Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O aborto dende a xeometría

viernes, 24 de abril de 2015
Hai tal balbordo acerca do aborto que non parece ocioso volver a abordalo aquí. Neste medio xa me ocupei del, dando conta da miña modesta opinión, con outras certamente nada modestas, pola indiscutible autoridade dos colaboradores. O título parece estraño: Intentarei xustificalo cos meus prexuízos zubirianos.

Imaxínense comigo un triángulo (e aquí xa temos xeometría) equilátero, en cuxos vértices escribíramos o seguinte: Nun dos da base, “metafísica da realidade”; noutro, “metafísica da realidade persoal”, e no vértice de arriba, “metafísica (os xuristas dirán “filosofía”) do dereito”.

A superficie do triángulo é o ámbito conceptual-operativo no que debería abordarse a problemática do aborto, partindo das achegas da ciencia e da bioética, sen perder de vista as lindes metafísicas. Por qué equilátero?. Porque o que esquematizo nel ten a mesma achega argumental, na miña opinión, para o que pretendo.

Permítanme vulgarizar importantísimos conceptos que requiren a exposición sosegada noutros contextos, é dicir, déixenme entrar nun contexto coloquial con vostedes. A REALIDADE, toda realidade, a nivel macroscópico e microscópico, ten unha estrutura sistemática, consta de notas elementais que a constitúen, e que só teñen un papel, un sentido, formando parte do sistema. Un reloxo, por exemplo, é unha realidade que consta de pezas, de elementos constitutivos, que por separado perden a súa función sistemática, a que posúen dentro do sistema.

Reparemos en algo moi importante. Cada clase de realidade é obxecto de atribución do que vamos a chamar as súas propias CONDICIÓNS: A auga, a pesar de que é unha realidade cunha estrutura sistemática de hidróxeno e osíxeno, carece de “condición” para construír con ela unha mesa, por exemplo; si a ten a madeira, o ferro, o aluminio, etc.

Xa deixamos aquí a “metafísica da realidade”: Só resaltar que hai sistemas cerrados, como o exemplo do reloxo, que xa están configurados, e outros abertos, que se van configurando a través do tempo, coa achega de novas propiedades. Paso a explicarlles estes últimos.

Se contemplamos agora outro vértice da base do triángulo, teremos que dicir algo da “metafísica da realidade persoal”. Élles moi complexa, é a máis complexa do cosmos, por iso os que saben disto din que esta realidade, por agora, é a que está no ápice do proceso evolutivo do universo (unha maneira ven imprecisa de expresalo, se non fora coloquial).

Pois ben; esta realidade persoal é unha estrutura sistemática aberta, porque o home, a MULLER, a persoa humana, vaise configurando a través do seu decurso vital, mediante a operatividade dos dous subsistemas, corporal e psíquico, que a constitúen compactamente implicados nunha soa unidade estrutural. (Hoxe o dualismo de corpo e alma non é aceptado nin compartido pola maioría dos integrantes da comunidade científica, ao menos sen relevantes matizacións).

E isto significa que o home, a MULLER, é, á vez, psiquicamente corpóreo, ou, se o prefiren, tamén corporalmente psíquico. Xustamente esta peculiar estruturación – co que chaman psiquismo superior, intelixencia e vontade – permítelles apropiarse de novas propiedades, denominadas propiedades por apropiación, que contribúen a configurar a realidade persoal inicial. Un médico, un carpinteiro, (...), adquiren mediante a adecuada formación, todo aquilo que necesitan para o desempeño da súa profesión, que outras persoas non posúen.

Pero estas realidades persoais, son sexuadas, para manter a continuidade da especie; e esta “sexuación” ten programación filoxenética, con fundamento na mesma especie, atribuíndo ao varón a CONDICIÓN de padre e á muller a de poder ser MADRE. Lembren que así como da auga non se pode facer unha mesa, nesta realidade persoal só da muller se pode “facer” unha madre (os logros da xenética aínda non o contradín). Preguntemos, pois, que é unha madre, cinxíndonos ao que deixamos dito.

Por suposto, é unha realidade persoal dotada da CONDICIÓN, filoxeneticamente programada, que a capacita para, en función matricial, asumir a xestación no seu seo doutra realidade persoal, que non é ningún elemento constitutivo da súa propia, e, polo tanto, resulta falaz a xustificación do aborto como un “dereito a dispoñer do seu corpo”, xa que do que realmente dispón é do que ten baixo o seu amparo xenerativo.

Talvez sexa necesario lembrar aquí algo que está razoado nun traballo anterior: o feto (e descúlpenme aquí as imprecisións biolóxicas), en canto realidade persoal, NON É UN XERMEN DE HOME / MULLER, É UN HOME / MULLER XERMINANTE. Non é un algo camiño de ser unha persoa; é esta mesma en proceso de conformación. Sen dúbida, a exposición disto requiriría moito máis espazo, e só o trago aquí a modo de complemento conceptual, remitíndome á colaboración anterior neste mesmo medio.

Quédanos o vértice de arriba, a “metafísica do dereito”, referida ao dereito (subxectivo) alegado, con non pouco énfase, por algunhas mulleres, que reclaman poder, impunemente, dispor do seu corpo, confundíndoo coa condición-función matricial aberta cara a esa realidade fetal, que, de ningún modo, ven a ser un elemento constitutivo da realidade persoal delas. É outra realidade, dito con sinxeleza.

Xustamente por isto, é tan absurda a pretensión de considerar un dereito da muller a abortar, que nin sequera se pode establecer unha relación xurídica entre o suxeito da obriga e o suxeito da esixencia, o suxeito do deber (permitir destruír a realidade fetal) e o suxeito do poder (facelo por dereito), porque as institucións sociais postuladas pola reclamante devirían (de devir), ao mesmo tempo, dispoñendo da vida do home / da muller “xerminante”, elemento causal na estrutura da relación xurídica, establecendo unha norma (un dereito obxectivo), e suxeito da obriga, do deber, poñendo incluso á disposición da suposta titular do dereito (aquí subxectivo) os medios necesarios a ese fin, que, por si iso fora pouco, temos que pagar todos os cidadáns.

Esa mesma muller tan reivindicativa, cando decide realizar o acto sexual (incluso sen adoptar as necesarias precaucións) está exercitando o dereito da súa disposición corporal, dereito que comporta a responsabilidade, correlativa, da vida do feto, consecutiva a ese acto: É unha decisión propia, facendo excepción dun acto de violación – en cuxo caso hai que coidar a introdución dun tratamento singularizado na mesma regulación xurídica –; unha decisión, que nin se lle debe, nin se lle pode, coartar.

Engademos a isto que toda realidade que perda as súas CONDICIÓNS, queda, evidentemente, quebrantada, en algún grao, na consistencia da propia entidade. Polo tanto, á muller que aldraxa a condición de madre, por libre decisión, será vítima das consecuencias psicolóxicas.

Élles esta unha leira espiñenta, onde as institucións gobernamentais deberían ser moi cautelosas, evitando inxerencias ideolóxicas e decisións para incentivar achegas electorais. E non estaría de máis que tamén as entidades ou institucións relixiosas e morais, facendo uso da autoridade e preparación que se lles supón, en vez de sementar interdicións a destra e sinistra, contribuíran a buscar solucións preventivas contextualizadas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES