Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A prostitución, traballo libre e voluntario?

martes, 14 de abril de 2015
Hai pouco tempo que un xuíz de Barcelona sentenciou que unhas prostitutas tiñan relación laboral salarial con unha organización que considerou como empresa contratante. En consecuencia, ordenou que foran dadas de alta na Seguridade Social e se lles aplicaran os dereitos e obligacións como os de calquera outras traballadoras. Nos seus considerandos aclarou que, aínda que a prostitución en España está no limbo da alegalidade, é dicir, non é legal nin ilegal, as mencionadas meretrices declararon que exercían ese "traballo libre e voluntariamente"; e que por tanto o que procedía era legalizar e regulamentar ese traballo. Todo un salto cualitativo como veremos.

En reflexións anteriores, que o lector pode encontrar en artigos persoais publicados en GALICIA DIGITAL, sinteticei boa parte das cuestións relacionadas coa prostitución. En resumo, hoxe hai dúas posturas básicas fronte a este problema: Ou legalizala e regulamentala como outro traballo calquera ou abolila mediante unha serie de estratexias coordinadas, como se fixo en Suecia e estase a facer noutros países nórdicos. Desafortunadamente, en España, máis aló dos silencios oficiais, na práctica observamos que varios feitos e manifestacións mediáticas apuntan cara a unha "regulamentación lexitimadora" como o máis razoable e case natural. A última defensa argumental é que a prostitución é un "traballo libre e voluntario".

Pero o argumento dun traballo libre e voluntario está moi lonxe de axustarse a realidade. Todas as investigacións serias indícannos que en España hai entre 300 e 500 mil prostitutas, das que un 90% son extranxeiras e un 10% españolas; e unha característica visible e común a todas elas é que se prostitúen por necesidade ecónomica. Admítese, non obtante, que poden darse algúns casos moi reducidos de prostitución de alto nivel, de diñeiro fácil, que din facelo libre e voluntariamente. As restantes confesións son pura adaptación a necesidade envolvente. A pesar da constatación sociolóxica da necesidade económica, moitas ordenanzas dos grandes concellos españois, empezando polos de Cataluña, montaron unha normativa municipal sobre a base de respectar e salvagardar a "prostitución libre el voluntaria".

Partindo desta argumentación engañosa e de gran mentira, a situación actual española parece estar "madura" para legalizar e regulamentar a prostitución facendo caso omiso da experiencia Sueca que demostrou que, se se quere, e posible erradicar esta esclavitude maior do século XXI. Hai algúns meses propúxose en España contabilizar a prostitución como unha parte da riqueza nacional; e algúns Inspectores Fiscais da Facenda botaron as súas contas e calcularon que se podían recadar uns 6.000 millóns para o erario público, e que iso "merece unha reprobación moral, pero non fiscal". Agora o xuíz catalán deu un paso cualitativo máis e regulamentou de feito un caso concreto en beneficio da Seguridade Social, dando como solución convertir o caso en que existen empresario e traballadoras do sexo. A raíz desta sentencia determinados medios de comunicación deron a noticia en positivo e, sen apenas reparo algún, incluso algúns emitiron editoriais pregoando a legalización e rugulamentación inmediata da prostitución a todos os efectos, reservando determinadas actuacións contra as mafias explotadoras. Darán o salto os políticos? Todo está a punto; pero agora mesmo posiblemente non darán ese salto. Veremos máis adiante cando o pluralismo político entre en funcionamento.

En contra deste rumbo de legalizar a prostitución está a experiencia sueca, determinados grupos de mulleres, confesións relixiosas e bastantes colectivos de veciños que non queren prostitución nos seus barrios por razóns elementais de decencia e de estética públicas. Todos estes actores sociais teñen relativamente pouca voz e forza por encontrarse fronte a un gran muro de intereses e silencios. Ó sumo logran organizar atencións asistenciais, de reducida dimensión, a favor das prostitutas. A estas alturas está claro que sen unha lexislación contundente e unhas decididas actuacións das institucións públicas a favor da abolición, como ocorreu en Suecia, todo se quedará en pequenos remendos de boa vontade e a legalización da prostitución caerá como froita madura debido a confluencia de intereses de determinados medios de comunicación, de empresarios do ramo do ocio, de ideológos presuntamente progresistas, de burócratas e politicos dos diversos niveis. Entraremos nunha nova fase de dinámica social en que esa "riqueza nacional" será disputada para sacar cada quen a súa parte alícuota.

Pero, a onde levará ese "traballo libre e voluntario"? Onde quedará o reparo de que o sexo, algo íntimo e persoal, se converta nun instrumento de traballo? Posiblemente esas preguntas quedarán eclipsadas por un longo tempo, aínda que sempre serán recurrentes. A conciencia colectiva ás veces só madura a base de xigantescos tropezos; e a aceptación masiva da prostitución pode converterse nun deles.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES