Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A supresión da Cota Láctea

jueves, 19 de marzo de 2015
COMPÁS SOCIAL: TEMORES ANTE A SUPRESIÓN DA COTA LACTEA


O próximo día 31 deste mes de marzo de 2015 quedará suprimida a cota lactea para todas as explotacións agrarias; ou dito noutras palabras, comezará un mercado do leite totalmente libre no que cada explotación poderá vender o leite que teña capacidade de producir. En teoría semella unha nova situación chea de oportunidades, mais non podemos esquecer que este cambio chega vinteoito anos despois de implantarse o sistema europeo de cotas lacteas que xa creou unha estrutura de relacións, de consensos, de intereses e de retos díficiles de superar. Como vai a afectar este novo cambio as explotacións leiteiras de Galicia?

Botemos unha ollada cara atrás. Lembrémonos de que o invento das cotas lacteas era para regular o mercado e defender as explotacións e rexións débiles contra a invasión dos excedentes das grandes explotacións. Foi efectivo este principio? Podemos supoñer que si, mais para Galicia déronse uns erros de base: unha mala negociación e un peor cálculo de cotas, pois Galicia en 1985 estaba nun punto de despeque das explotacións agrogandeiras e aquela situación non parece que se tivera en conta. Miles de pequenas explotacións quedaron con pequenas cotas case ridículas para poder modernizarse. E logo veu unha historia artificial, a venda ou alquiler de cotas lacteas que incentivou unha serie de trapalladas, especialmente agora a última hora, como a venda en efectivo da mesma cota simultaneamente a varias explotacións. E que dicir das explotacións que neste intre están endeudadas pola compra de cota lactea? Esta historia gris está aínda sen contar en detalle.

Mais vamos a cuestión crucial: o mercado totalmente libre do leite, é unha oportunidade ou unha ameaza? Se lemos a prensa galega desde que se tomou a decisión definitiva de suprimir as cotas, tal cambio estrutural apréciase máis como un perigo que como unha oportunidade. Ese risco está en que os grandes produtores de leite da Unión Europea produzan grandes excedentes que desviarán cara as rexións con explotacións e industrias máis débiles; e este movemento fará que baixen os prezos ata niveis que asfixien as pequenas e medianas explotacións, como é o caso da maioría das explotacións galegas. De non poñer cancelas a esta dinámica dun liberalismo desbocado, moitos miles de explotacións gandeiras galegas poden arruinarse en pouco tempo.

Ante este posible panorama, a conselleira galega do Medio Ambiente reafirma o seu optimismo fronte a esta situación que percibe como un abano de oportunidades, sinalando a vantaxe de que Galicia xa produce máis do 40% do leite español, o valor engadido dos lacteos, o defícit da produción leiteira de España, a posible ampliación de mercados en iberoamérica, etc. España consume 9 millóns de toneladas de leite, e produce só 6,5 toneladas, polo que hai un déficit importante a cubrir; mais, quen o cubrirá? Parece que xa hai movementos nas empresas de Europa para cubrir ese déficit español.

Pero esta delicada situación enredouse aínda máis coa multa de 88,2 millons de euros que a CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia) impuxo a nove empresas de transformación de leite crúa de vaca e a dúas asociacións de empresas lacteas, AELGA (Empresas Lacteas de Galicia) e GIL (Central Lechera de Galicia). O motivo destas sancións foi por intercambiar informacións sobre as relación cos gandeiros e poñerse de acordo sobre os baixos prezos a pagar os produtores de leite.

Ante esta escandalosa distorsión do mercado da produción e distribución do leite e a conseguinte sanción, todos os actores sociais implicados están tomando posicións: os sindicatos agrarios ven positivas estas sancións, mais están a espectativa da reación das empresas sancionadas, a ministra do ramo teme pola supervivencia dalgunhas empresas transformadoras e pola repercusión nos gandeiros produtores de leite. De momento as empresas van a recorrer as sancións. Que temen os produtores de leite? Que lles baixen o prezo debido a reacción das empresas lacteas para pagar as multas e tamén debido a posible chegada de grandes excedentes procedentes de outros países europeos. Na cadea de produción, transformacións e consumos de leite o primeiro banzo, os gandeiros, están a mercé das empresas transformadoras e de distribución.

Que vai ocorrer realmente?
Para os gandeiros hai algunhas oportunidades e moitos perigos, pois todo depende das reaccións das empresas envasadoras, das transformadoras, do comportamento das grandes superficies e da política dos organismos das administracións. Polo de pronto as explotacións leiteiras teñen que facer fronte os contratos coas recolledoras de leite e lograr cando menos uns prezos estables por encima do prezo de coste de produción. Cantas explotacións van a cerrar e cantas van a resistir? Canto leite galego se vaia transformar para cubrir o déficit de produción láctea de España? A competencia europea dominará cos seus excedentes? Deseguida, en pocos meses, veremos impoñerse unha nova dinámica máis aló dos discursos e temores actuais.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES