Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En San Andrés de Teixido

lunes, 13 de abril de 2015
Os alumnos e alumnas da Uned Senior de Xestoso, acompañados polo noso profesor Felipe Senén vimos de facer unha viaxe a San Andrés de Teixido.

Pasamos pola lagoa de Valdoviño, lugar de paso de aves migratorias; polo tanto, de moita riqueza medio ambiental. A praia, coa súa beleza e bravura perigosa. A praia de Pantín, tamén moi fermosa, e utilizada, nos últimos tempos, para practicar o surf, mesmo en competicións internacionais, como o famoso “Pantín classic”. A praia de Vilarrube, co seu areal cheo de froitos do mar, noutros tempos: navallas, ameixas, berberechos, etc. Tamén coa triste historia de ser fosa común de paseados durante a guerra civil. Moi preto, Punta Candeira, lugar de percebeiros.

Toda esta zona está hoxendía inzada de eucaliptos, e creouse unha verdadeira industria arredor da explotación da súa madeira.

Logo, Cedeira, vila mariñeira, que medrou moito nos últimos trinta
anos. Coa praia da Magdalena, as galerías, as rúas labirínticas, os balaústres. A súa área portuaria xa era importante no ano mil cincocentos, cando se construiu o castelo, para defensa desta zona, contra os ataques piratas. A lonxa, a casa da cofradía de pescadores. Unha escultura de Villar, monumento á muller mariñeira. Os almacéns dos armadores, para a distribución do peixe e marisco. Os barcos de pesca, as redes, os percebeiros. O porto deportivo, etc.

Seguindo cara a San Andrés, pasamos por Rúa, observando antigos camiños, con buxos e loureiros, para dividir as fincas. Subimos pola serra da Capelada, contemplando as greas de cabalos asturcóns, que aparecen en pinturas rupestres en covas de Asturias, hai máis de vinte e cinco mil anos. Vendo os amilladoiros, montóns de pedras que transportan os peregrinos. Antigamente, levaban unha vara cunhas folliñas de teixo, e outros símbolos, que tiñan que ver coa purificación e a ascética, nos camiños da vida.

Chegamos ao miradoiro, onde fixemos unha parada para observar a aldeíña de San Andrés, alí, abaixo, no fondo, o inmenso mar, que chega ás costas das Illas Británicas, os altísimos cantís, dunha riqueza xeolóxica extraordinaria, con vetas de toelo, esquistos, seixo, basaltos, diferentes tipos de pizarras, bosques petrificados. Este é un paraíso de estudo para os xeólogos, a nivel mundial.

En San Andrés, templo reconstruído no ano 1.785, por onde pasou un benedictino Martín Sarmiento. Hai un escudo dos Andrade de 1.300 e pico. Aínda hai restos máis antigos, suponse que do ano mil e da época romana. Probablemente, levantouse o santuario sobre restos pagáns. A reliquia de San Andrés parece que foi traída de Italia por familiares dos condes de Lemos. O retablo barroco do altar, con San Andrés no centro, presidido pola Santísima Trinidade. Barquiños como ofrenda dos mariñeiros, exvotos feitos con figuriñas de miga de pan. A fonte dos tres canos. A lenda, na que San Andrés se lle queixa a Xesucristo de que a San Pedro lle dera unha basílica, a Santiago unha catedral e a el só unha ermidiña. Entón, Xesús respóndelle: “Tranquilo, Andrés, que o que non te visite de vivo unha vez, visitarate de morto dúas ou tres”.

Seguimos subindo a serra, e chegamos ao miradoiro da Garita da Herbeira, levantado na época de Felipe II, desde onde puidemos contemplar, case arrastrados polo forte vento, os cantís máis altos de Europa, con máis de seiscentos metros de altura. Enfronte, o cabo Ortegal, zona tamén rica en percebes; ao fondo, o porto de Cariño. Nalgunhas zonas do chan, turba. Á dereita, no pico da serra, o castelo do Casón, levantado nun antigo castro. Toda esta zona da serra da Capelada é moi rica en cogumelos e, no outono, énchese de xente que anda a súa procura.

Finalmente, a vila de Cariño, outro porto pesqueiro importante, coa súa lonxa, a cal visitamos, e as fábricas de conservas. Xa, de volta, camiño de Mera, observamos as casas de indianos(que abundan en toda a zona que percorremos hoxe), mesmo algunha construída ao estilo dalgún barrio da Habana, como El Vedado.

Aínda que a maioría de nós xa tiñamos estado nestes lugares varias veces, nunca se nos explicaran as cousas co detalle e a claridade que o fai o noso profesor. Polo tanto, como sempre, foi unha viaxe moi interesante.
Pérez Freire, Lourdes
Pérez Freire, Lourdes


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES