Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital Asilo de Vilalba (32)

jueves, 07 de mayo de 2015
Ano 1929 (II)


Comisión Executiva de 9 de maio de 1929. Agradécese a Ángela Cuba, viúva de Víctor Andrade Arias, a doazón de instrumental médico que pertencera ó seu marido.

Comisión Executiva de 26 de xuño de 1929. As obras xa estaban case listas; faltaban os últimos detalles. Tómanse os seguintes acordos destinados a preparar o edificio para ser inaugurado:
–Facer un pedido de dez camas para futuros usuarios e de catro para as relixiosas que rexerían a institución. Tamén que se confeccione a roupa para estas camas, encargando ás presidentas das distintas asociacións femininas piadosas tal encomenda.
–Canalizar as augas do vertedoiro e construír os pozos sépticos.
–Pavimentar o baixo da á dereita do edificio, facer o altar da capela e a balaustrada da mesma que se instalará no piso alto.
–O secretario continuará facendo xestións con ordes relixiosas para coñecer cales serían as condicións nas que estarían dispostas a facerse cargo da institución. Logo a Comisión decidiría.

«Libro de Oro de Lugo y su provincia». Promovido pola editorial viguesa P.P.K.O. que dirixe o propietario José Cao Moure, foi presentado en Vilalba en xullo. Do seu contido destácase o capítulo dedicado á nosa vila da autoría de Antonio García Hermida.O Hospital Asilo de Vilalba (32)

«Progreso de Lanzós». Nova directiva. Así o comunica o presidente José García Tenreiro. Acompáñano, como vice Juan Boizán Ramil; tesoureiro, Jesús Cendán Ferreiro; vice, José Pérez Ferández; secretario, Antonio Tenreiro Piñeiro; vice, Lorenzo Alvariño Cendán; contador, Avelino Goás Fraga; vice, José Insua Villares; vocais, Manuel Rego Prieto, Antonio Castro Castro, Ángel Cendán Ferreiro, Ricardo García Prieto, Guillermo Burgo Ramil, José Paz Cendán, Eduardo Orosa Ramil, Jesús Naseiro López, Pedro Tenreiro Rivas e Aquilino García Prieto; suplentes, Manuel Piñeiro Cendán, Ángel Yáñez Orosa, Jesús Gómez González, Juan López Gómez e Ramón Miragaya Orosa.

Primo de Rivera pasou por Vilalba. Foi o 17 de agosto cando ía camiño de Asturias. Saudárono os membros do Concello e outras autoridades locais. Entregóuselle un ramo de flores e houbo música. Despois de breves momentos a caravana de automóbiles continuou viaxe cara a Mondoñedo.

Inauguración da escola de Santalla de Rioaveso. Tivo lugar o día 25 de agosto. A súa construción custou 20.000 ₧ das que os veciños aportaron 4.712,82, os de América e propietarios da comarca achegaron 7.953,52, pero o demais debeuse ó benfeitor José Cendán Castro, establecido na Coruña e con casa na parroquia, «Villa Matilde». A escola xa estaba dotada de mestre nacional e funcionaba en casa particular sen as debidas condicións desde 1918.
Houbo misa de campaña presidida polo párroco José Cendán Seoane. Fixeron uso da palabra o Gobernador Civil, señor Mariñas, o culto avogado Pablo Pena de Olano, Antonio García Hermida, o coronel Martínez Cabrera e o inspector Soto Menor. Todos loaron o altruísmo do señor Cendán. Despois os presentes uníronse nun xantar e houbo música da «Antiga Banda Municipal» ata a noite.O Hospital Asilo de Vilalba (32)

Festas de San Ramón de 1929. Houbo música a cargo da «Nueva Lira», da «Antiga Banda Municipal» e da banda do rexemento «Isabel A Católica» de gornición na Coruña. Paseos de moda e actos relixiosos completan o programa que se pechou o 3 de setembro. A carreira de bicicletas prevista para a tarde do día 1 houbo que suspendela por mor da chuvia. A xira celebrouse en Penas Corveiras. O custe total das mesmas ascendeu a 3.614 ₧.

Comisión Executiva de 11 de setembro. O tesoureiro informa que da festa da flor celebrada polo San Ramón obtivéronse 275,10 ₧. Acórdase mostrar o agradecemento da Comisión ás señoritas que participaron na actividade: Carmen Cascudo Ramudo; Genoveva Rego Gayoso; Mercedes González García; Francisca Prieto Apenela; Maruja Roán Martínez; Celia Apenela Rodríguez; Lola Pardo Cacharrón; Pilar Fernández Paz; Carmen López García; Maruja Tomé Alonso; Victorina Eimil Lamas e Juanita Ramudo Lamas.

Comisión Executiva de 8 de outubro. O membro da Comisión, Manuel Pardo Villarino, vai ausentarse das reunións durante varios meses por mor de viaxar a Cuba. Os demais integrantes lamentan a súa marcha e mostran pesar ó perder tan activo colaborador, pero agardan o seu regreso.
O secretario comunicou ás relixiosas de Merille que mentres non sexa coñecido en detalle as subvencións e demais emolumentos, que o hospital asilo ha ter para o seu sostemento, non poden ser fixadas as condicións para as relixiosas que no seu día rexenten este establecemento benéfico.

Os vilalbeses en América. Non cesan nas actividades. Chegan noticias da gran xira celebrada pola sociedade «Progreso de Lousada» no salón da Tropical. Os e «Burgás e Candamil» colaboraron xenerosamente a construír o edificio para o sindicato agrícola. Os do «Centro Villalbés» de Bos Aires tiveron un brillante festival.

As obras do hospital-asilo. Desde as páxinas do «Heraldo de Villalba» de 13 de decembro faise unha reflexión diante do edificio, xa case acabado. Foron moitos os que contribuíron á súa construción e agora falta a dotación de material. Nótase a falta de filántropo que realice unha forte contribución para dotalo de rendas suficientes que o sosteñan e que permitan a súa continuidade no futuro.
Engade o cronista que ó abandonar a ampla escaleira, pasada a reixa, desde o novo edificio pode observarse o apiñado casarío da vila. Destacan as torres da igrexa e os rexos muros do castelo entre os matices rosáceos do solpor e os puntiños das lámpadas eléctricas. Todo un símbolo.

Escolas nacionais unitarias. As sociedades «Progreso de Lanzós» e «Liga Santaballesa» poñen a disposición da Xunta Local de Primeira Ensinanza os seus locais e material didáctico para que as escolas de nenas se transformen en unitarias, de nenos e nenas, con cargo ós orzamentos do ministerio correspondente.
Detrás do ofrecemento estaba a pretensión que estas sociedades non tivesen que aportar os salarios do profesorado e que a docencia pasase a estar a cargo de mestres con titulación suficiente. Iniciábase así o proceso para que as aulas que construíron e mantiveron durante anos os habaneiros, fosen transformadas en escolas estatais no que se refire ó seu sostemento e nomeamento de profesorado, igual que en parroquias veciñas. Ó tempo liberaríanse as
sociedades dunha importante carga económica que lles permitiría destinar fondos a socorros mutuos e axudas a asociados, pois a situación en Cuba entrara en crise por mor da gran dependencia da súa economía da de EE.UU. -Crack de 1929-.

† Francisca López Cazón. Viúva de Manuel Mato Vizoso. Faleceu o 13 de decembro ós 67 anos de idade. Eran as súas fillas: Amelia, Carmen e Felicia, que tanto recordo deixaron en varias xeracións de vilalbeses.

Mercado de capóns. Celebrouse o 18 e o 19 de decembro, foi moi concorrido. Vendéronse a 45 e mesmo a 55 ₧ o par.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES