Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Toxeiros

lunes, 13 de abril de 2015
Revisando vellos papeis, batín outrantonte cunha reportaxe que fixera hai 15 anos en compaña do fotógrafo John Van Schilt que, por razóns que agora non lembro, non chegou a ser publicada.Trátase dun traballo dedicado aos vendedores de toxo, un traballo do que, logo de relelo, considerei que quizais sería interesante rescatar datos que se dan por parte dos dous homes e maila muller dun deles cos que conversaramos e que exerceran, un ata facía ben pouco, ese oficio hoxe desaparecido.

Estes dous toxeiros dos que falo e dos que se dá unha coincidencia nominal, tiñan os seus domicilios nas inmediacións de Lugo, en lugares que aínda hoxe se poderían considerar como rurais en certos aspectos, quizais non tanto o d’As Gándaras, xa máis barrio que aldea, como o de Pedreda, que está a 7 quilómetros da cidade nun desvío da estrada que vai a Meira.

O noso primeiro contacto era un tal Luís Quiñoá González, que nacera en Teixeiro (a 11 Km. da cidade) e comezara no negocio do toxo á idade de 12 anos. Ía, disque, cun acompañante aínda máis novo levando cadanseu carro. Comezaban a venda no barrio da Fervedoira e logo ían a feito, transitando por vías tan coñecidas como a avenida d’A Coruña, Ruanova, Raíña... Os carros ían tirados ben por un macho, ben por unha mula, porque, segundo dicía, “os que nos dedicabamos ao toxo en exclusiva, levabamos gando cabalar, mentres que os eventuais adoitaban levar carros tirados por vacas ou por bois”.

Quiñoá, que no momento da entrevista xa contaba con 77 anos e que traballara nese oficio ata os 23, dicía que o éxito do oficio de toxeiro naquel tempo estaba en que a gran maioría da xente de Lugo capital cebaba porcos, mesmo no embigo da súa histórica cerca, do que se deduce o espírito rural aínda ata non hai tanto neste vello asentamento humano. Tamén nos dixera que apañaban o toxo en montes comunais, ben provistos de comida e bebida nas mochilas, e despois diso, a vendelo. “Petabamos nas portas – dicía – e berrabamos: Toxo! Saían e pedían os feixes que lles facían falla para a semana. Era o que se usaba para estrar as cortes”. Logo aínda comentara en ton evocador: “Miles de veces foron as que paseei pola rúa da Raíña co carro cantando”.

E Quiñoá aínda se estendía para deixar claro que aquel non era un traballo precario, como podería parecernos hoxe e apuntaba que “de comer, beber e vestir, nunca tivemos falta”. Pero mesmo fora máis lonxe e dixéranos que os do toxo foran os primeiros en Lugo con poder adquisitivo para mercar bicicletas, que segundo el nos tempos que apareceran andaban polos 70 pesos. Tamén lembraba con rancor xa caducado dúas multas por non pagar o fielato, que daquela funcionaba nas portas de entrada á cidade. Mesmo lembraba unha que tivera que pagar polos anos corenta, nada menos que de 2 pesos que, segundo el, “non os valía o carro”. Quiñoá, mentres contaba, máis que outra cousa, semellaba sentir nostalxia, malia ser aqueles tempos de racionamento. Claro que, tamén nos dixera que aquel mesmo día de infortunio en primeira instancia, tivera a sorte de atopar logo na rúa unha peza de 5 que lle compensara de sobra. E era que cando ían entrar dentro de murallas, os do fielato “metíanlle ao carro unhas variñas longas, unha especie de calas, para ver se levabas algo nel que non debías e había veces que...”.

Daquel seu oficio de xuventude, Luís Quiñoá era incluso quen de lembrar que comezara vendendo os feixes a real e logo a real e unha chica.

Máis novos que Quiñoá eran o seu homónimo de Pedreda, de apelidos Novo Mouriz e mais a súa dona Leonor Varela Fernández, quen ao casar tamén botara unha man no oficio do seu home. Estoutro Luís, nado en plena guerra, lembraba naquel ano 2000 que cando el comezara na profesión xa andaba o feixe a 6 reás. Novo Mouriz estivera metido no mundo do toxo dende o ano 58, cando tiña 21 anos, ata había só 3 meses do ano no que falabamos con el. Nada menos que 42 anos!

Disque non lle fora doado deixalo de todo ata había tan pouco por non desairar a unha antiga clienta á que por fin para disuadila tivéralle que pór o prohibitivo prezo de 5000 pesos polo carro que lle encargara.

No momento da entrevista, Luís Novo Mouriz xa se dedicaba plenamente ao negocio da chatarra, pero como o seu vello colega Quiñoá, tamén se amosaba agradecido á súa anterior dedicación. Para que tivésemos unha referencia, confesaba que, tendo xa 2 criaturas o matrimonio, ían sacando á semana uns 60 pesos, tiñan que pagar 10 ao mes polo aluguer da vivenda e traballarlles un día á semana os terreos aos donos da casa. E para deixar perfectamente claro que era unha dedicación que pagaba a pena, aínda abondaba dicindo que chegaran a ter 7 fillos dependendo unicamente do toxo.

O que tamén nos apuntaba Novo Mouriz era que a eles xa lles tocou a época na que non se podía entrar dentro de murallas a ofrecer, pero si en barrios da cidade como eran o barrio Feijóo ou o de Recatelo. Con cadanseu carro tirado por un macho, Leonor e mais Luís tamén ían ofrecer ás veces o seu produto ao desaparecido Campo da Feira (hoxe Estación de Autobuses), pero non eran moi amigos de facelo porque lles cobraban unhas taxas que consideraban abusivas.

Luís tamén confesaba así e todo que malia que o prezo fora subindo, o negocio fora facéndose cada vez menos rendíbel. A título orientador dixéranos que cada carro adoitaba levar de 110 a 120 unidades, os pedidos viñan sendo de 40 por casa e nos últimos tempos cada feixe vendíase a 5 pesos.

Leonor tamén nos dixera que para conseguir o toxo o que facían normalmente era pedirlle permiso á Forestal de Labio para rozar os montes e así, de paso que limpaban, sacaban eles un beneficio. (E agora ao reler a reportaxe, veume á mente que quizais sexan en parte as cortes secas e os fertilizantes químicos causantes indirectos do constante holocausto dos nosos bosques).

O sistema, dicía a muller, era apañar un día e vender outro. Tamén se beneficiaban cando os chamaba a xente que quería manter limpas as súas terras pero, comentaban Leonor e mais Luís, que aínda que a maioría se daba por paga con esa limpeza, había quen lles requiría uns cartos a maiores para deixarlles levar o toxo.

E ata aquí o que coidei recuperábel daquela vella reportaxe sobre os vendedores en Lugo deste espiñento produto ao que, malia a súa rudeza, en tempos recentes e menos recentes, mesmo se lle procurou uso como vigorizante de máquinas de automoción e incluso se lle quixo facer protagonista dunha bebida espirituosa comparábel ao licor café, ao de guindas ou ao de herbas. Pluriempregos estes que non precisaba nos vellos tempos, a pesar da súa humildade, como ben sabían os nosos paisanos, que o utilizaban como comida e leito para o gando, sen por iso deixalo de lado á hora de facer o lume ou á hora de fertilizar as terras.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES