Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O hospital asilo de Vilalba (25)

jueves, 19 de marzo de 2015
Ano 1926 (II)

Discusións García Ermida vs. Enríquez Chanot. Continúan as controversias a través dos respectivos xornais que dirixen. Por medio das descualificacións que se dirixen coñecemos que Chanot foi autor dunha «preciosa zarzuela ′Rusos y Japoneses′... además de varias docenas de obras teatrales que salían de sus manos con una rapidez pasmosa».
No fondo, unha diferenza de criterios sobre as actuacións municipais e unha acusación de cacique por parte de Chanot a García Hermida. Este último fora concelleiro, agora érao Enríquez Chanot; os dous durante a Ditadura de Primo de Rivera.

Comisión Executiva de 30 de xuño. Recíbense 500 ₧ de Santiago Trelles Martínez, párroco de Júarez, na Arxentina. Por outras fontes coñecemos que ofreceu os obxectos litúrxicos que se precisasen para a capela cando se inaugurase. Estudara no seminario de Mondoñedo e a súa nai era vilalbesa.

Bandeira para o «Sporting Club». No mes de xullo unha agrupación de mozas encabezadas por Soledad Fuentes e por Raquel Soto fan unha recadación de fondos destinados a confeccionar unha «bandeira de combate», deportiva, para lucir nas confrontacións a que houbese lugar. Por parte do club acórdase que as mulleres poidan ser socias de número coa cota mensual de 0’50 ₧ que lles daría dereito á entrada gratuíta os días do partido «...es indudable la ventaja que reporta dicho acuerdo».

Subscrición realizada polo Comité Federativo das Sociedades do Partido Xudicial de Vilalba. As distintas sociedades da comarca de Vilalba establecidas en Cuba uníronse nun «Comité Federativo» para sumar esforzos e recadar os fondos necesarios para o hospital asilo. En xullo deste ano publícase unha relación de doadores e infórmase que continuará. Destaca na longa lista a gran cantidade de persoas que fan pequenas contribucións o que dá imaxe da importancia que toda a xente concedía á obra.

Cemiterio de Candamil. Tamén se publica no mes de xullo unha relación de doadores de fondos con destino á construción do cemiterio de Candamil. No medio de pequenas contribucións destácase a importante realizada polo habaneiro Modesto Freire, casado con Regina Guizán Cao que era natural da parroquia. O terreo fora cedido por Domingo Souto.

«Sporting Club Villalbés», 3; «Miño F. C.» de Lugo, 2. No Vilalbés destacaron os irmáns Bellver. Despois dunha longa crónica o reporteiro -probablemente o mozo Pablo Pena de Olano- recolle as declaracións dos protagonistas:
Macente, capitán do Miño F.C.: -”Xogamos moi mal. Gañaron porque xogaron moito mellor. O árbitro, algo parcial”.
Pepe Bellver, capitán do «Sporting Club»: -“Non errei tanto como di a xente. Tal como ía o equipo, tiñamos que gañar”.
Cancela, árbitro do partido: -”Xogaron os dous equipos con verdadeira fe polo ideal da vitoria. Gañou o Vilalbés porque xogou máis”.
J. Bellver Cano, notable afeccionado: -”Cando un equipo xoga co entusiasmo co que xogou o Sporting, gaña sempre”.
Hai cousas que non cambian!

Liña restablecida. Volve funcionar a liña regular de automóbiles que une a estación de Baamonde con Vilalba, Viveiro e Ribadeo. Fíxose cargo do servizo a empresa Nistal e a viúva de Justo López.

Homenaxe a Antonio Mª Souto. Celebrouse no curro de Goás e foi promovido polas forzas vivas da localidade con motivo do seu regreso da Habana. Este rico emigrante distinguise no labor de contribuír economicamente ás obras emprendidas polos habaneiros, como a escola de Tardade, a da Liga Santaballesa e tamén do hospital asilo. Do aprecio co que era distinguido pode dar fe que estaban presentes autoridades locais, habaneiros como Cosme Sacido ou Manuel López Arias, mestres como Evaristo Cuena, Alfonso Fraga ou Antolín Crespo e, naturalmente, o tenente coronel Manuel Pena Vidal, promotor da escola de Tardade e Distriz. Tivo cargos de responsabilidade no Banco Gallego da Habana.
Na sobremesa do xantar, servido pola casa de Ángel Rego, houbo discursos. Cosme Sacido foi un dos oradores. Na resposta Antonio Mª Souto destacou o desexo de todos os americanos de que a obra do hospital asilo fose axiña unha realidade. O mestre Cuena cantou varios a-la-lás e todos, ó remate, o himno galego.
Xa no final da festa o fotógrafo señor Sánchez inmortalizou o acto e o homenaxeado convidou na casa de don Ángel Rego a unha garrafa de Bacardí e magníficos habanos.

Comisión Executiva de 15 de agosto. Cómpranse 4.000 flores para a festa da flor que se celebrará no próximo San Ramón.
Tamén se acorda aumentar un paso máis, a seis, os cinco previstos da escaleira exterior do edificio. Custarían un total de 1.395 ₧.

Escola en Cazás. Baixo o pseudónimo de «Un amigo de los niños», o mestre de Tardade, Evaristo Cuena, publica un artigo no «Heraldo de Villalba» do 18 de setembro manifestado a súa decepción porque a veciñanza de Cazás non se pon de acordo sobre onde construír un novo edificio para escola. Uns non queren o terreo que se cede; outros opóñense a que se cedan dous terreos para facer dous edificios. E a escola sen facer!

Santiago Trelles, a quen vimos meses antes ofrecendo un importante donativo para o edificio do hospital asilo, visita en setembro a escola de Tardade co seu promotor, o tenente coronel Pena. Nesta ocasión manifesta a súa dispoñibilidade para dotar de material didáctico as aulas.
Tamén se nos informa de que este sacerdote ten a intención de realizar unha viaxe de estudos por Europa para deixar constancia nun libro do que poida ver e observar. Logo regresará á Arxentina pasando por América do Norte.

O ferrocarril non se esquece. A construción dunha vía para o tren parece que está parada. Pero non por iso se esquece a obra. Disque a comisión que se encarga da súa promoción en Mondoñedo cambiou de parecer e agora xa non defende que pase por Vilalba a liña de Lugo a Ribadeo.

Homenaxe a Cosme Sacido. Con motivo do seu regreso á Habana, prepárase por parte dos seus amigos e compañeiros da emigración unha xusta homenaxe de despedida a este vilalbés que sempre apoiou e puxo esforzos e cartos para as obras comunitarias da xente de Vilalba e as súas sociedades.

Comité Federativo... Publícase no «Heraldo» do 4 de outubro a última relación de doadores que contribúen ás obras do hospital asilo promovidos polo Comité Federativo das sociedades do Partido Xudicial de Vilalba, da Habana. En total o recadado ascendeu a 3.474,12 pesos, que supuxeron 23.904 ₧.

Redención de foros. Constituíuse na provincia a Comisión encargada de aplicar o Decreto de 26 de xuño de 1926 polo que se permite a redención dos foros.
Como xa se indicou con anterioridade, eran o foros un sistema de arrendamento de inmobles a moi longo prazo que nacera na Idade Media. Unha das consecuencias deste sistema foi a enorme complexidade de documentación xerada na transmisión dos arrendamentos e a complexidade xurídica derivada da posibilidade de subforalos. A tradicional división das propiedades rurais en parcelas minúsculas é, en parte, debedora dos foros.
Desde finais do século XIX déranse intentos de redimir os foros. Os escritos e iniciativas en tal sentido sucedéronse pero non tiveron éxito. Foi finalmente en 1926, durante a Ditadura de Primo de Rivera, cando se promulgou o Decreto que, simplificando, permitía ó ostentador do dominio útil facerse coa plena propiedade do inmoble pagando un xustiprezo.
Ademais do soporte legar para que as terras fosen traballadas polos seus propietarios, este Decreto confirmou o que xa estaban facendo os particulares: chegar a un entendemento cos propietarios reais e facer a compra e, polo tanto, redimilos. Isto último non se explicaría sen as remesas de cartos enviados polos emigrantes.

Irmandade das xentes de Vilalba e Viveiro. O 26 de outubro un grupo de vilalbeses visitou Viveiro para realizar un acto de irmandade. A idea partira despois de que tivese lugar no teatro Villalbés unha velada literaria a favor do «Sporting Club Villalbés». A obra representada foi «El genio alegre», dos irmáns Álvarez Quintero, e gustara tanto a algún viveirense que se decidira ir representala á cidade do Landro. Foi así como unhas corenta persoas das máis relevantes da vila se desprazaron ata a costa coa finalidade de repetir a representación. Xa en Viveiro foron recibidas con todos os honores no despacho da Alcaldía. Entre os promotores figuraban Antonio García Hermida e Pablo Pena. Ás 7 da tarde tivo lugar a actuación no teatro Nemesio co aforo completo. O éxito foi total e tanto excursionistas como veciños de Viveiro loaron as dotes interpretativas de actores e actrices.
O asunto tivo moita repercusión na prensa local e tanto «La Voz del Pueblo» como «Heraldo de Vivero» recolleron nas súas páxinas tan magnífico e festivo evento.

Comisión Executiva de 27 de outubro. Chegou o balcón de ferro para a fachada do edificio que se encargara á empresa do señor Sanjurjo de Vigo. Acórdase pagar o seu importe, 354,80 ₧, e proceder á súa colocación e pintado.

Comisión Executiva de 8 de novembro. Acórdase que o presidente asine un contrato de seguro do edificio por valor de 150.000 ₧ coa compañía «La Unión y el Fénix Español». A cantidade ofrece unha clara estimación do custe do edificio no presente ano de 1926.

Ciclón en Cuba. En novembro a prensa informa de que no mes anterior un devastador ciclón atravesara a illa de Cuba deixando gran cantidade de damnificados. Tendo en conta a unión de Galicia en marcha unha comisión que se encargaría de recadar fondos con destino ós máis necesitados da illa caribeña. Estaba ó seu fronte, naturalmente, Manuel López Arias, quen a iniciara con 500 ₧.
Canda el, habaneiros, comerciantes e xentes de posibles da nosa vila. A mediados de decembro, estaban recollidas 2.852 ₧.

Comisión Executiva de 14 de decembro. O presidente comunica que se recibiron 3.273,45 ₧ enviadas polo «Centro Galego» da Habana. Acórdase transmitir un sentido recoñecemento ó seu presidente.

Remate de ano. O «Heraldo de Villalba» de 31 de decembro fai unha reflexión xeral sobre os sucesos transcorridos durante o ano.
E unha vez máis saen á luz as controversias entre este xornal e «El Progreso Villalbés». Desde as páxinas do «Heraldo» José Bellver Cano, animador cultural e deportivo da época, diríxese a Enríquez Chanot refutando punto por punto os ataques que previamente lle dirixira.
O hospital asilo de Vilalba (25)
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES