Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

25.000 profesores menos

viernes, 10 de abril de 2015
Se os contamos de un en un, tardamos horas en rematar. Imposible poñer cara a vintecinco mil historias que ninguén vai escribir. 25.000 profesores menos en catro anos de crise, e menos soldo para os que quedan. Recortes que non permiten saír do burato negro. Pesa tanto a débeda que é imposible pagala. A austeridade imposta crea traballos que nin garanten unha vida digna nin permiten saír da pobreza. E mentres no resto do Estado o paro baixa, en Galicia temos 3.286 parados máis con menos xente en idade de traballar.

25.000 profesores menos. E un país que mira atrás, que aposta pola desigualdade, pola universidade para ricos, pola formación académica das élites. Unha sociedade para o 1% mentres o 99% terá que sobrevivir entre a precariedade e a dependencia, a falta de futuro, o consumo barato, Lidl, Ikea.

España escolleu afervoadamente a senda da desigualdade, modelo diabólico que denuncia T. Piketty en “El capitalismo del siglo XXI”. A ruptura da cohesión social dará froitos amargos de violencia e inseguridade. En pouco máis dun quinquenio a brutalidade da ditadura neoliberal levou ao empobrecemento das clases medias, espiñazo das democracias avanzadas mentres a clase alta goza de vantaxes e agasallos fiscais.

Das universidades saen profesores que tentan explicar o tamaño da depredación. Vémolos nas tertulias privadas desde que a televisión pública, ao servizo do goberno, dimitíu da decencia. Poñen de manifesto a desfeita económica de España, o acaparamento de recursos públicos en mans privadas. A canallada de dedicar máis cartos públicos aos intereses da débeda que a educación.

Pero con 25.000 profesores menos. Porque aquí expulsamos aos máis formados, exiliamos o cerebro, botamos das universidades aos investigadores. Sobran ata eses dezasete becarios mal pagados, expertos informáticos que asesoraban ao alumnado da USC. E cartos hai: a Consellería de Educación iniciaba 2015 con 300.000 euros máis para o ensino privado, “para alumnado con necesidades específicas de apoio”, mentres perpetra recortes drásticos de profesores de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe nos centros públicos que acollen a inmensa maioría de alumnos con necesidades específicas de apoio.
Por iso a cidadanía saúda a profesores que dando un paso ao fronte nas areas movedizas da política están provocar suores fríos no espiñazo dos vellos dinosaurios. E atemorizan aos que monopolizan a riqueza do país, mentres a maioría ferve de malestar contra o modelo económico. E coce de ira contra os bandidos que escapan sempre do castigo polas fendas do sistema xudicial, contra os que vivindo obscenamente ben tentan vivir mellor e mandan ao inferno da exclusión social a millóns de persoas. Entre eles, a 25.000 profesores.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES