Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E aquel día a nosa velliña chorou

viernes, 10 de abril de 2015
Nunca se viu tan pobre na súa vida. Pasou as mil penalidades da guerra incivil. Leváronlle ao seu marido e del nunca máis soubo. Sacou adiante con sangue, suor e bágoas os seus catro fillos, tres mozos e unha rapaciña. Traballadora e honrada a carta cabal. Tivo que defenderse con bravura e dignidade dos que de distintos xeitos se quixeron aproveitar do seu infortunio. Soubo ver con clarividencia e intuición feminina as falsas promesas e tamén a utilización que lle propuñan tamén sobre os seus fillos.

Sabina de Agramonte foi desa clase de muller dun natural intelixente e con valentía que lle tocou vivir nunha época de inxustiza e miserias. Pero os seus criterios estaban firmes. E o seu proxecto vital, traballado polos seus pais desde a súa infancia xunto aos seus moitos irmáns, era firme como aquelas rochas que coñeceu desde sempre na súa aldea natal. Un proxecto que, xunto ao seu marido, ía medrando con gozo e verdadeiro sentido de existencia. Xa tiñan unha pequena terra para empezaren a súa casiña e nela estaban a traballar os dous, pouquiño a pouco, cando pasou o que pasou: “Os patriotas” acusárono de infiel ao glorioso movemento nacional.

Ela ficou rota. Así, “en metade”. Unha metade que tería de duplicarse en todo instante para que fose verdade aquilo de “sen que a morte nos separe”. E soíña, e en soidade, fixo o milagre. E pasaron os anos e coñeceu aos fillos dos fillos dos seus fillos.

Xa levaba encamada moito tempo cando un día, por entresoños e realidade, de súpeto e sen saber moi ben por que, díxolle aos seus: “Se esta vida segue así eu tírome á bebida”.

Xurxo, de nove anos, o seu bisneto, dille moi serio e con pena: Pero avoa, así lle dicían todos, como te vas tirar á bebida se nin es capaz de tirarte da cama?

Sabina, muller valente e loitadora, abriu os ollos, como espertando, mirou ao neno e deuse conta de que tiña razón. Nunca tan pobre se viu. E ese día a nosa velliña volveu chorar. E con ela tamén nós.

A Semana Santa tróuxome o seu recordo santo, tenro e agradecido.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania