Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (57)

miércoles, 22 de abril de 2015
As camas do principio do século pasado

As primeiras camas que vin eran de palla. Tiñan as beiras altas para non caer polo sobrado. De almofada, poñían un mollo. De vez en cando, cambiábase a palla por outra nova. Logo, apareceron os xergóns. Facíanos de saco. Pola parte do medio, facíanselles dous buratos para meter as mans e revolver a folla. Así quedaba máis espelida (descansaba mellor o corpo). Máis tarde, xa se compraba tea de raias para facelos. As follas eran de maínzo, aquelas que estaban máis branquiñas.

Recordo, polas festas do patrón, ir con miña nai encher os xergóns; pois, para lavar as fundas, botábanse as follas no campo. Despois, enchíanse; xa quedaban ben. Andando o tempo, empezáronse a traer ovellas. Empezouse a recoller a la. Fixéronse os primeiros colchóns. Era de ricos ter colchóns en todas as camas. Como se lavaban case sempre de verán, quitábaselles as fundas. A la poñíase ao sol. Vareábase para que lle caera o po e enchíase. A funda tiña unhas cintas que se ían atando conforme se ía enchendo; quedaba en cadrados.

Agora, compras o colchón; non tes que lavalos. Ata que se acaba ou pasa de moda. As mulleres están máis libres. Temos lavadoras, frigoríficos, cociñas que lle das a un botón e xa ferve a pota...; pero temos máis depresións, menos tempo para falar cun vello, coidar un neno.
Temos que aparentar o que non somos. Vivimos cara o mundo, cando iso non nos debería importar.

Estou contenta coa vida que me tocou vivir e, ás veces, recordo aqueles tempos con nostalxia. Para min, non foron tan malos. Tiña poucas cousas, pero valorábanse moito. Recordo as avoas coidando os netos. Agora, traballan avós, pais, e os netos ás garderías, que tampouco me parecen malas; pero, eu veño doutros tempos. Os vellos eran coidados polos fillos. Agora, todos teñen que traballar. Non temos tempo para querer á xente.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES