Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Hospital asilo de Vilalba (29)

jueves, 16 de abril de 2015
Ano 1928 (I)

O Hospital asilo de Vilalba (29)
Bombeiros. O 31 de decembro pasado produciuse un violento incendio no garaxe de Jesús Gayoso Salgueiro, na rúa José Mª Chao, estrada de Meira. Foi de tal proporción que en pouco tempo quedaron completamente queimados tres automóbiles que alí se gardaban. Dise que as perdas ascenden a 40.000 ₧.
Con tal motivo púxose de manifesto o lamentable estado no que se atopaba o material antibomba era de regular funcionamento e a mangueira nova, adquirida había pouco, estaban en situación de abandono e iso impediu unha actuación adecuada. Faise un chamamento para que o material de que se dispoña estea en perfectas condicións.

Reparto de xoguetes. Realizouse o día de Reis por iniciativa do avogado Pablo Pena de Olano co apoio da Unión Patriótica e de destacados próceres locais. Distribuíronse máis de douscentos xoguetes no medio da alegría dos máis pequenos.

Obra pictórica. No escaparate do comercio de Emilio Bouza exhíbese estes días un notable cadro ó óleo pintado polo mozo Antonio Insua Bermúdez, que vén demostrando singulares aptitudes para a pintura.

† Aurora Varela Basabrú. Faleceu o 20 de xaneiro ós 29 anos de idade. Era esposa de Víctor Basanta Silva, secretario do Excmo. Concello de Vilalba.

Casa-escola de Santalla de Rioaveso. Por iniciativa do fillo desta parroquia e do mestre da mesma, constituíuse unha xunta de veciños que ten por finalidade recadar fondos para a construción.
Está formada por: José Cendán Castro, presidente honorario; Padro Paz Lamas, mestre, presidente efectivo; vice, José Vélez Castro; secretario, José Lamas Prado; vice, Manuel Vázquez Cruña; tesoureiro, Antonio Pedreira Lozano; vice, José Bello Fernández; contador, José Janeiro Murias; vice, Juan Vélez Castro; vocais, Crisanto Bello Fernández, Ambrosio Lamas Orado, José Castro Pedreira, Francisco Lozano Garrido, Valentín Santiso Bello, Manuel Grande Fuentes, Manuel Álvarez Santiso, Ricardo López, José Prado Santiso, Baldomero Álvarez Santiso, Jesús Vázquez Pedreiro, Antonio Carracedo Cuba e José Rodríguez Cordal.
Ata esta data xa se tiñan xuntado 1.820 ₧.

Acacias caídas. Definitivamente caeron as últimas acacias que adornaban a rúa Rodríguez de Viguri.

Escola de Román. Terá lugar a poxa para construíla o día 12 de febreiro. Dá razón o presidente da Comisión, Andrés Pérez.

Comisión Executiva de 29 de xaneiro. Apróbanse as contas do ano anterior:
Saldo de 1926......................24.287,81 ₧.
Ingresos de 1927.................. 5.965,95 ₧.
Gastos de 1927....................17.502,30 ₧.
Saldo efectivo para 1928.....12.751,46 ₧.

Orzamentos municipais. Este ano discútense sen grandes alborotos. De entre os acordos tomados destacamos:
–Destinar 4.000 ₧ para obras do hospital asilo. O concelleiro Agustín López Arias pedía 5.000 ₧.
–250 ₧ para instalar teléfonos no concello, no xulgado municipal e no cuartel da Garda Civil.
–2.000 ₧ para mercar os terreos onde construír un matadoiro.
–250 ₧ para calefacción das oficinas municipais e do xulgado municipal.
–2.000 ₧ para ampliar o cemiterio.
–Créase, por ser obrigado, a praza de practicante municipal.
–As asignacións de médicos e farmacéuticos municipais quedan pendente para estudo.
–Non sobe a asignación para material educativo das escolas, malia as protestas do concelleiro Moltó.
–7.000 ₧ para reparar as rúas, segundo proposta do concelleiro Criado. Delas destínanse 3.000 á Chouzana.
–10.000 ₧ para camiños e pontes. A discusión deste capítulo ocasionou un forte altercado promovido polo concelleiro Apenela quen, despois de abandonar o salón do Pleno e de volver entrar, pediu a creación dunha comisión que vixiase o construído.
–3.000 ₧ especificamente para o camiño á Balsa.
–Retírase a consignación para amaño da alameda.
–150 ₧ para amaños no edificio do Concello.
–600 ₧ para amaños na torre do reloxo.
–A partida de funcións e festexos suprímese a proposta do concelleiro Soto, malia a oposición de Apenela.
–150 ₧ para a festa da árbore.
–8.000 ₧ para gastos de administración de xustiza.
–1.483,64 ₧ para imprevistos.

«Hijos de Santa Mª de Carballido» Elixiu nova directiva para 1928: Presidente, José Debasa Rodríguez; vice, José Ma Carreira; secretario, Bernardo Rodríguez Ramil; vice, Víctor Fernández; tesoureiro, Antonio Corral; vice, Saturnino Debasa Rodríguez; vogais, Antonio Saavedra, Armando Osorio, Luís Corral, José Rodríguez Pumariño, José Hermida Paz, Jesús Otero Varela, Jesús Cobas e Genaro Rodríguez Ramil; vogais suplentes, Servando Debasa, Francisco Díaz, Nemesio Rodríguez e Claudio Coira.

«Hacia la escuela perfecta». Evaristo Cuena, mestre de Cazás, publica un artigo de opinión con este título no «Heraldo de Villalba». Reflexiona sobre a importancia da educación e de ter locais e materiais pedagóxicos dignos para a docencia. Dá noticia de que logo se vai construír un moderno edificio escolar en Cazás. A Evaristo Cuena vémolo como activo mestre partícipe na renovación pedagóxica que se estaba producindo no mundo da docencia. Acompañou a Luís Bello na súa visita ás escolas da Terra Chá. Luís Bello foi un famoso xornalista que a finais da década de 1920 visitou os edificios escolares de toda España e nos seus artigos denunciou o estado o que se encontraba o ensino primario.

Comisión Executiva de 7 de marzo. Encárgase o enreixado e a porta de peche exterior do edificio a fundicións Sanjurjo, de Vigo. Acórdase pagar ós albaneis Antonio González e Francisco Maragoto 792 ₧. por 198 metros de valado exterior.

«Hijos de Goiriz». A sociedade escolleu directiva para 1928. Presidente, José Carreiras Carballeira; secretario Jesús Calaza Rey.

Do cabido municipal. En marzo celebráronse sesións para aprobar novas partidas nos orzamentos do ano que ascendían a 139.000 ₧. Por instancia do mestre e concelleiro Moltó, apróbase unha partida para as festas patronais de 330 ₧ e outras 870 ₧ para as do rural. A reparar rúas consignáronse 3.670 ₧ e a amañar de camiños e pontes 9.130 ₧. Para materiais das escolas e vivendas dos mestres, 8.000 ₧. En todo caso parece que a previsión de gastos superaba a de ingresos. O concelleiro Apenela formula un voto particular contra dos orzamentos por non se ter en conta o defendido por el.

«El malestar cunde». O «Heraldo de Villalba» de 31 de marzo clama polo malestar da xente a causa da falta de numerario, particularmente no rural. Dúas parecen ser as causas do mal, o gastado na redención de foros e a que as partidas procedentes de América cada vez son menores por mor da crise que tamén se deixa sentir alén do mar. E por riba, o sistema de arbitrios con que os concellos gravan o consumo. Todo se fai notar no comercio.

Escola en Burgás-Candamil. Foi creada segundo o disposto na R. O. de 10 de decembro de 1927 e establecida no lugar de Lagoa, no edificio construído pola «Sociedad de Instrución y Recreo Burgás y Candamil». O Concello contribuíu con 600 ₧ para material e os veciños recadaron 353,25 para acabar de adquirir mobiliario. É de admirar o labor realizado pola sociedade habaneira e pola veciñanza co seu párroco, Gumersindo Couto, á cabeza.

Comisión Executiva de 26 de abril. Acórdase mercar o correspondente contador, fío condutor, illadores, portalámpadas e demais material necesario para a instalación eléctrica.
No mes seguinte acórdase realizar foxas sépticas polo sistema de administración.

A casa escola de Carballido. O 14 de abril iniciáronse as obras. Houbo celebración relixiosa presidida polo párroco Leandro Seijas Prieto e nela participaron, ademais dos parroquianos, os franciscanos Modesto Feijoo e Serafín de la Concepción. No lugar escollido, O Chao da Barreira, depositouse a primeira pedra e nas palabras de Modesto Feijoo destacouse o labor da Igrexa Católica na educación da xente e no encomiable exemplo dos fillos de Carballido na emigración que contribuíron a que o edificio fose posible.O Hospital asilo de Vilalba (29)

Cemiterio en Nete. Para a mellora e ampliación do cemiterio parroquial, ademais das contribucións dos veciños, o párroco contou coas doazóns do bispo de Mondoñedo e do xuntado por unha comisión de fillos da parroquia na Habana. Eran estes Jesús González, Benigno González, Jesús Ferreiro e Silvino Sierra.

Reedificación da capela de Santa María Magdalena. Iniciáronse as obras para tal fin. Recollen doazóns para atender os gastos Manuel López, Pedro Rodríguez e José Martínez.

Antonio Insua Bermúdez. Este mozo de 17 anos acaba de ser pensionado pola Deputación Provincial para proseguir estudos de arte e pintura en Madrid. Fora alumno do mestre Moltó na escola de Vilalba. Xa de pequeno destacaba pola facilidade que tiña co debuxo e pola perfección que plasmaba nas paisaxes.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES