é deixarse ir nun carrusel estilístico onde as citas son avelaíñas que adornan o aire dos períodos, onde os parágrafos brillan como mecanos de engrenaxe perfecta na que todo flúe entre adxectivos medidos e poderosas imaxes que crean atmosferas propicias cunha economía de elementos prodixiosa.

Este Tiempo adentro. Otra silva de varia lección fai bo o dito de que algunhas comparanzas ofenden: lendo a prosa solar de Roberto Francisco Alifano os astros menores palidecen.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES